Unha viaxe formativa entre loxística, viños e xamóns

Preto de 40 estudantes do IES Luís Seoane acoden á Feira Logistics & Automation Madrid
IES Luis Seoane 2
photo_camera Os participantes na viaxe no almacén de Amazon. DP

O alumnado de segundo curso do CS de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais e do CS de Comercio Internacional do IES Luís Seoane asistiu á Feira Logistics & Automation Madrid que tivo lugar en Ifema, segundo vén de informar o centro. A expedición aproveitou para visitar a plataforma de Amazon en San Fernando de Henares, as Bodegas de Alberto da D.O. Rueda e o Consello Regulador da D.O.P. Xamón de Guijuelo. O estudantado viaxou acompañado dos seus profesores Joaquín Pece, Margarita Otero e Alberto Sarmiento.

"Como sempre é máis doado aprender saíndo das aulas a ver exemplos da vida real, visitando empresas, feiras de loxística, produtores locais, etcétera, apostamos por realizar, sempre que é posible, este tipo de actividades", explica o director, Carlos García.

O interese inicial desta visita naceu de poder coñecer de primeira man por parte do alumnado as innovacións en materia de loxística que presentan 213 expositores chegados de diferentes partes do mundo asistindo, excepcionalmente, a unha feira de tipo profesional que tivo lugar en Ifema entre os días 26 e 28 de outubro de 2022.

Na feira, a parte da visita dos stands tamén puideron asistir a conferencias (Sala Hai Robotics, Sala Log Talent, foro tecnolóxico, Sala Transport & Delivery, etc.). Por outra banda, García destaca que esta feira é de tipo profesional "pero a organización brindounos o acceso de xeito extraordinario e tendo en conta o interese para ambos ciclos formativos".

Os grupos que asistiron son de 2º do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e espazos comerciais (22 alumnos) e 2º de Comercio Internacional (17 alumnos).

O feito de incluír a estes dous grupos veu determinado a que "son os máis próximos á súa incorporación ó mundo laboral" e cursan en 2º o módulo Loxística de almacenamento (Comercio Internacional e Xestión de Vendas) e Loxística de aprovisionamento (en Xestión de Vendas).

Amazon

Tamén se aproveitou este desprazamento para realizar  outras actividades consideradas transversais ós ciclos que cursan estes alumnos. Deste xeito visitouse tamén o almacén de Amazon MAD4 localizado en San Fernando de Henares, as Adegas de Alberto da D.O. Rueda e o Consello Regulador da D.O.P. Xamón de Guijuelo.

En Amazon mostráronlles todas as operacións que se realizan, dende a recepción de mercadorías no almacén ás tarefas de picking, de preparación de pedidos, empaquetado, expedición, etcétera.

Visita ás Bodegas Alberto. DP
Visita ás Bodegas Alberto. DP

En Bodegas de Alberto coñeceron como é o proceso dende a elaboración ata a comercialización dos viños así como a importancia do enoturismo para a D.O. Rueda. Tamén se visitaron "as impresionantes adegas escavadas baixo terra e a insólita elaboración ó sol dun viño especial". Esta é unha adega familiar con máis de 350 anos nos que se conservou a tradición de elaborar o viño de xeito artesanal, explican.

Na sede da Denominación de Orixe Protexida Xamón de Guijuelo "foi moi interesante coñecer a súa importancia na protección da raza ibérica así como garantir a rastrexabilidade e o etiquetado dos xamóns (inspeccións, etiquetas, vitolas, etcétera)

Esta viaxe foi financiada con fondos dos programas de cooperación territorial, e polo tanto está cofinanciada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e pola Unión Europea-NextGenerationEU e polo Fondo Social Europeo (FSE Plus).

Comentarios