Veciñas de Silleda, Mondariz e Moraña protagonizan a curta 'Aquí está Carme'

▶ A Deputación celebra en Pontevedra unha gala con De Vacas dentro do programa 'Acciona o rural'
As mulleres participantes na iniciativa xunto a Carmela Silva e outras deputadas provinciais. RAFA FARIÑA
photo_camera As mulleres participantes na iniciativa xunto a Carmela Silva e outras deputadas provinciais. RAFA FARIÑA

Recoñecer o papel das mulleres na construción do territorio e na loita pola igualdade era o obxectivo da curta documental Aquí está Carme, que cona coa dirección de Anzos Fazáns e que o venres  se estreou no Pazo Provincial de Pontevedra enmarcado no programa Acciona o rural da Deputación. A proxección contou coa presenza das 30 veciñas de Silleda, Mondariz e Moraña protagonistas do proceso creativo que recolle este traballo.

"A curta devolve o protagonismo a mulleres do rural da provincia como Mari Carmen, Teresa, María, Ester, Consuelo, Carmela, Laura, Amparo ou Otilia", explica a Deputación, referíndose ás participantes nos obradoiros de creación escénica organizados ao amparo de Acciona o rural, a iniciativa do colectivo Fiore di Zucca que o venres se clausuraba coa proxección deste documental. Todas as implicadas no proxecto recibiron como agasallo unha planta de camelia da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e un USB con imaxes das actividades nas que participaron.

As mulleres da provincia implicadas nos obradoiros de Fiore de Zucca recibiron unha planta de camelia como asgallo

A gala, que contou coa música en directo do grupo De Vacas (composto por Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández) serviu para reivindicar o papel fundamental das mulleres do rural "na construción da comunidade, na conservación do patrimonio cultural inmaterial e na loita pola igualdade de forma transversal no territorio", sinala a Deputación.

A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou como este tipo de proxectos demostraban "o poder transformador da arte na cidadanía e o enorme impacto das artes escénicas sobre o corpo e as mulleres".

Obxectivo prioritario

Segundo dixo Silva, en palabras facilitadas pola Deputación, "é un obxectivo prioritario para esta administración visibilizar a todas as mulleres, con independencia do seu lugar de residencia, e tamén facilitar o acceso universal á cultura sexan de onde sexan e vivan onde vivan".

O proxecto mestura de forma intencionada a linguaxe do teatro e do audiovisual. "A nosa intención foi proporcionarlles ferramentas para que se expresaran por medio da creación escénica, pero afastadas dos roles tradicionais de mestra e alumna, foi un proceso de aprendizaxe conxunto no que vimos nelas unha necesidade innata de explorar e de achegarse a temas de actualidade", explicaron Ana Fontenla e Celina Fernández Ponte, integrantes de Fiore di Zucca.

Comentarios