A guerra de Ucraína, as Tanxugueiras e Isabel II no Belén artesanal de Valga

O tradicional Belén Artesanal en Movemento foi inaugurado onte con referencias á morte da raíña Isabel II, o rei Carlos III, a guerra de Ucraína, os incendios forestais do verán ou as Tanxugueiras, protagonistas indiscutibles da cultura no 2022
Representación da situación dos hospitais. GONZALO GARCÍA
photo_camera Representación da situación dos hospitais. GONZALO GARCÍA

Un ano máis, e xa van 28 edicións, a apertura do Belén Artesanal en Movemento dá o tiro de saída ao Nadal en Valga. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o alcalde, José María Bello Maneiro, e a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, foron os encargados de abrir a cortina que cubría o nacemento e revelar, así, o segredo mellor gardado: as novas incorporacións recreando os grandes acontecementos que marcaron o ano 2022.

A morte da raíña Isabel II é un destes fitos, co cadaleito da monarca británica e o cortexo fúnebre percorrendo o Belén e unha réplica en madeira da Abadía de Westminster, na que se celebrou o funeral. Ademais, tamén hai espazo para o novo rei, Carlos III, e os seus problemiñas cos tinteiros que tanto deron que falar.

A guerra en Ucraína é outro dos sucesos de repercusión mundial que se engade ao nacemento, cun edificio bombardeado que ben podería representar a calquera cidade do país e que reflexa a destrución material e humana que está a causar o conflito bélico. Non falta a figura do presidente Zelenski nunha visita ás tropas.

En clave máis rexional, recréase a vaga de incendios forestais que sufriu Galicia no pasado verán, como unha homenaxe a todas as persoas que loitaron contra o lume. As Tanxugueiras, unhas das protagonistas indiscutibles do pasado ano no ámbito cultural e do espectáculo, contan coa súa figura actuando no Benidorm Fest, e tamén poden verse "As dúas Marías", as irmás compostelás inmortalizadas na famosa escultura da Alameda de Santiago.

No apartado local dedicado a Valga as principais novidades son unha impresionante réplica da igrexa de Cordeiro, que loce ao carón da Procesión dos Lacóns, unha das tradicións máis senlleiras de Valga; o Encontro cos Nosos Maiores, que anualmente reúne nunha comida de confraternidade á poboación máis veterana do concello; e un recoñecemento á piragüista valguesa campioa de España, Nerea Novo Romero.

Ademais, réndese homenaxe póstuma a Manuel Míguez Lodeiros, párroco de Campaña durante 51 anos que faleceu o pasado Nadal e que, dende os comezos, se encargaba de bendicir o Belén Artesanal na xornada inaugural. Nesta ocasión, correu a cargo do novo sacerdote da parroquia, Arturo Lores.

Declarado de Interese Turístico de Galicia, conta cunhas 4.500 pezas dispostas nuns 400 metros cadrados. Ambientado nunha vila galega (Valga) o percorrido permite contemplar paisaxes e costumes propias do rural galego, que conviven con escenas da tradición belenista e do Nadal. Ademais, o Belén recrea acontecementos de actualidade, converténdose nun anuario que repasa os sucesos máis relevantes do ano a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o deporte ou o entretemento. O seu carácter artesanal é o seu principal sinal de identidade, con pezas feitas a man polos integrantes da asociación Amigos do Belén.

A exposición estará aberta ata o día 8 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra do horario pódese solicitar cita no número de teléfono 630 95 25 15.

Comentarios