Vicente Romo continuará outros tres anos á fronte de Ciencias da Educación e do Deporte

► No cargo desde 2015, o actual decano obtivo o apoio do 72% da Xunta de Facultade

Os integrantes do novo equipo decanal Esther Martínez, Mercedes Varela, Óscar García, Vicente Romo, Uxío Pérez e Ezequiel Rey. DUVI
photo_camera Os integrantes do novo equipo decanal Esther Martínez, Mercedes Varela, Óscar García, Vicente Romo, Uxío Pérez e Ezequiel Rey. DUVI

O profesor do Departamento de Didácticas Especiais Vicente Romo continuará tres anos máis á fronte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, despois de que a súa candidatura, a única presentada no proceso electoral aberto no centro, recibise o apoio do 72% dos integrantes da Xunta de Facultade presentes na votación celebrada este mércores, segundo informou o Duvi.

Con 39 votos a favor, 14 en contra e un en branco, Romo, que permanece á fronte da dirección desta facultade desde maio de 2015, estará acompañado neste mandato por tres integrantes do anterior equipo, Esther Martínez, Ezequiel Rey e Uxío Pérez, que asumirán os vicedecanatos de Prácticum e TFG, Calidade e Organización Académica e Infraestruturas, respectivamente. Incorpóranse ao equipo a profesora Mercedes Varela, como vicedecana de Relacións Internacionais, e o docente Óscar García, que asume a Secretaría académica.
Romo pechou a súa intervención agradecendo os apoios recibidos na Xunta de Facultade.

NOVO MESTRADO. Lembrou que no anterior mandato se cumpriron con dúas das "liñas estratéxicas": superar "con éxito a acreditación de todas as titulacións", o que "se conseguiu co esforzo de todos", e a aprobación dun máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. "Acabamos de recibir a comunicación oficial da súa aprobación definitiva", salientou Romo deste mestrado interuniversitario, que estará coordinado pola UDC e que "a Xunta de Galicia considerou de interese estratéxico".

Partindo de aí, Romo avanzou que o "seguinte paso que debemos dar" é a consecución do certificado Fides-Audit, que avalía a implantación do sistema de garantía interno de calidade, un obxectivo que ve "factible".

INSTALACIÓNS

No relativo ás propias instalacións do centro, Romo lembrou a construción dun ximnasio como “unha reivindicación histórica, á que non renunciamos”, ao tempo que anunciou o seu propósito de mudar o emprazamento “inaxeitado” das máquinas de musculación, así como completar este equipamento. Por outra banda, destacou que “se continuará apostando por mellorar as condicións de habitabilidade do edificio”, co “obxectivo a longo prazo” de climatizar aulas e despachos.

Neste último ámbito, o decano trasladou tamén aos e ás integrantes da Xunta de Facultade unha idea “ambiciosa pero non imposible”, a instalación da cuberta de placas fotovoltaicas.

Comentarios