lunes. 19.10.2020 |
El tiempo
lunes. 19.10.2020
El tiempo

A Vía Verde aínda está sen desbrozar

Quique Pérez amosa as vellas vías do tren cubertas de maleza á altura de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Quique Pérez amosa as vellas vías do tren cubertas de maleza á altura de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Dezasete persoas percorreron as vías do tren que unen Pontevedra e Ponte Sampaio de xeito escalonado para reivindicar a creación da senda verde e máis infraestruturas seguras para a bici

Non teñen previsto baixar da bici. Convencidos de que é o transporte do futuro, os integrantes de Pedaladas volveron aproveitar a celebración do Día da Mobilidade para reclamar máis infraestruturas para os amantes das dúas rodas, e de xeito especial a creación da Vía Verde entre Pontevedra e Vigo.

Desde hai anos, cada 22 de setembro, distintas asociacións ciclistas e veciñais reuníanse nunha marcha polas vellas vías do tren entre Pontevedra e Ponte Sampaio para reivindicar un trazado ciclista e peonil. De novo, a covid que todo o marca neste ano de pandemia, provocou que a marcha que en ocasións chegou a reunir a 200 persoas quedara nun percorrido simbólico realizado por dezasete amantes da bicicleta en horas salteadas, "xa que non somos convivintes".

A ruta escollida foi o trazado das vellas vías de ferro que aspiran a converterse na Vía Verde que enlazará a Pontevedra e Vigo e que "xunto coa utilización de camiños e estradas con pouco tráfico podería dar lugar a unha gran senda verde entre Vilagarcía, Portas, Pontevedra, Vilaboa, Redondela e Vigo", sinalou Quique Pérez, voceiro do colectivo Pedaladas de Pontevedra.

O obxectivo desta iniciativa é "manter viva a reivindicación da creación da Vía Verde, de dar unha nova vida ás vías que están cheas de maleza, totalmente fóra de uso e facer unha senda ciclista e peonil que permita que as persoas de Bértola, Arcade, Pontesampaio, Paredes, Carballeira, e Salcedo e cheguen ata o nudo do Marco sen pisar a estrada", engadiu.

Quique lembrou a necesidade de contar con "infraestruturas seguras" para poder estender o uso da bicicleta como transporte alternativo. "Se queres ter menos coches terás que ter máis vehículos alternativos como a bici e para iso son necesarias as infraestruturas seguras" e chamou a atención sobre outros trazados que están sen rematar e que facilitarían a comunicación pola comarca, como é o caso das vías que unen a capital do Lérez con Marín ou Poio. "Temos moitos itinerarios ciclistas que están inconexos. Un exemplo moi claro é Pontevedra-Marín, que está por rematar, e entre Poio e Pontevedra chegas á marisma de Alba e aí acaba, estamos falando de completar cinco ou seis quilómetros", sostivo o representante do colectivo ciclista.

TURISMO. Quique Pérez subliñou que a Vía Verde non só permitiría mellorar a mobilidade peonil e ciclista entre Pontevedra e Vigo, senón que ademais se podería converter "nun motor económico sostible da comarca fomentando o turismo en bici e creando un itinerario seguro para usar a bici para todas as persoas, sen importar idade ou condicións física".

Por este motivo dende Pedaladas volven instar ás institucións públicas (Concello, Deputación e ao Estado) a facer o mesmo que se acaba de facer coa Vía Verde entre Portas e Vilagarcía, "quitar as travesas, compactar a terra e abrir o paso a peóns e ciclistas. Unha obra menor en comparación con calquera estrada pero moi importante para fomentar a mobilidade sustentable".

Está previsto que nos vindeiros días representantes dos colectivos ciclistas da comarca manteñan unha xuntanza co concelleiro de Medio Ambiente, Iván Puentes, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, neste sentido.

A Vía Verde aínda está sen desbrozar
Comentarios