O mal tempo dos últimos días agravou o estado das casas en ruínas que están entre a Ponte do Burgo e a rúa Xoán Manuel Pintos, nas que o tellado comezou a afundirse e, como consecuencia, caeron pedras e cascotes á rúa. Veciñanza do barrio do Burgo viña denunciando a situación destes inmobles, de propiedade particular, que se atopan en estado de abandono.

Os desprendementos dos edificios están caendo ao pé dun cruceiro do século XVI e dunha estatua que se instalou en 2009 en lembranza dun veciño, o acordeonista Luís César Dios Diosiño. A esa parcela, onde estaba situada a antiga capela de Santiaguiño do Burgo, non poden acceder os viandantes porque está valada dende que a Igrexa lle reclamara a súa propiedade ao Concello e un fallo xudicial lle dera a razón en 2021. O soar considerábase municipal por erro e neste momento aínda se negocia a súa recuperación para a cidade. De feito, na última modificación de crédito asignárase un orzamento para proceder a súa adquisición.
Segundo informa o Concello, a actual situación urbanística e patrimonial das vivendas impide realizar unha intervención sobre o seu estado. "Os dereitos de propiedade prevalecen neste caso e a administación local ten difícil facer fronte a unha situación coma esta", explica o concelleiro de Obras, César Mosquera. "Só no caso de enfrontarmos un grave problema de seguridade poderían intervir a Policía Local e os bombeiros. Polo demais, estamos bastante atados".