Miércoles. 12.12.2018 |
El tiempo
Miércoles. 12.12.2018
El tiempo

Vanessa A.Gómez, senadora por Pontevedra (En Marea): "Non nos debemos a ninguén, só a Galicia"

Vanessa Angustia Gómez, nas instalacións de Diario de Pontevedra
Vanessa Angustia Gómez, nas instalacións de Diario de Pontevedra
É a máis nova dos 16 representantes que Galicia terá no Senado e a única que formará parte dun grupo no que haberá tantos homes coma mulleres. "Pan, traballo e teito" serán as prioridades que esta pontevedresa defenderá na Cámara alta, sempre e cando non haxa que repetir eleccións

É a política máis nova que Galicia achegará ó Senado. "Se non hai cambios", apunta Vanessa Angustia Gómez (Pontevedra, 1980), que subliña a importancia de que as mulleres teñan voz nunha Cámara na que os homes son maioría. "Serei a voceira dos pontevedreses", di tras ter recibido 136.084 votos durante a xornada electoral do domingo. "A vitoria foi dobre: Galicia terá por primeira voz grupo propio no Parlamento e no Senado do Estado español e demostramos que o bipartidismo podía romperse", subliña.

Ademais de erosionar o bipartidismo na provincia, é En Marea a culpable da caída do BNG, que deixará de ter deputados en Madrid?
Esa reflexión non nos corresponde a nós facela. Nós fixemos a nosa reflexión previa. Isto vén de lonxe, do 15M, cando demos un paso adiante en Galicia para conformar AGE (Alternativa Galega de Esquerdas), integrarnos nas ‘mareas’ e continuar ata aquí. Se Nós, o BNG, o Partido Socialista ou outros partidos consideran que deben reflexionar, é cuestión deles.

Foi elixida senadora tras superar ó PSOE, que quedou fóra da Cámara baixa por moi pouco. Recibiu algunha chamada de felicitación dos seus adversarios políticos?
Recibín felicitacións de persoas que coñezo persoalmente, pero é verdade que ningunha das persoas que quedaron atrás na votación. Eu enviei algunha felicitación polo bo funcionamento da xornada electoral.

Abríronse moitas botellas de champaña?
Abríronse algunhas. Foi unha campaña moi dura e intensa. Para moita xente eran as súas primeiras eleccións. Había moita tensión e moita emoción. Ese día había moitas ganas de celebración.¡

Que pensa do Senado?
Os cidadáns temos a sensación de que todas as institucións son opacas. No caso do Senado, a opacidade faise máis evidente, polo que a primeira liña de traballo será gañar en transparencia e dar a coñecer o noso traballo e que este sexa fiscalizado, tanto pola xente que nos apoia como pola que non. Queremos que a xente estea con nós. Precisamos ter un pé en Galicia e o noso pé vai ser a xente. O segundo plantexamento que faremos para o Senado é converter esta cámara nun verdadeiro órgano territorial que sexa útil para España e para Galicia.

De suprimir o Senado, nada...
Queremos unha reforma que convirta o Senado nun órgano territorial e traballar con transparencia, para que a xente saiba o que se fai.

O cargo de senador conleva unha serie de privilexios, non só salariais. Plantéxase renunciar a algún deles?
Nós asinamos un código ético no que nos comprometemos a dúas cousas: un límite salarial equivalente a tres veces o salario mínimo interprofesional e a non aceptar portas xiratorias.

"Elnosa ten que marchar e Ence tamén. Se as rías morren, o turismo desaparece de Galicia. É algo innegable"

A quen cre que lle debe o seu posto como senadora, a Alberto Garzón (Izquierda Unida) ou a Pablo Iglesias (Podemos)?

Eu creo que llo debemos a Galicia como suxeito político. Foi Galicia a que nos votou e é con Galicia con quen estamos comprometidos.

Vostede é responsable comarcal de Esquerda Unida, que obtivo un mal resultado a nivel estatal. Seguirá as instrucións do seu partido?
Onte pola mañá (o luns) tivemos a primeira reunión do grupo parlamentario do Congreso e dos dous representantes do Senado. E nesa reunión marcáronse as pautas de como vai a ser isto. Quedou perfectamente claro que nós estamos aquí para defender os intereses de Galicia. Non nos debemos a ninguén. É certo que cada un vimos da nosa cultura política, pero ese foi o gran logro e a superación deste proceso de unidade. Temos clarísimo que só nos debemos a Galicia.

Cal será a súa principal loita?
O primeiro que hai que facer é unha nova rolda de contactos cos colectivos cidadáns que participaron na nosa candidatura, no caso desta cidade, Salvemos A Fracha e Salvemos Pontevedra, que van ter moito que dicir nesta lexislatura. A aposta non quedou nas urnas. Non eran meras testemuñas da candidatura. Nós somos voceiras. Non imos tomar decisións en contra do pobo e en contra da xente que representamos. É a xente a que nos ten que axudar. Nós camiñamos toda a campaña cunha consigna moi clara: pan, traballo e teito. Iso é o máis urxente.

Entendo polo que di que a A-57 e a continuidade de Ence e Elnosa non son do seu agrado.
A A-57 é algo para nós moi importante, non só polo que representa medioambientalmente, senón polo que representa politicamente. A ninguén lle beneficia, en termos de pobo. A A-57 beneficiará a Ana Pastor e ós seus votantes ou a San José, que recibe a contrata, pero está claro que a cidadanía de Pontevedra non se beneficiará cando perdan a súa única serra (A Fracha). Salvemos Pontevedra tamén está na nosa candidatura e acaba de conseguir un fito: que se desestime o recurso de casación que presentou Elnosa. Ten que marchar da ría. E o seguinte paso é que Ence marche tamén.

Ence aférrase a Lourizán, a lei ampáraa e parece que cada vez máis xente defende a súa permanencia...
Queremos un modelo produtivo para Galicia baseado nos sectores primarios: recuperar o noso agro, o noso mar e as nosas rías. Os nosos sectores terciarios, como o turismo, dependen do sector primario. Se as rías morren, o turismo desaparece de Galicia. Iso é algo innegable. Por iso queremos recuperar o espazo das rías, para que poida haber espazo de traballo e se poida vivir neles e non estean ocupados por eses intereses privados que, realmente, non nos benefician.

É o mesmo argumento que emprega o BNG...
Ninguén di que non teñamos coincidencias, pero somos moi distintos. Primeiro porque interpretamos os intereses de Galicia cunhas prioridades totalmente diferentes. Pero o que verdadeiramente nos diferencia é que nós entendemos que a unidade era o único camiño para romper o proceso bipartidista. E iso fai que, politicamente, agora sexa case imposible unir esas dúas culturas políticas.

É imposible unha alianza co Bloque para as autonómicas?
Non dependerá de nós. A nosa man está tendida.

Cal cre que será o seu principal inimigo no Senado?
O problema máis grande será o non quedar invisibilizados nunha cámara tan hostil e desigual, na que o PP ten a maioría absoluta. Eu acepto este reto: comunicar en positivo, ofrecer propostas e alegría. Iso foi o que nos axudou a romper as urnas o día 20.

Igual hai que volver abrilas.
Pode ser. Nós aceptamos que o escenario está totalmente aberto e que hai moitas posibilidades. Pode haber eleccións en tres meses ou pode haber novo Goberno.

Que lle gustaría que pasara?
Vai ser moi difícil gobernar, porque dependerá de pactos moi complicados. Pero o que me gustaría e que se fose fiel ás decisións que se tomen. Moitas veces fanse pactos e non se respectan. Creo que hai un erro moi grave neste momento: pensar que o proceso coa cidadanía xa rematou. É como se a cidadanía xa non contara neste proceso. Por que o PSOE, Podemos, PP ou o resto de partidos lle pregunta aos seus votantes?

Xuridicamente, o rei podería ter a última palabra...
Que tivera que decidir o xefe do Estado sería o peor dos casos posibles.

Vanessa A.Gómez, senadora por Pontevedra (En Marea): "Non nos...
Comentarios