O vial de baixada desde Monte Porreiro, cortado desde este mércores por unha tala

Os operarios empregarán a técnica da poda con trepa e a axuda dunha grúa para tallar os eucaliptos
Zona de la ribera del Lérez donde se talarán eucaliptos. GOOGLE MAPS
photo_camera Zona de la ribera del Lérez donde se talarán eucaliptos. GOOGLE MAPS

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural cortará este mércores o vial de baixada da estrada de acceso a Monte Porreiro para executar os traballos de tala dunha decena de eucaliptos de gran tamaño na contorna da praia fluvial.

Os operarios da empresa Arbogal, encargada do proxecto de eliminación de especies invasoras neste treito da ribeira do Lérez, levarán a cabo a actuación coa axuda dunha grúa e mediante a técnica de tala por trepa.

Os traballos enmárcanse nun plan impulsado polo edil socialista Iván Puentes para a mellora ecolóxica e o aumento da biodiversidade e da calidade do bosque nun tramo duns 150 metros entre a ponte do tren e o inicio do sendeiro fluvial.

O proxecto contempla a eliminación de todos os eucaliptos e doutras especies invasoras, como as acacias, e a plantación posterior de árbores autóctonas. Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, ademais de eucaliptos de gran tamaño, tamén se tirarán outros máis pequenos, polo que, se ben "o corte da estrada non debería prolongarse máis aló do xoves, a empresa tamén disporía da xornada do venres en caso de que así o precisase".

Comentarios