Versos, flores e música para Manuel María

A Asociación Sociocultutal O Burgo celebrou o 17 de maio na Praza de Curros Enríquez cun recital de poesía e cantos
Imaxes do acto en Curros Enríquez
photo_camera Imaxes do acto en Curros Enríquez

Máis que importante, imprescindible. Así definiu Miguel Anxo Fernández Lores a Manuel María, o homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas. A Praza de Curros Enríquez encheuse na xornada deste martes de flores e música para festexar o Día das Letras Galegas e honrar ao poeta de Outeiro de Rei. Unha alfombra de flores presidiu o acto, que contou coa presenza do alcalde e do concelleiro de Normalización Lingüística da cidade.

Os versos de ‘Canción para cantar todos os días’ foron os primeiros dun recital no que quedou patente o espírito combativo do homenaxeado, así como o seu forte vencello á terra e ás clases populares. A música da BMP, e as cantigas das corais de Salobre a e do Burgo completaron a tarde xunto co discurso do alcalde. Lores falou de Manuel María como a «luz coa que camiñar entre as tebras do poder» na ‘Noite de Pedra’ e gabou aos que cabalgan «contra os idiotas que dan as costas á lingua como quen esquece a súa nai».

A xornada deste martes estivo chea de celebración en Pontevedra e a súa comarca. Diversas asociacións culturais e os propios concellos festexaron o día grande da literatura de Galicia con actos de homenaxe a Manuel María. Aínda que o acto central foi o organizado pola Asociación Cultural O Burgo, tamén houbo outros colectivos que realizaron actividades para conmemorar o 17 de maio.

Deste xeito, a Praza de Santa María acolleu partidas simultáneas de xadrez ao longo da mañá. Esta actividade foi organizada polos propios veciños do barrio e máis pola Escola de Xadrez de Pontevedra. Ao mesmo tempo, a veciñanza de Xeve realizou unha camiñada á fervenza da Freixa, na mesma parroquia pontevedresa, onde tivo lugar a lectura de varios poemas do autor de Outeiro de Rei. Esta saída foi organizada pola Asociación Sociocultural SondeXeve. O mesmo colectivo celebrou a tarde deste martes un recital a cargo da poeta Eva Méndez do Roxo na igrexa de Santa María de Xeve.

Tamén á tarde se proxectou o documental ‘Patrimonio habitado’ (Illa Bufarda, 2016), sobre o valor etnográfico da Serra do Xurés. A organización correu a cargo do Cineclub de Pontevedra coa colaboración do Concello. Pola súa parte, a Banda de Música de Salcedo ofreceu un concerto no Pazo da Cultura.

NA CONTORNA. As localidades da contorna de Pontevedra non foron alleas ao Día das Letras Galegas e acolleron actividades para celebrar a xornada. En Raxó celebrouse unha Carreira Popular pola Lingua, dirixida aos máis cativos, que estivo amenizada porla Escola de Música Tradicional da vila. Ademais, o salón de actos do Centro Cultural Xaime Illa Couto acolleu unha charla da escritora Tamara Andrés, que precedeu a entrega dos premios literarios Xaime Illa Couto.

Unha lectura pública de poemas de Manuel María centrou as celebracións deste martes en Sanxenxo. A lectura estivo acompañada polo grupo musical Onte e Hoxe. Ademais, entregáronse os premios do certame literario Picariños.

Por último, en Marín entregáronse os premios do XIV Concurso de Narración Curta de escolares e adultos. No acto léronse os traballos gañadores. Á tarde, na mesma praza realizáronse sesións de contacontos e outras actividades para os cativos. A Asociación Queremos Galego Marín e o Ateneo Santa Cecilia celebraron conxuntamente o Día das Letras Galegas cun concerto do músico Xosé Constenla no local do Ateneo.

Comentarios