Os veciños de Cerponzóns denuncian o abandono que sofre a Ponte Malvar

Segundo a asociación O Chedeiro, "o lugar está cada vez peor" e "non hai zonas por onde poder camiñar seguros"
Estado actual da Ponte Malvar. DP
photo_camera Estado actual da Ponte Malvar. DP

Con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial, a Asociación de Veciños O Chedeiro, en Cerponzóns, denunciou, a través da súa páxina web, o mal estado da Ponte Malvar.

"O Patrimonio Mundial constitúe todos os bens naturais e culturais que existen no mundo e que forman parte da riqueza e a herdanza de toda a humanidade. De aí a importancia do seu coidado, protección e preservación", así comeza o texto elaborado polos veciños.

Unha introducción que da paso ao centro da crítica. "Actualmente, moitos destes sitios atópanse en total abandono e faltos dun mínimo mantemento, é o caso da nosa Ponte Malvar".

Dende o colectivo veciñal seguen reclamando e denunciando o seu estado. "Por unha banda, a falta de mantemento da estrutura, doutra banda, a falta de limpeza nas súas paredes e nos pasos habituados para os peóns, imposible de pasar por eles dada a cantidade de silvas que hai", afirman.

Segundo a asociación O Chedeiro, "o lugar está cada vez peor, non hai zonas por onde poidan camiñar seguros os veciños e calquera outro visitante que adoitan acudir a observar o cruceiro e a ponte ou dar un paseo ao longo do tramo da N-550".

PLENO. Os afectados lembran que hai cinco anos dende que o Concello de Pontevedra aprobara por maioría nun Pleno, pedir o traspaso do tramo antigo da carreteira N-550, "pero a cousa está parada".

"Seguimos igual, parece que ningunha das administracións implicadas están polo labor", lamentan os veciños.

Neste sentido, dende a Asociación de Veciños O Chedeiro denuncian "o comportamento irresponsable que están tendo as administracións competentes que teñen que ver con iso", e insisten en que "o noso patrimonio debemos coidalo,porque xa vai sendo hora".

Con esta reivindicación, a parroquia de Cerponzóns quere facerse escoitar no Concello. Cabe lembrar que a asociación O Chedeiro naceu no ano 1983, e leva case 40 anos traballando para defender os teus dereitos de todos os veciños e veciñas.

Comentarios