sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

O verán máis social só lle podía pertencer á Boa Vila

Mozos e mozas de diversas idades participan nun obradoiro do 'Ponteverán' na Casa da Luz. CRISTIAN FERNÁNDEZ
Mozos e mozas de diversas idades participan nun obradoiro do 'Ponteverán' na Casa da Luz. CRISTIAN FERNÁNDEZ

Cruz Vermella e a área de Xuventude do Concello levan a cabo actividades para os máis novos durante xullo e agosto, prestando atención aos menores en risco de exclusión social

Á cativada pontevedresa sóbranlle motivos para saír da casa este verán. A cidade do Lérez acolle ao longo dos meses de xullo e agosto diversas actividades de lecer orientadas á infancia, organizadas desde o Concello e Cruz Vermella.

A sección de Xuventude da institución humanitaria conta con tres Ludovermellas: unha en Pontevedra, desde o ano pasado outra en Reiriz e a partir deste verán unha en Tomeza. Son un espazo orientado a nenos de entre 6 e 12 anos onde os rapaces que acoden realizan manualidades, xogos, xincanas e saídas á praia ou ao museo. Como colofón, o campamento urbano durante os días 27, 28 e 29 de agosto serve como despedida para os nenos das ludotecas. Aproveitando que os monitores pasan máis tempo cos rapaces, realizan máis saídas e mesmo unha festa final.

Tamén proporcionan apoio escolar, tanto a Primaria como á ESO. Unha actividade dirixida a cativos que suspenderon durante o ano escolar e que reúne a nenos que participan ao longo de todo o curso con outros que só se achegan no verán.

No Proxecto Pineo atopan o seu espazo mozos e mozas de entre 14 e 17 anos interesados no funcionamento de Cruz Vermella de cara a chegar a exercer o voluntariado. Os 22 participantes realizan obradoiros moi diversos (sexualidade, racismo, igualdade de xénero...), pero tamén de traballos manuais que lles permitan adquirir as habilidades para poder seren nun futuro monitores. Algo que xa acontece, pois varios exercen actualmente nalgunha das "ludos".

Por outra parte, o Concello de Pontevedra organiza o Ponteverán 2019. Unha oferta de actividades de lecer e tempo libre para idades comprendidas entre os 5 e os 35 anos que vai desde natureza (roteiros, aulas de natureza, celebración da noite europea dos morcegos) e xogos (Escape Room, xornada de orientación no cento histórico) até tecnoloxía (campamento music-lab, holografía e VR, programación informática, creación de apps para móbiles) e formación (curso de produción de eventos musicais, curso de mediación en prevención de condutas adictivas, Google, máis ca un buscador, Presentacións off e on line, Seguridade na rede) . Como no caso de Cruz Vermella, todas as actividades son completamente de balde.

O BENEFICIO DA NORMALIDADE. Os mozos e mozas participantes, malia pertenceren habitualmente a familias con recursos económicos escasos, reciben destas actividades de ocio os mesmos beneficios que calquera outro cativo: a participación en entornos sociais normalizados e a interacción con outros nenos. "Sobre todo que interaccionen con outros nenos durante o verán e que non estean na casa encerrados", recalcan desde Proxecto Meniños. "Tamén utilizamos moito familias monoparentais nas que traballa o proxenitor ou proxenitora, polo que o neno vai estar na casa ou ao coidado dalgunha persoa maior. O que facilitamos é que o neno poida saír da casa e estar xogando con outros nenos e nenas". A percepción en Cruz Vermella é semellante. "Evidentemente a xente que vén aquí é porque os pais, por temas laborais ou o que sexa, necesitan un lugar onde poder deixar os seus fillos", apunta a responsábel de Xuventude.

Os beneficios para os cativos mudan un pouco dependendo das actividades: "No apoio queremos que aproben as materias. A nivel escolar intentamos dotalos de habilidades, técnicas de estudo, para que eles logo as poidan desenvolver na súa casa. Na ludo técnicas, habilidades... Despois tamén facemos unha valoración de cada rapaz, vemos un pouco a situación que eles teñen na casa e imos intentando mellorar. E tamén estamos en contacto cos pais. Que non se quede aquí isto e que logo na casa non sigan adiante". Mais en termos xerais a súa oferta convértese nunha "actividade estable de ocio no tempo", sobre todo nas ludovermellas. "Levámolos á praia, ao cine, a cousas ás que ao mellor doutra forma non acceden ou non fan", conclúe.

Do mesmo xeito acontece no Ponteverán. "Dálle esa facilidade. Non económica, porque neste caso non ten ningún custo, pero colabora na conciliación desa familia", din desde a Casa da Luz. Para un dos participantes do obradoiro de impresión en 3D, amais de ser unha forma de saír un pouco da casa "porque non é plan tampouco de quedar alí todo o rato", sérvelle para adquirir coñecementos novos. Algo que tamén comenta a coordinadora da actividade. "No instituto teñen tecnoloxía e moitas das cousas que ven durante o verán logo sérvenlles durante o curso. Un dos alumnos que teño aquí, que veu o ano pasado, comentoume que durante o curso viran cousas que xa aprendera aquí. E que lle axudara".

Participar nestas actividades permítelles aos cativos desfrutar dunha actividade de ocio estábel ao longo do verán

As actividades de verán do Concello tamén son unha forma de socialización. "Hai xente que ten dificultades no seu grupo de amigos ou que ten a recomendación de ampliar esas amizades. A través destes programas é unha forma", engade a responsábel de Xuventude. "Pódeste apuntar individualmente e saír formando parte dun grupo". Créanse así relacións completamente normalizadas, porque o dato de quen fai uso das prazas reservadas é interno e ás veces nin os monitores o saben. "Nós simplemente lles damos unha listaxe de xente, e na maioría dos casos non saben quen vén a través de que vía".

UNHA CIDADE COMPROMETIDA. Os aspectos positivos non só se limitan aos beneficiarios das actividades. Así, a sociedade pontevedresa recibe uns valores de integración e de inclusión de todo tipo de persoas. "Temos nenos con discapacidade que acoden tamén. E nese sentido adaptan as actividades, tanto o Concello como as ludotecas", din desde Proxecto Meniños. "Si que se trata de xerar unha inclusión real de nenos tamén con diversidade funcional ou con dificultades, nenos de diferentes etnias. É unha forma de integrar a nenos que ao mellor noutros concellos que non dispoñen destas prazas gratuítas non se poderían intregrar. A nivel social é unha maneira de xerar unha igualdade de oportunidades real".

O reporte social vertebra tamén todas as accións de Cruz Vermella. "O fin máximo é iso, mellorar a calidade de vida das persoas, que ten que ver tamén coa sociedade. Temos tamén a parte do voluntariado, un equipo de xente nova que traballa aquí desde Cruz Vermella Xuventude, que é un reporte fundamental. E os mozos que participan en verán, que veñen aquí, pásano xenial, fan ocio e tempo libre, fan apoio escolar e están con outros rapaces. Todo iso é retorno", sentencian. Aínda que admiten que lles gustaría poder ofrecer máis, "os espazos son os que son. Tamén dependemos do voluntariado". Un voluntariado que sempre fai falta, xa que é o que delimita canto poden abarcar: "Os voluntarios aquí son a base da institución. Máis ás veces que os recursos é o capital humano".

Porén, as reducións orzamentarias teñen tido un impacto na oferta de actividades, en especial nas do Concello. "A falta dese financiamento para Noites abertas -anteriormente asumido polo Ministerio de Sanidade- fainos restruturar toda a Concellería. Darlle aos recursos que agora nos faltan implica quitarllo ao resto de programas, entón obríganos a un reaxuste. Pero como Xuventude é transversal temos moita colaboración con outros departamentos, e imos sempre intentando que a oferta non se reduza", din desde o consistorio. Unha situación que teñen ido salvando, xa que "neste momento todos os programas de Xuventude do Concello son integramente financiamento municipal, e non deixaron de ser gratuítos". Amais, e igual que o resto de administracións públicas, ofrecen apoio en forma de subvención a entidades como Cruz Vermella, que tamén conta "coa colaboración dos medios de comunicación, coas empresas a través de emprego, e coa sociedade en xeral".

Unha sociedade, a pontevedresa, comprometida, segundo perciben desde Meniños: "Temos incluso ofertas de academias ou mesmo bolsas para nenos de temas musicais. Entón si que o vemos. Nós estamos na rede Axuda, e cando se fai algunha petición a resposta sempre é moi boa. Pontevedra a ese nivel social si que está moi avanzada respecto doutras cidades. Entón consideramos que si temos apoio, respaldo e ofrecemento de xente cunha cidade bastante boa". A Pontevedra non lle concederon o sobrenome de Boa Vila por nada.

O verán máis social só lle podía pertencer á Boa Vila
Comentarios