sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

O verán ten en Pontevedra nome de muller

Concerto de Najla Shami. BEATRIZ CÍSCAR
Concerto de Najla Shami. BEATRIZ CÍSCAR
A galego-palestina Najla Shami protagoniza a segunda xornada do ciclo 'Con voz de muller', que sábado pecha cunha programación de mañá e tarde que inclúe seis espectáculos

En Pontevedra, a transición entre xullo e agosto corre da conta de dous ciclos incluídos da programación do verán pos-covid do Concello: 'Con voz de muller' e 'Noites de jazz'. Tras a xornada de venres, os dous celebrarán sábado a súa xornada de clausura. O primeiro deles farao ademais de xeito estendido, con seis espectáculos que terán lugar ao longo de todo o día en distintos escenarios. Precisamente 'Con voz de muller', unha proposta que naceu para apoiar o traballo artístico feminino contemporáneo, serviu para estrear na cidade dous novos escenarios, nesa aposta do Concello por realizar actuacións de pequeno formato por toda a cidade para favorecer a seguridade sanitaria: a Praza da Curtidoira e as Pistas de Campolongo. Na primeira actuou venres a cantante galego-palestina Najla Shami. Na segunda fíxoo A Banda da Loba. A programación do ciclo tamén incluíu unha sesión de improvisación na Praza da Ferrería.

As actividades comezarán hoxe, ao mediodía, coa poeta Silvia Penas que, na Praza da Curtidoira, presentará a proposta 'Cartografías para un pergamiño portátil'. Nese mesmo espazo actuará pola tarde Belén Tajes (Pesdelán, Luar na Lubre, Voodoo), coa súa proposta en solitario. Na Ferrería estarán, á mañá, as regueifeiras Lupe Blanco e Alba María e, á tarde, o grupo de música tradicional Pandereteiras de Verducido. Finalmente, en Campolongo, na sesión matutina, a cantautora MJ Pérez e, na vespertina, o grupo de teatro Chévere con 'As fillas bravas'.

Polo que se refire ao ciclo 'Noites de jazz', venres actuou, na Pedreira, Baraka Jazz Trío. Sábado farao o guitarrista de Ribadumia Xosé Outón. Na Praza de España venres estivo Miguel Lamas Quartet e sábado, o batería de Cangas Iago Fernández.

Programación completa de verán: www.pontevedra.gal.

O verán ten en Pontevedra nome de muller
Comentarios