Velutinas nunha torre de Fenosa teñen en xaque a veciños de Bora

A Xunta non pode destruir o niño ao estar nunha propiedade privada ►A empresa achaca a demora ó importante repunte de avisos
A torre de alta tensión onde está o niño de velutinas. FLORIÁN RODRÍGUEZ
photo_camera A torre de alta tensión onde está o niño de velutinas. FLORIÁN RODRÍGUEZ

Para Florián Rodríguez, veciño de Bora, a presenza de dous niños de vespas velutinas preto da casa leva sendo un crebacabezas desde fai xa unha semana. E máis pola localización dos enxames que polos propios insectos per se.

O selado do primeiro, que se atopaba nunha árbore, non supuxo maior problema para os traballadores da Xunta que se desprazaron a Lugar de Leirados tras recibir o aviso. Porén, o feito de que a segunda colonia de velutinas se atope no alto dunha torre de alta tensión de Fenosa complica a súa eliminación, posto que a administración precisaría dun permiso da empresa privada para cortar o suministro e proceder coa súa retirada de forma segura: "A Xunta veu, pero dixo que aí que non podía, que tiñan que pedir permiso a Fenosa para que cortaran a luz cinco minutos".

Un permiso que, segundo denuncia Rodríguez, non dá chegado: "Chamei a Fenosa, fixo onte unha semana, e volvín chamar outra vez máis, porque non apareceron. Dixeron que se ían xuntar uns técnicos, que ían decidir. Pero o niño segue aí, porque aquí non aparece ninguén". Mentres, na súa casa e nas lindeiras vense obrigados a manter as fiestras pechadas en pleno verán "porque veñen para dentro como centellas. E a miña muller tamén é alérxica a elas".

A EMPRESA. Segundo Fenosa, a tardanza respondería ao momento de "plena explosión" de retiradas que están a acontecer nestas últimas semanas: "se aínda non se fixo é porque non houbo momento". Amais, "ao afectar seguramente ao suministro eléctrico de clientes, estarán mirando a forma de limitar o corte de suministro", aseguran.

Con todo, tamén aclaran que os encargados de levar a cabo os traballos de eliminación son equipos dos que a Xunta dispón para levar a cabo estas tarefas, botando man de empresas especiais só en casos extraordinarios. É con estes técnicos da Administración cos que a empresa se coordina para proceder cos cortes de suministro cando reciben un aviso do 012 ou dun cliente particular.

DESCOBERTA. Malia ser el quen deu a voz de alarma, no caso de Florián Rodríguez a descoberta do niño chegou da man de terceiros. "Nós non nos demos de conta, o que tiñamos era que ter as ventás das casas pechadas porque nos entraban con frecuencia para dentro, especialmente para a nosa habitación. Iso está ao lado da estrada. E comezamos a mirar e mirar pero non viamos niño nin nada", explica. Non sería até o domingo cando unha veciña lles daría a resposta: "O domingo veu a veciña e dixo: "oe, tendes un niño de velutinas aí. No máis alto da torreta de alta tensión, que deben ser 20 pico metros de altas. Está no alto de todo". Ao día seguinte , Rodríguez xa dera o aviso.

PROTOCOLO. Os niños de vespa velutina diferéncianse dos autóctonos por ser de maior tamaño e presentar unha forma redondeada ou piriforme, amais de localizar a súa entrada de pequeño tamaño na zona media e non nun orificio máis alongado na base. Situados nas partes máis altas das árbores, medran até chegar a finais de outono ao metro de alto e 0,8 de ancho, aproximadamente.

O protocolo a seguir no caso de detectar un destes niños require non achegarse a menos de 5 metros do mesmo, poñendo sobre aviso inmediatamente ao servizo de Atención e Información á cidadanía no 012 para que proceda á súa destrución.

Comentarios