Os veciños xa coñecen os Orzamentos de 2022

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, mantivo este martes un encontro con representantes veciñais da cidade para presentárllelos 
Encontro celebrado este martes entre Raimundo González e os representantes dos veciños. CEDIDA
photo_camera Encontro celebrado este martes entre Raimundo González e os representantes dos veciños. CEDIDA

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, mantivo este martes un encontro con representantes veciñais da cidade, maioritariamente da Federación de veciños Castelao, para presentarlles os Orzamentos municipais de 2022, escoitar as súas suxestións e encaixar as súas demandas.

Tratouse dun encontro cordial e distendido, segundo informa o Concello, dunha hora de duración, na que se lles expuxo como estaba enfocado o orzamento -que se achega aos 86 millóns- en relación á importancia do incremento do gasto corrente.

O novo contrato de xestión dos residuos municipais, o aumento do SAF, os contratos de mantemento no ámbito urbano como parques, xardíns, alumeado ou espazo público son os que reflicten as maiores subidas nas Contas do vindeiro ano.

Propostas. Os veciños, ademais de preguntar por cuestións puntuais como asfaltados de certas vías do ámbito rural, a mellora dos parque infantís (incluso a retirada dalgún do rural), preguntaron polo estado de xestión de determinados expedientes administrativos que non están directamente relacionados cos Orzamentos de 2022.

En concreto, abordaron as tramitacións ante Costas como a desafectación da Xunqueira de Ponte Sampaio e tamén dos terreos do casco urbano de Pontevedra ou sobre o estado de tramitación do proxecto do Gafos, entre outros.

O concelleiro Raimundo González indicoulles que as propostas recollidas na reunión, susceptibles de ser atendidas nos Orzamentos do vindeiro ano, teríanse en conta na xestión das partidas xenéricas que contempla o Orzamento.

Comentarios