O verán trae unha colleita de récord en produtos bio

A horta de CIFP Carlos Oroza non pasa nas vacacións grazas ao labor de varios docentes ► A Deputación presume de que o compost do Plan Revitaliza é o segredo do éxito

Cestas con hortalizas e herbas aromáticas recolectadas minutos antes. GONZLO GARCÍA
photo_camera Cestas con hortalizas e herbas aromáticas recolectadas minutos antes. GONZLO GARCÍA

Tomates de distintas variedades —tamén cherrys—, pementos verdes e dos de Padrón, chiles, jalapeños, cebolas, amorodos, cogombros, xudías... A horta escolar do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza é nestes días unha explosión de cores e sabores. Ás hortalizas, cultivadas con moito mimo e sen ningún produto químico nin fertilizante artificial, súmase un amplo abano de herbas aromáticas, desde alfábega a romeu, pasando por herba luísa, tomiño, salvia, ceboliño e distintos tipos de menta.

A horta, que ten unha superficie duns 350 metros cadrados, divídese en bancais e un invernadoiro para produtos específicos, como tomates e melóns. En total cultívanse medio cento de hortalizas, froitas e herbas segundo a tempada. No inverno colléitanse repolos, cenorias, rabaniños, apio, allos porros ou grelos, entre outros, que despois son utilizados na oferta gastronómica no restaurante Álvaro Cunqueiro ou na cafetería Suso Domínguez do centro, abertos ao público.

Aínda que todo o alumnado e o profesorado están implicados nesta "aula" durante o curso, nesta época non lectiva son un grupo de mestres os que acoden regularmente á horta para recoller os produtos, limpar as malas herbas e cortar o céspede unha vez por semana, segundo explica un deles. Noutro dos labores, o regadío, teñen axuda. "Grazas ao crowfunding recadamos 2.300 euros en 40 días, que se investiron no invernadoiro e nun sistema de rego automático" que ademais de reducir o traballo tamén minimiza o consumo de auga.

Nun trimestre podemos aforrar 200 euros só en herbas aromáticas, pero o proxecto vai moito máis alá, explica un profesor

Todo nesta horta está pensado en clave ecolóxica e económica. En outubro cumpriranse cinco anos desde que o proxecto empezou a andar, aínda que un importante revulsivo foi a estadía do profesor Ricardo Fernández Guerra en Domaine de Saint-Géry (Tolouse) grazas ao programa Erasmus, onde coñeceu a Patrick Duler, un chef e agricultor francés que practica a filosofía Save food, isto é, entre outras cousas, traballar con produtos de tempada e non desperdiciar ningún alimento, como se ten feito cos petiscos servidos na food truck PonteVan. "Así tamén incentivamos a creatividade nos alumnos e concienciámolos do valor que teñen os produtos", apunta o docente.

bio 2. GONZALO GARCÍA100 QUILOS. Outro dos puntos de inflexión do proxecto, segundo explicou o director do centro, Manuel Hermo, nun comunicado remitido pola Deputación de Pontevedra, foi a chegada do Plan Revitaliza no curso 2016-2017. Daquela empezouse a utilizar como fertilizante o compost producido cos biorresiduos do propio CIFP nos centros de compostaxe da Deputación situados nas inmediacións da cociña. "O uso do compost por suposto que se nota, xa que nos permite ter un bo substrato fertilizado. Nótase que os produtos medran con máis brío. Os tomates, por exemplo, están máis carnosos, teñen máis cor, son máis naturais, como os da casa, que non están calibrados... E temos de diferentes tipos", manifestou. Para cultivar todas estas hortalizas utilízase todo o producido nos centros de compostaxe, aproximadamente 15.000 litros anuais de compost xerados dos restos de cociña e vexetais das clases e do comedor.

Este é un dos segredos dos espectaculares resultados da horta, que, subliña a Deputación, "está a ter a maior colleita da súa historia. Só na última semana producíronse máis de 100 quilos de tomates e tamén caixas de xudías, pementos e moitos froitos vermellos, entre outras hortalizas, froitas e plantas aromáticas".

Sobre o compost: fomenta uns valores como a produción responsable, a economía circular, o respecto ao medio ambiente, a reutilización... que son transversais para as nosas materias

E que se fai con toda esta riqueza? Pois, segundo explica un dos docentes implicados, "regalamos cestas ás persoas que participaron no crowfunding e tamén a restaurantes que colaboran" coas actividades que o centro educativo realiza ao longo do ano. "Queremos ter presenza na sociedade".

bio 1. GONZALO GARCÍASegundo engade Manuel Hermo, a horta do Carlos Oroza é un aula máis do centro, que complementa tanto as materias de cociña, pastelería, turismo ou servizos, e o Plan Revitaliza, ao apostar pola compostaxe. "Fomenta uns valores como a produción responsable, a economía circular, o respecto ao medio ambiente, a reutilización... que son transversais para as nosas materias. O Revitaliza cadra perfectamente cos nosos obxectivos e permite autoabastecernos, o que supón non só ter produtos de calidade senón un aforro económico de cousas que non temos que mercar, como as aromáticas, que son moi caras". De feito, nun trimestre poden aforrar preto de 200 euros só nestas herbas.

Intentaremos planificar os produtos para ter a colleita de febreiro e marzo

A horta tamén é espazo para experimentos, desde o purín de consuelda, unha herba invasora que mesturada con auga serve como repelente natural para os bechos, ata o aceite para queimaduras e picaduras, unha receita prestada de Duler. "Mestúrase herba de San Xoán, ruda silvestre, con aceite de xirasol bio e déixase macerar durante 40 días antes de filtrarse. É un remedio boísimo", subliña Guerra. A estas dúas iniciativas súmase o vinagre co viño tinto reserva que sobra no restaurante do centro.

E mentres a colleita de verán está batendo récords, os mestres xa están pensando nos vindeiros meses. "Intentaremos planificar os produtos para ter a colleita de febreiro e marzo". Na horta tamén se cultivan flores, tanto comestibles (que compradas son carísimas) como para decorar; patacas chinesas, aguacates, espárragos, framboesas e physalis, e mesmo empeza a medrar unha viña.

Comentarios