Valle-Inclán sen concesións

O Centro Dramático Galego trae Divinas Palabras Revolution este xoves ao Auditorio de Afundación de Pontevedra ▶ Xesús Ron (Chévere) é o director desta adaptación "dura, crúa, escabrosa e que non deixa indiferente a ninguén"

Marité Cores, Fefa Noita e Xesús Ron, este martes, na sede de Afundación en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (Valle-Inclán, Centro Dramático Galego)
photo_camera Marité Cores, Fefa Noita e Xesús Ron, este martes, na sede de Afundación en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (Valle-Inclán, Centro Dramático Galego)

Trasladar o texto clásico de Valle-Inclán en Divinas palabras á actualidade a través dun programa de telerrealidade é a última proposta do Centro Dramático Galego (CDG). O equipo da compañía Chévere, con Xesús Ron á fronte, está detrás desta montaxe que se poderá ver este xoves (20.30 horas) no Auditorio de Afundación de Pontevedra.

Divinas Palabras Revolution é o terceiro achegamento consecutivo que realiza dende Galicia á obra do dramaturgo vilanovés Ramón María del Valle-Inclán, unha vez que quedaron liberados, o ano pasado, os dereitos de autor das súas pezas e a familia deixou de poder executar o veto sobre calquera tipo de adaptación dos seus textos ao galego. Antes de Ron xa o adaptaran Quico Cadaval para Excéntricas en A cabeza do dragón e Marta Pazos para o propio CDG en Martes de Carnaval. "No noso caso, agora imos facer unha pausa con Valle-Inclán", explicaba este martes, en Pontevedra, a directora do centro público, Fefa Noia. "Pero estamos ante unha obra tan inxente que non ten límites. E non me estou a referir só ao teatro. Dan ganas de poñerse de xeito permanente con ela. É un empezar e non acabar".

Tanto para Noia como para Xesús Ron, que estiveron acompañados pola coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, na presentación de Divinas Palabras Revolution en Pontevedra, en Galicia había ganas de meterlle man ao dramaturgo. "É que estabamos ante unha anomalía histórica. Entramos todos con moitas ganas de achegarnos á súa obra", sinalou Ron.

Fefa Noia, directora do CDG: A obra de Valle non ten límites. Dan ganas de poñerse de xeito permanente con ela. É un empezar e non acabar

LABAZADA. Para o director desta nova montaxe, Valle-Inclán é, por enriba, un autor "moi sacralizado" en España. "Parece que tiñamos que chegar os galegos para adaptalo con espontaneidade, sen prexuízos. Case se pode dicir que, dalgunha maneira, era o que nos tocaba: tiñamos que tirarnos á piscina e que, por fin, tivese o mesmo tratamento que calquera outro autor clásico. En Madrid esta adaptación nosa de Divinas palabras supuxo un golpe, unha labazada".

O propio Ron recoñece que a súa é unha adaptación "sen concesións". Segundo explica, o que fixo en Divinas Palabras Revolution foi levar ese universo pechado e atrasado, do mundo rural galego de principios do século pasado no que está ambientado a obra orixinal, ao espazo que mellor casaba na actualidade, un programa de telerrealidade. "De feito, menos o asasinato, todo o demais comprobamos que xa pasou nos reality shows que se emiten, incluído violacións e explotación de menores", explicou Ron, que, segundo dixo, nesta obra lanza un reto ao espectador, tanto pola dureza do que vai ver como pola complexidade narrativa. "Quizais Valle estivo demasiado tempo en mans dos académicos. Nós queremos devolverllo ao público", dixo.

Xesús Ron, director artístico: É un autor moi sacralizado en España. Tiñamos que chegar os galegos para tirarnos á piscina

"Esta é unha montaxe dura, crúa, escabrosa e que non deixa indiferente a ninguén", di o director. "Estamos ante unha das obras de Valle máis posicionadas politicamente e máis profundamente críticas. O que pretendemos foi eliminar todo ese folclorismo que foi rodeando ao autor, que non estaba na súa orixe indómita e rebelde". O resultado, polo de agora, conseguiu todo tipo de reaccións. "Hai quen pensa que humillamos a Valle a hai quen di que por fin se adaptou correctamente".

Reparto
Co pontevedrés Borja Fernández


Xesús Ron é o director dun elenco conformado por actores habituais da compañía Chévere, á que el pertence. Entre eles está o pontevedrés Borja Fernández (na foto pequena). Coincide enriba do escenario con Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo e Mónica García. Do equipo técnico forma parte, entre outros, Xacobe Martínez Antelo, responsable da música orixinal da obra.

Sinopse
A consecuencia da morte de Juana, a súa irmá e a súa cuñada disputan a custodia do fillo orfo, que se resolve por un sistema de quendas. Nesta nova aproximación, Marigaila, Pedro, Simoniña, Marica, Tatoola, Migueliño, Candás, Laureano e Sétimo Miau son nove persoas pechadas nun programa de telerrealidade

 

Xira
Dez días no Teatro Español de Madrid


Divinas Palabras Revolution estreouse o 12 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A obra iniciou aí unha xira que a levou, no mes de maio, por Carballo, por Ourense e polo Teatro Español de Madrid. Neste último espazo, onde se puido ver en galego con sobretítulos en castelán, estivo durante dez días: do 17 ao 27 de maio. "Con moi boa recepción", sinalou este martes Fefa Noia. "Transitar o camiño da obra orixinal tivo algo de simbólico para nós". Despois puido verse no Barco de Valdeorras e na Coruña.

Vigo e Cangas
Tras o seu paso por Pontevedra este xoves, a obra continúa a súa xira. O 16 de xuño estará no Auditorio de Rianxo; o xoves 21 e o venres 22, no Teatro Afundación de Vigo, e, finalmente, o 29, no Auditorio de Cangas.