A venda de electrodomésticos reactívase coa renovación de neveiras e lavadoras

O programa Renove da Xunta, que subvenciona a compra de aparellos con maior eficiencia enerxética, impulsa o consumo nas tendas da cidade en plena crise
Interior de Milar Elecrodomésticos en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Interior de Milar Electrodomésticos en Pontevedra. GONAZALO GARCÍA

Os frigoríficos e as lavadoras encabezan o ranking de electrodomésticos máis vendidos nas últimas semanas. A reactivación do consumo nótase na maior parte das tendas deste tipo de equipamentos impulsada polo programa Renove da Xunta de Galicia, que subvenciona a substitución de aparellos vellos por outros con maior eficiencia enerxética co obxectivo de aforrar na factura da luz.

"Non podemos dicir que a pandemia nos afectase de forma terrible como ocorreu con outros sectores, é certo que durante o confinamento a cousa estivo parada, pero o verán pasado, cando a xente saíu, vendeuse moito. O mesmo está a pasar agora: abril foi tranquilo, pero coas subvencións do programa Renove están a empezarse a reactivar as vendas", contan en Mardy Electrodomésticos. No seu caso, os produtos con máis tirón son tamén os frigoríficos, aínda que notan tamén unha elevada demanda de lavalouzas. "A xente estivo encerrada e deuse conta das cousas que tiña en mal estado en casa, por iso animouse a cambialas", contan.

Mención aparte merece o establecemento de Tien 21, que abriu en plena pandemia en Doce de Novembro. "Os inicios sempre son difíciles, pero temos que dicir que no noso caso non o foron tanto como pensabamos", explican. Deste xeito, desde que abriron as súas portas en outubro de 2020, trataron de soportar a situación "con calma e cautela".

As axudas do programa Renove subvencionan a compra de electrodomésticos eficientes que aforran na factura da luz e, segundo as súas bases, consisten en reembolsos de entre o 25% e o 75% do prezo final dos electrodomésticos, en función da renda das familias.

"Hai un pouco máis de movemento, pero tamén é verdade que moita xente vén informarse e logo non compra, sobre todo porque as axudas non cobren todos os electrodomésticos, senón os que teñen unha certa eficiencia enerxética", conta José Argibay, xerente de Milar.

Unha nova clasificación enerxética máis esixente
Un dos peros ás axudas da Xunta é que só subvencionan electrodomésticos de certa calidade, algo que fai que os produtos aos que se lle aplican as axudas son os máis caros.

A normativa para clasificar a eficiencia enerxética dos electrodomésticos cambiou recentemente, facéndose máis esixente. Así, para que un frigorífico cumpra cos requisitos do programa Renove debe reunir unha serie de características que elevan o seu custo por encima dos 600 euros. "Hai persoas ás que lles compensa comprarse un frigorífico por 300 no canto de ter a axuda da Xunta, porque ao final vai pagar máis", contan nalgúns dos establecementos adheridos ao programa. Con todo, aínda que o custo sexa maior, o aforro reflíctese tamén nas facturas da luz.

Comentarios