Miércoles. 19.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 19.06.2019
El tiempo

LUÍS REI, CANDIDATO DE MAREA PONTEVEDRA

"Van votar persoas que desde que naceron non coñeceron outro alcalde que Lores; iso non é bo"

Javi Entrevista a Luís Rei
Javi Entrevista a Luís Rei

Marea Pontevedra entrou a formar parte da Corporación municipal hai catro anos, agora espera dar un paso máis e converterse en «peza clave» no novo Concello que saia dos resultados do 26M

NAS MUNICIPAIS de 2015, Marea conseguiu entrar por primeira vez na Corporación de Pontevedra. Fíxoo con dous concelleiros e dende entón Luís Rei converteuse nun dos voceiros dos grupos da oposición. Agora volve optar á Alcaldía e afirma que o fai co "mellor equipo de todos".

Se fose elixido alcalde ou entrase no Goberno tras o 26 de maio, que é o primeiro que faría?
Entregar as primeiras rendas sociais municipais. É un compromiso que nós adquirimos con Pontevedra e que o Bloque de Lores adquiriu con nós por facilitar a aprobación dos Orzamentos de 2017. Desde aquela, pola pouca dilixencia do Goberno local, esas rendas aínda non chegaron aos pontevedreses, así que como agora hai uns cartos consignados e unha ordenanza aprobada, o primeiro que faría sería entregalas. Pero tamén faría outras dúas cousas: asinar a adhesión do Concello ao Transporte Metropolitano de Galicia, o que permitiría que os menores de 19 anos de Pontevedra puidesen viaxar en bus de balde igual que os de outros concellos; e tamén pagarlles aos clubes deportivos as subvencións que se lles adebedan dos anos 2017 e 2018 e pagarlles as de 2019. Para moitos equipos é vital contar con eses recursos e non se pode privalos deles mentres no Festival Multisport se investiron dous millóns de euros. Estívoselle pagando unha mariscada aos de fóra mentres se sometía aos clubes de Pontevedra a unha dieta de adelgazamento.

O partido desde dentro
"En Marea Pontevedra convive xente de distinto pensamento, pero cunha visión común ante os grandes temas"

Do que fixo o actual Goberno local, que cambiaría en primeiro lugar?
Traballar por Pontevedra pero cos pontevedreses. Lores e a súa garda de corps, que son os mesmos desde hai 20 anos, padecen a síndrome do illamento. Hai que dialogar máis coa xente, escoitala e facerlle caso.

Que é o que máis lle gusta e o que menos lle gusta de Pontevedra?
Miro atrás, á Pontevedra que coñecín hai 36 anos, e case todo foi a peor, agás retirar os coches do centro. Se vexo con atención fotos da Pontevedra na que viviron Castelao e outras xeracións posteriores, vexo que o encanto da cidade, que aínda é moito, foi perdéndose e iso fala mal dos políticos que tiveron responsabilidades de Goberno. Por exemplo, non foron boas opcións construír unha cidade escolar e universitaria sobre unhas xunqueiras nin o complexo fabril da Celulosa en Lourizán. Aínda sendo incompleto, o espazo que máis me gusta de Pontevedra é a illa do Cobo e o desafío máis importante que ten a cidade é recuperar a Xunqueira de Alba e convertela nun espazo de lecer. Iso pasa por rescatar as concesións de naves de distintas administracións e darlle a esa zona unha atención preferente.

Cre que un alcalde debería ter un límite de mandatos?
A política é un servizo á comunidade que debemos desenvolver de xeito temporal, sabendo que é necesario que teñamos un papel laboral que nos espera cando o noso paso pola política remata. Esa aspiración que vemos en Pontevedra a facer dos cargos algo vitalicio vai contra a saúde da democracia. Un só mandato pode ser escaso, pero dous xa permiten desenvolver un proxecto. Tres son moito, porque cada 12 ou 15 anos renóvanse xeracións. Aquí van participar nas eleccións persoas que desde que naceron non coñeceron outro alcalde diferente a Lores. E iso non é bo.

Análise
"Miro atrás, á Pontevedra que coñecín hai 36 anos, e case todo foi a peor agás retirar os coches do centro"

Cre que nestes catro anos Marea Pontevedra conseguiu conectar coa xente?
Eu son autocrítico, así que creo que puidemos facelo mellor. De todas maneiras, partimos dunha situación na que se fai difícil, porque en Pontevedra está instaurado todo un entramado no que tentar asomar a cabezar se converte nunha tarefa heroica. Si que pesa todo o esforzo que desenvolvemos estes anos situando na axenda cousas que non estaban, pero iso non acabou de chegar a toda a sociedade. Con todo, estou moi satisfeito do balance, a pesar de que os concellos son a Administración na que se fai máis difícil que luza o traballo da oposición.

O movemento cidadán xerado co 15-M foi decisivo na constitución das Mareas e doutras confluencias. Cre que realmente todo aquelo mudou algo?
Inicialmete si. Empezou sendo froito da espontaneidade das masas, sen líderes claros, e iso requiría dunha tradución á política. Nun principio esa expresión política recollérona Podemos e as confluencias e iso tivo un debut fantástico nas eleccións municipais de 2015, que situaron aos gobernos do cambio nas principais cidades galegas e españolas. Pero a traxectoria posterior puido ser moito máis acertada do que foi.

E que fallou, entón?
O gran capital da nova política era a transversalidade, buscar fórmulas híbridas derrubando os vellos marcos, e iso en Galicia implicaba rematar co minifundismo político. As tensións que levaron a que iso se tambalease foron erros. Cando hai erros que padeces nos que non tes responsabilidade, tes que tentar sortealos, pero resulta pouco razoable e mesmo suicida que eses erros proveñan de ti mesmo e do teu propio espazo.

Cre que os resultados das xerais se van reproducir en certo modo nas municipais?
O noso espazo nas eleccións xerais fragmentouse, pero na nosa candidatura en Pontevedra temos persoas que estaban na lista de En Común Unidas Podemos e na de En Marea. Por outro lado, a xente vota en clave distinta en procesos electorais diferentes. Diso mesmo se beneficiou todos estes anos Lores, que concorre ás eleccións municipais cun partido que nas autonómicas e nas xerais vén colleitando uns resultados bastante modestos. Iso quere dicir que o resultado do 26-M non ten por que verse afectado para nada polo do 28A. Outra proba evindentísima diso é a da Comunidade Valenciana, onde no mesmo día se votou para o Parlamento autonómico e para as Cortes Xerais e unha forza como Compromís tivo algo máis 170.000 votos para as xerais e máis de 400.000 para as autonómicas.

Sobre Podemos
"Eu preséntome á Alcaldía co aval da traxectoria nestes catro anos; outros son unha incógnita"

Como di, a fragmentación entre En Marea e En Común Unidas Podemos pasoulle factura nos resultados electorais do 28 de abril, sobre todo á primeira destas forzas, que non conseguiu representación no Congreso. Nestas municipais, en Pontevedra tamén se presentan por separado Marea e Podemos, non cre que iso lle poida pasar factura tamén?
Eu preséntome co aval da traxectoria nestes catro anos. A iso hai que sumarlle a experiencia política, de xestión e o gran prestixio que ten a nosa número dous, Tere Casal. Ademais, temos un equipo de xente preparada e un programa que detectou os desafíos máis importantes do Concello e que se vai abrir paso entre a xente. Iso é co que nós nos presentamos. Os demais son unha incógnita.

En En Marea a nivel autonómico hai unha clara guerra interna. Esa división tamén se traslada a Marea Pontevedra ou aquí están todos no mesmo lado do barco?
Marea Pontevedra é un espazo político local moi cohesionado durante estes anos e no que hai persoas que quixeron xogar tamén un papel en política autonómica e española. Eu non. Eu traballo unicamente en clave local pontevedresa. O noso partido é local, pontevedrés, pero admite que haxa xente que participe en proxectos supramunicipais, como Peque González ou Mariquiña Lores, que é unha das voces máis autorizadas na defensa da sanidade pública en Pontevedra e foi candidata de En Común Unidas Podemos. Entón, temos un espazo no que convive xente de distinto pensamento e a min gústame que a pluralidade se poida manter desde unha visión común ante os grandes temas. Eu prefiro camiñar con esas dúas patas.

Pero dúas patas distintas nun mesmo corpo, non poden rematar xerando unha confrontación como a que se está vendo na formación galega En Marea, con Luís Villares por un lado e outros por outro?
Eu penso que non, porque todos temos en común a defensa deste concello. Quen teña a necesidade de implicarse en procesos de ámbito superior, pode facelo perfectamente mantendo o compromiso que nos une a todos, que é con Pontevedra.

Vostede síntese cómodo presentándose ás municipais coas siglas de Marea?
Síntome cómodo coas siglas Marea Pontevedra.

Para este 26-M concorren nove forzas na cidade. Como cre que vai influír iso nos resutados? Cre que desta volta vai haber maiorías?
Absoluta en Pontevedra só houbo unha no ano 1983 con Rivas Fontán e creo que esta vez, coa fragmentación que hai, tampouco se producirán, así que o próximo Goberno necesariamente sairá do acordo de varias forzas políticas.

E vostede pactaría con alguén para formar goberno?
Na sesión constitutiva do Concello eu e os concelleiros de Marea Pontevedra imos votar por min e quen saia alcalde nese primeiro Pleno, tanto se son eu como se é outro, terá como primeira tarefa buscar alianzas que garantan un Goberno estable para a cidade.

Cal é a súa mellor baza para este 26 de maio?
O traballo desenvolvido nestes anos e a candidatura que creamos incorporando a moita xente de valía e prestixio que fai que aumenten as simpatías por nós e deberían facer que o resultado nos dea un papel protagonista. A nosa lista é a mellor opción. A do Bloque, por poñer un exemplo, é máis do mesmo, está construída con demetrios.

Se tivese que convencer aos pontevedreses de por que teñen que votar por Marea Pontevedra, que lles diría?
Que voten para facer un concello por, para e cos pontevedreses.

"Na casa sempre cociño peixe, pero aos demais candidatos serviríalles donuts"

Luís Rei, na Praza de Abastos. GONZALO GARCÍA

Aínda que naceu na Coruña, vive en Pontevedra dende hai 36 anos, en Mourente. Ten parella e unha filla que, como el mesmo explica, tivo que emigrar: "Foi profesora en Londres e desde hai un ano e medio atopou traballo en Pontevedra", di.

Entón na súa familia saben o que é que os mozos teñan que buscar traballo fóra do país?
Si. Da súa clase do instituto unha alta porcentaxe está fóra porque non tivo oportunidades de traballo aquí. É terrible cando as políticas fan que a riqueza que xera un país non dea para que os seus habitantes poidan atopar oportunidades nel. As xeracións novas son as máis preparadas da historia de Galicia e ese capital investido na súa preparación está beneficiando a outras sociedades.

A súa estrea literaria foi no ano 1982. Como foron eses inicios?
Na adolescencia hai moita xente que empeza a escribir, en parte por afán de emulación de clásicos aos que admira. No meu caso eran clásicos como Antonio Machado, Miguel Hernández, Rosalía... e tamén os vangardistas. Ademais, pretendía inocentemente que a través da escrita de versos puidese contribuír dalgunha maneira ao cambio político no país e, por outro lado, facer que as mozas que me gustaban me fixesen caso.

"Estivera en política nos últimos anos do franquismo e non volvín ata que participei no nacemento de Marea Pontevedra"

E aínda que a obra coa que debutou foi Para matar ao tempo, supoño que non empezou na política para matar o tempo. Que o levou ata ese camiño?
Eu estiven en política nos últimos anos do franquismo, cando os partidos estaban perseguidos, pero esa etapa pechouse en 1981 e, aínda que sempre participei noutros movementos, nunca máis me volvín involucrar organicamente. Pero o que representou o movemento de Nunca Máis, as manifestacións contra a guerra e o 15-M fixéronme crer que era posible unha nova política. Crin na posibilidade dunha confluencia que superase as vellas fronteiras entre as organizacións progresistas e rematase sendo algo beneficioso para a sociedade. Entón participei no nacemento de Marea Pontevedra como un máis e a propia dinámica da organización me levou a acabar tendo un papel máis protagonista.

Ademais da súa faceta literaria e política tamén traballa na TVG, porque explica que vostede non vive da política nin cobra adicación exclusiva no Concello, non?
Efectivamente. Estou en informativos, na quenda da fin de semana, que empeza os sábados ás 8.00 e remata ás 23.00 horas e continúa o domingo coa mesma xornada. Agora, para a campaña, pedín unha licenza sen emprego nin soldo.

E apoia as reivindicacións dos traballadores da TVG?
Por suposto. É unha dobre loita: contra a precarización da empresa e do emprego e contra a manipulación, para dotar á TVG dunha fórmula que garanta a neutralidade e a pluralidade.

Se tivese que elixir entre escribir, a política e o seu traballo na televisión, con cal se quedaría?
Con escribir. Son unha persoa que lle dá moitas voltas ás cousas e a maneira de ordenar a cabeza e o mundo é desde a palabra e, polo tanto, ese traballo é o que resulta máis útil para entender as claves da vida e do mundo. É co que me sinto máis a gusto.

"Se teño que elixir entre escribir e a política quédome co primeiro; a maneira de ordenar a cabeza e o mundo é desde a palabra"

E cando ten algo de tempo libre, a que lle gusta adicalo?
Son bastante normalito. Gústame estar cos amigos, viaxar e pasmar. Teño a sorte de proceder da ría de Muros e ter unha casiña alí na que me refuxio sempre que podo e simplemente con levantarme e ver a boca da ría xa estou a gusto. Gústanme os praceres baratos.

E cal é a súa viaxe soñada?
Non é necesario ir ao outro lado do mundo, pero sempre me gusta pensar que vou volver a América. Coñezo Bos Aires, Sao Paulo, Nova York e algo de California.

Que libro ten agora mesmo na mesiña ao lado da cama?
Os últimos que lin foron El legado de los espías de John le Carré e Las hijas de otros hombres de Richard Stern.

Cociña na casa?
Si. Fago a compra e cociño. Desde hai moitos anos merco na Praza de Abastos e na cociña son bastante de sota, cabalo e rei, así que as comidas case sempre son de peixe, ou cocido e con aceite de oliva ou ao forno.

E se tivese que invitar a cear aos candidatos dos demais partidos pontevedreses, que prato lle prepararía a cada un?
Non me molestaría en facelo, senón que lles presentaría a todos preelaborados e a Lores un donuts.

E iso?
Para poñerlle un cero. Pensándoo ben, mellor donuts para todos.

"Van votar persoas que desde que naceron non coñeceron outro...
Comentarios