Unha ventá á Alameda do pasado

O Concello pon en marcha unha aplicación para coñecer imaxes do espazo verde da cidade ao longo do seu século e medio de historia, dende que foi proxectado por Alejandro Sesmero
Presentación do proxecto, este xoves. GONZALO GARCÍA - Realidad aumentada na Alameda
photo_camera Presentación do proxecto, este xoves. GONZALO GARCÍA

Unha ventá á Alameda do pasado. Así podería definirse o proxecto posto en marcha este xoves polo departamento de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, dirixido polo socialista Iván Puentes. Mediante a realidade aumentada, os visitantes da Alameda poderán acceder a unha aplicación dende a que coñecer a evolución dun dos espazos verdes centrais da cidade ao longo do seu século e medio de historia.

Os encargados de facer realidade este proxecto foron os técnicos da empresa Xoia Software Development, que recrearon nunha plataforma en realidade aumentada a Alameda doutros tempos. Para acceder aos contidos é preciso descargar a aplicación Time Trip Pontevedra Alameda a través dos códigos QR instalados en dous novos letreiros que se inauguraron tamén este xoves nas dúas cabeceiras do parque proxectado polo arquitecto Alejandro Sesmero.

Captura de pantalla da aplicación. DP - Realidade Aumentada Alameda

Así pois, calquera pontevedrés ou turista que se achegue ata as peañas interpretativas poderá, enfocando os respectivos códigos QR cos seus dispositivos móbiles, activar unha maqueta en 3D, interactiva e a escala, na que aparecerán as distintas etapas do parque e mesmo a súa historia previa, coas murallas e o convento de Santo Domingo aínda presente, mentres o propio Sesmero, de viva voz, os mergullará nos momentos clave da mesma desde mediados do século XVIII. Unha experiencia que será ademais accesible para turistas estranxeiros, ao estar dispoñible en tres idiomas, e para persoas con diversidade sensorial, ao contar tamén con subtítulos.

Deste xeito, poden verse imaxes como as antigas vistas dende a cabeceira Sur da Alameda, nas que, antes da construción dos edificios de primeira liña do río, se podía ver boa parte da ría de Pontevedra. Tamén a división de usos do propio espazo de paseo, onde a clase social determinaba por onte camiñaba cada persoa.

Presentación do proxecto, este xoves. GONZALO GARCÍA - Realidade aumentada na Alameda (2)

A inauguración da plataforma tivo lugar nun acto no que participaron o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; a concelleira de Turismo, Yoya Blanco; o edil de Benestar Social, Marcos Rey, e o CEO de Xoia Software Development, Xoel Vázquez.

Segundo sinalou Puentes, a instalación destas peañas interpretativas "supón un paso máis neses traballos que vimos desenvolvendo ao longo do mandato para recuperar o esplendor e maxestuosidade deste espazo verde central de Pontevedra, que incluíron a radiografía do estado de saúde de todas as árbores, incorporando agora as tecnoloxías da información e a comunicación e a realidade aumentada". Ademais, Puentes adiantou que a intención é estender este proxecto a outras zonas, como a Praza de Galicia.