Os veciños aportan cen ideas para o deseño do renovado parque de Pasarón

"Algunhas das propostas parecen case anteproxectos ou documentos técnicos", afirma o edil Iván Puentes
Trabajos en el parque infantil localizado en las proximidades de Pasarón. DP (3)
photo_camera Vista do parque infantil de Pasarón. DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural abriu a principios de agosto un proceso de participación cidadá destinado a recoller as suxestións dos veciños para a reforma integral do parque da rúa Luis Otero e deseñalo á carta en base aos seus desexos. Segundo constata o edil Iván Puentes, "os veciños volcáronse de tal xeito na redacción do proxecto que o Servizo de Parques e Xardíns leva recibidos ata a data correos electrónicos de 25 particulares cun total de 102 propostas, algunhas delas tan traballadas que parecen case anteproxectos ou documentos técnicos acompañados con fotografías e exemplos concretos".

Entre as proposicións dos cidadáns inclúense o mantemento do carácter verde do espazo (herba e árbores, evitando o cemento); renovar por completo e duplicar a superficie dedicada a parque infantil; incluír equipamento multideporte; deseñar un espazo interxeracional, con zonas para o uso e desfrute de persoas de tódalas idades, que funcione como núcleo de centralidade do barrio, e vencellar a reforma dende un punto de vista estético e temático á historia do estadio de fútbol de Pasarón e do Pontevedra CF.

Na lista de demandas, comentarios e ideas tamén se contemplan a mellora do alumeado; a creación de fontes diferenciadas para persoas e cans; o control de cans ceibos e das súas deposicións; a ampliación do número de bancos; a instalación dun rocódromo, dunha tirolina e de camas elásticas; a integración dun circuíto de calistenia; a substitución do estanque por un parque de auga; a inclusión de xogos tradicionais (como chave ou petanca); a colocación de mesas de pedra para picnic; a plantación de árbores de sombra; o incremento de papeleiras; a creación de lombos e covas no chan; a instalación de niños para paxaros; a eliminación do outeiro de pedra e terra que hai na parte superior do estanque para gañalo como espazo útil, ou a dotación de bambáns específicos para bebés.

"Hai un veciño que nos propón non facer ningunha obra, algo que, dada a entusiasta resposta da cidadanía, non nos plantexamos. O parque de Pasarón e a súa área de xogos infantís son dos máis antigos de Pontevedra –subliña–, atópanse situados nunha zona de enorme expansión e crecemento poboacional da cidade e atópanse nun estado de bastante deterioro. A súa reforma é unha prioridade para a Concellería".

Comentarios