Vermú misturado a partes iguais

Pinto e Maragota, o programa da Concellería de Igualdade, volve o sábado ao Campiño de Santa María. O espectáculo correrá a cargo das poetas Lucía Aldao e Andrea Nunes, no recital poético Déboche unha
Estampa do vermú celebrado este verán na praza da Verdura. DAVID FREIRE
photo_camera Estampa do vermú celebrado este verán na praza da Verdura. DAVID FREIRE

O Campiño de Santa María é o escenario escollido para o retorno dos Vermús de Pinto e Maragota, que volverán o vindeiro sábado 29 de agosto a partir das 21.00 horas. E farano na mellor compañía, da man do recital poético Déboche unha, protagonizado polas poetas Lucía Aldao e Andrea Nunes. Tal e como apuntou Yoya Blanco, a edil responsábel da Concellería de Igualdade, área que promove todas as actividades baixo o paraugas de Pinto e Maragota, tratarase dun recital a dúas voces no que ambas as dúas artistas "xuntaranse para pagaren, como amor e humor, a súa débeda vital coa poesía, e compartirán co público asistente a escolma dos textos que lles fixeron amar a literatura e conciliar coa vida esas primeiras lecturas nas que celebraron atoparse". Amais, en alusión ao título do evento, "haberá coma sempre vermús galegos con desconto nos bares Pavero e La Hormiga", sinalou a socialista.

VOCES. Lucía Aldao leva traballando de xeito profesional na poesía escénica desde 2005, acompañada pola tamén poeta María Ledo, coa que forma Aldaolado. Unha parella que crea espectáculos de poesía aderezados con humor e música, e da que os pontevedreses puideron desfrutar nos ciclos de Artes Vivas e Con voz de muller da programación de verán da cidade. Pola súa banda, a actividade poética de Andrea Nunes atópase vencellada desde os seus inicios ao activismo feminista. Así, Nunes pertence ao colectivo As Candongas do Quirombo e á plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

PROGRAMA. Pinto e Maragota naceu en 2019 desde a Concellería de Igualdade como o programa municipal para a Diversidade Sexual, co obxectivo de favorecer a vida en igualdade de condicións das persoas LGBT e doutros colectivos, respectando a súa diversidade sexual e de xénero.

Así, Pinto e Maragota busca coordinar as actuacións que desenvolve o Concello para o colectivo, incorporar a perspectiva LGBT no ámbito e nas decisión municipais, sensibilizar á poboación para combater a LGBTfobia e darlle visibilidade ao colectivo, e atender á poboación LGBT e ás súas familiar para combater a discriminación e lograr o recoñecemento da diversidade afectivo-social. Para iso, amais dos vermús, o programa leva a cabo diversas actividades e proxectos.

Comentarios