Veciños de Salcedo denuncian un vertedoiro ilegal na parroquia

Dende hai uns meses o lugar acumula escombros, lixo, restos de mobles e mesmo animais
Imaxe do vertedoiro de Salcedo
photo_camera Imaxe do vertedoiro de Salcedo

Lixo, escombros, mobiliario e mesmo animais abandonados van parar ao vertedoiro ilegal que dende hai uns meses apareceu no lugar de Carballo do Pazo, en Salcedo, preto do centro comercial Carrefour. O vertedoiro está próximo a un pequeno núcleo de vivendas. "Aquí somos catro ou cinco casas no barrio, pero dúas delas están máis próximas ao vertedoiro", denuncia unha veciña, que asegura que xa se puxo en contacto co Concello para poñer remedio á situación.

"Eu non lle boto a culpa ao Concello, o culpable é quen bota aí o lixo e os escombros", explica. Deste xeito, asegura que os habitantes da zona non teñen constancia de quen vai depositando escombros no lugar, mais o certo é que o lixo se acumula semana tras semana.

Manuel García, tamén veciño do lugar de Carballo do Pazo, apunta a posibilidade de que no lugar haxa tamén restos de animais mortos. "Hai uns meses había unha camada de gatiños que alguén abandonou aí e agora non se ven, non sei se morreron ou se alguén os recolleu", conta. "Ademais de facer lixo, iso é unha crueldade para os animais", indica a súa muller. Ademais de gatos, no lugar hai tamén ratos de grandes dimensións que viven entre o lixo.

Os residuos vanse acumulando co paso do tempo, aínda que os servizos de recollida de basura xa retiraron algúns restos de colchóns ou sofás que a xente abandonou no lugar.

Á beira dos montóns de escombro hai dous contedores de basura "coas tapas rotas e moi sucios que xamais se limparon", tal e como indica a veciña.

Comentarios