A empresa Viaqua desenvolve por primeira vez en Galicia o programa de bolsas Talento Mozo, contando co asesoramento de Igaxes, ONG para o futuro da infancia e a mocidade en risco. O obxectivo do programa é acompañar a mozos cun alto rendemento escolar, pero cunha contorna económica complexa que lles dificulta ou impide o acceso á universidade, para que poidan realizar estudos universitarios, preferentemente en carreiras centradas en ámbitos STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas). Desta maneira, Viaqua fomenta a inclusión e equidade na educación, a través de alianzas con entidades sociais, centros educativos e universidades.
Os estudantes seleccionados polo programa 'Talento Mozo' reciben unha bolsa que cobre, durante toda a carreira, o importe da matrícula e unha cantidade económica anual de 1.500€ para gastos relacionados cos estudos. Ademais, un dos aspectos diferenciais do programa é que os e as mozas teñen un acompañamento especializado —individual e grupal— ao longo de todos os seus estudos, para favorecer o desenvolvemento das súas competencias e o achegamento ao mundo laboral.
O programa Bolsas Talento Mozo enmárcase dentro da estratexia de acción social de Viaqua, no ámbito relativo ao desenvolvemento de oportunidades educativas, co propósito de permitir aos estudantes acceder a unha formación de calidade e potenciar a súa futura inserción laboral, aspectos clave no contexto socioeconómico actual. Esta iniciativa, que por primeira vez Viaqua desprega en Galicia, é impulsada desde Agbar, grupo ao cal pertence a empresa galega, ofrecendo un total de 8 bolsas en todo o territorio nacional no actual curso escolar. Así, a través desta nova iniciativa de acción social promoven os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas, en especial o obxectivo nº4, relacionado coa educación inclusiva, equitativa e de calidade para todas as persoas.