Un verquido de fecais na costa de Lourido pon en xaque ao marisqueo

O patrón maior da cofradía San Telmo teme por unha posible afección á ameixa  A Asociación de Veciños denuncia que se trata dun suceso frecuente, que relaciona coa rotura dun bombeo
O patrón maior da cofradía San Telmo no lugar. Arriba, detalle do verquido.. GONZALO GARCÍA
photo_camera O patrón maior da cofradía San Telmo no lugar. Arriba, detalle do verquido.. GONZALO GARCÍA

Eran as 7.00 horas deste domingo cando nas inmediacións do poiense Bar Lourido detectaron a presenza dun verquido inusual nun dos condutos que desembocan no mar, e co que posteriormente se atoparon tamén os veciños e veciñas que saíron a camiñar polo paseo durante as primeiras horas do día. Ante o aspecto que presentaban as augas que saían de dito conduto, e que rápidamente foron identificadas a simple vista como augas fecais, os veciños decidiron dar aviso á Policía Local de Poio, que se presentou no lugar para dar conta da situación.

O patrón maior da cofradía San Telmo no lugar. Arriba, detalle do verquido. DPPCara o mediodía, o verquido xa formara unha mancha nas augas próximas á praia de Lourido, perceptible a simple vista, coa presenza de varios residuos coma toallas hixiénicas, restos de papel ou compresas que flotaban na auga. Foi entón cando se desprazou ata o lugar o patrón maior da cofradía San Telmo, César Rodríguez Piñeiro que, tras comprobar en primeira persoa a magnitude do verquido de fecais, mostrou a súa preocupación pola actividade do marisqueo da zona nos vindeiros días. "Un vertido así puede llegar a afectar algo a la almeja. Si no se trata de algo puntual y se produce con más frecuencia podrían cerrar la zona hasta que se solucione, tal y como pasó hace unos cuatro años", asegura. Para el, os diferentes verquidos que se producen nunha zona na que desembocan varios tubos, algúns deles de augas pluviais, xunto coa tubería que ocasionou o verquido, de maior tamaño, son sempre motivo de alarma. Sobre este último verquido, Rodríguez salientou que podería "tener consecuencias como la mortalidad de la almeja" a longo prazo. "Si dentro de un tiempo empieza a haber mortalidad y no se sabe por que, es posible que tenga relación con esto", afirma.

O patrón maior, que asegura descoñecer a procedencia de dito verquido, púxose en contacto tamén co Seprona, que comunicou que non tiña servizo nese momento, polo que quedou á espera de que este luns, co informe da Policía Local, o Seprona poida actuar para esclarecer as circunstancias do verquido, que a Asociación de Veciños de Lourido relacionou coa rotura dun bombeo de fecais, unha circunstancia que, segundo explica a presidenta, Josefa Moreira, xa se ten dado noutras ocasións, polo que tamén se procedeu a dar aviso a Viaqua. A pesar diso, durante a tarde de onte, a tubería aínda continuaba vertendo ao mar.

Reincidencia: A Asociación de Veciños pide "unha solución"
A Asociación de Veciños de Lourido foi a primeira entidade en constatar a presenza do verquido durante a mañá deste domingo. "Queremos que quede constancia do que está pasando, porque non é un suceso illado, e vense repetindo nos últimos tempos", denuncia a presidenta, Josefa Moreira.
Moreira insiste en que "isto leva sucedendo anos. Nos últimos tempos pararan os verquidos, pero esta última sema o tema púxose grave". A presidenta da asociación detalla cómo o pasado luns 19 outro verquido de características similares ao de onte se filtrou ao mar pola mesma tubería. "Xa demos aviso a Viaqua, que arranxou o bombeo, pero xa vemos que segue vertendo". Segundo explica a presidenta da Asociación de Veciños, o problema está na rotura do bombeo que manda as augas fecais á depuradora que, ao estropearse, verte ao mar. "Desta vez choveu moito, e estivo toda a noite botando augas fecais ao mar. Ao parecer, a Viaqua non lle saltou o aviso, pero isto non pode seguir así", denuncia. "Precisamos solucións urxentes a este problema". A asociación veciñal plantéxase, agora, unha recollida de sinaturas para visibilizar a situación e obter unha solución definitiva.

Comentarios