Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

A Valedora do Pobo pídelle información sobre o Museo á Deputación

A actual Valedora do Pobo, Milagros Otero, nunha visita a Pontevedra en 2016. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
A actual Valedora do Pobo, Milagros Otero, nunha visita a Pontevedra en 2016. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

Milagros Otero intervén na polémica que rodea á institución museística a petición de Amupo, coa que se reunirá o 21 de marzo

A Valedora do Pobo toma cartas na situación actual do Museo de Pontevedra. Milagros Otero vén de admitir unha queixa presentada pola Asociación Amigos do Museo de Pontevedra (Amupo) ao respecto da polémica que rodea a institución museística en canto á contratación do seu novo director (un proceso que segue aberto) e a súa dependencia da Deputación. Atendendo esa queixa, a Valedora requiriulle ao organismo provincial, o pasado martes (12 de marzo), información sobre os problemas que marcan a actualidade do Museo e dálle un prazo de 15 días para responder a esta solicitude.

Neste sentido, a Valedora tamén manterá o 21 de marzo unha reunión con Amupo para ser informada directamente das cuestións que motivaron a queixa. A esa cita, segundo informou a asociación, acudirán representantes dos traballadores do Museo. En concreto, está previsto que asista Ángela Comesaña, que na súa condición de representante sindical xa se ten manifestado crítica contra a situación actual que vive a institución, así como contra a falta de acceso a información directa por parte do persoal, que xa solicitou en dúas ocasións, dende o ano pasado, reunións co deputado delegado de Cultura, Xosé Leal, ou co vicepresidente da Deputación, César Mosquera, sen resposta. Por parte de Amupo acudirán á xuntanza o presidente da asociación, Ernesto Vázquez-Rey, e o secretario, Jorge Barrecheguren.

"Queremos que os traballadores estean presentes nesta xuntanza porque aínda que a asociación está para velar polo Museo como institución, entendemos que os primeiros afectados por todo o que sucede son os profesionais que alí traballan e que, cando menos, deben ser escoitados", explica Vázquez-Rey.

PRAZOS. Na súa resposta a Amupo, a Valedora lémbralle que as súas xestións non interfiren no feito de que a asociación poida chegar aos xulgados se non recibe contestación ao recurso de reposición que presentou contra as bases da convocatoria da praza para a dirección do Museo. Neste sentido, o 31 de marzo remataría o prazo para que o organismo provincial resolvese ese recurso de Amupo. "De non obter resposta o día 30 de marzo, presentaremos un recurso contencioso-administrativo contra esa mesma convocatoria, como xa advertimos", insiste Vázquez-Rey.

Sobre a reunión que manterán con Milagros Otero, o presidente de Amupo dise "esperanzado". "Sabemos perfectamente a quen nos estamos a dirixir e somos conscientes de cal podería ser a súa actuación, que en ningún caso é executiva, pero aínda así é un recurso que temos os cidadáns para queixarnos sobre a actuación da Administración e pareceríanos importante contar co seu interese e co seu apoio".

Amupo presentou un recurso de reposición contra as bases da Deputación que regulan a contratación dun novo director o pasado 28 de febreiro.

Outros casos. Derrubamentos en Vilaboa e acceso aos cines de Vialia
A actual Valedora do Pobo, Milagros Otero, foi a primeira en ocupar este cargo que visitou o Concello de Pontevedra. Fíxoo en 2016, nove meses despois de tomar posesión.

A súa intervención en causas como a denunciada por membros das asociacións de diabéticos e ostomizados Anedia e Assei, ese mesmo 2016, cando non podían acceder aos cines de Vialia con mochilas con material hixiénico, sanitario e alimentación específica, é coñecida. Naquel caso, a súa resolución a favor dos afectados fixo cambiar o xeito de proceder dos cines por un período de tempo.

Máis recentemente interesouse pola situación dos veciños de Vilaboa ante a ameaza de derrubamento de dúas vivendas visitando a localidade e reuníndose con Salvemos Vilaboa.

Figura controvertida
A figura da Valedora do Pobo, comisionada do Parlamento de Galicia que, neste caso, foi elixida a proposta do Partido Popular, está rodeada de controversia. No caso de Milagros Otero de xeito particularmente destacado ao ser condenada, o ano pasado, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por adxudicar de forma "arbitraria" unha praza a María Puy, irmá de Pedro Puy.

A Valedora do Pobo pídelle información sobre o Museo á Deputación
Comentarios