O PRIMEIRO artigo que Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) publicou no Diario de Pontevedra levaba por título ‘Leila Khaled o la Libertad de Palestina’. Estaba escrito en castelán e dedicado á primeira muller palestina que secuestrara un avión para chamar a atención sobre a situación do seu país. O autor tiña dezanove anos, recorda. Pero a súa relación co rotativo xa viña de anos atrás. "O meu avó era suscriptor e o Diario estaba sempre na casa. Líao todo, ata os anuncios", lembra.
"O Diario sempre estaba na casa. O meu avó lía todo, ata os anuncios. Era a época que na que o que dicían os periodicos ía a misa"
Que supón para vostede recibir este galardón de mans do Diario de Pontevedra?
É unha honra grande. Son deses cariños especiais que valoras dun xeito distinto polo que teñen de memoria histórica, de crónica sentimental ou de viaxe ao paraíso perdido, que dicían os clásicos. Rilke dicía que a patria do home é a súa infancia, e Max Aub sostiña que a patria do home é onde fi xo o Bacharelato. Pois eu teño as dúas en Pontevedra. E o Diario de Pontevedra forma parte desa crónica. O meu avó estaba suscrito ao Diario, que era unha institución. Cando era neno, houbo todo un movemento social para recuperar a cabeceira do periódico histórico. O xornal entraba por debaixo da porta da miña casa. Recordo cando morreu Kennedy. Estaba o meu pai na cama cando chegou o Diario. Daquela tiña once ou doce anos. Lembro aquel titular en primeira páxina que dicía: "Kennedy asesinado" en letras enormes. O meu avó apilaba os periódicos. Lémbroo sentado co periódico e coa radio, e co España de Tánger que era un semanario que dirixía Haro Tegclen. Sempre dicía que os periódicos hai que lelos enteiros. Líaos con semanas de retraso, pero dáballe igual. El lía todo, ata os anuncios. Era aquela época na que o que dicían os periódicos ía a misa, era o máis importante. Agora as cousas son doutra maneira.
"Todas as miñas novelas están centradas nun territorio máxico histórico, Vilanova de Alba, que é Pontevedra"
Que queda daquel rapaz que percorría as rúas da Moureira de pequeno, do que ía a Bacharelato no Valle-Inclán?
Moito, porque un sempre é o mesmo. Vai cambiando a vida, vas vivindo en distintas cidades... Vas viaxando polo mundo... Todas as miñas novelas de fi cción están centradas nun territorio máxico histórico, Vilanova de Alba, que é Pontevedra, e moitos dos meus personaxes están inspirados nos personaxes de Pontevedra. Ou historicamente ou pola proximidade sempre está Vilanova de Alba como referencia, Recordo unha frase de Torrente Ballester, hai moitos anos, que estaba contando que Pontevedra era a cidade perfecta para novela, porque é un microcosmos onde estaba todo. De feito, ‘A saga fuga’, ou ‘Los gozos y las sombras’ están inspiradas en Pontevedra. Cando el falaba diso era un pouco como "el diablo cojuelo" que ía levantando os tellados e vía todas as vidas dos habitantes da cidade.Aí están todos os amores, as traxedias, os dramas, as traicións, as frustracións, as fantasías... Iso quedoume gravado e sempre llo recordaba despois cando falabamos. Pontevedra para min é un pouco todo iso, son os primeiros bicos, os primeiros amores, os primeiros profesores, as primeras descubertas, as primeiras lecturas, a biblioteca, a Alameda, a panda de amigos da infancia, da adolescencia... Nós conservamos esa pandilla e polo menos vémonos de cando en vez. Algúns reúnense todas as semanas. Temos unha relación entre nós moi estreita e que conserva a memoria do que fomos, polo tanto, a cidade está moi viva en min. Despois aí teño a miña nai, a o meu pai, aos meus irmáns...
A escritora e académica Fina Casalderrey, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e agora vostede. Son amigos, referentes das letras galegas e Pontevedreses do ano de honra.
Forman parte desa pandilla dos Lámbricos que temos en Pontevedra e desa memoria da infancia. E Carlos Valle tamén era da pandilla da Seca, meu pai casou de segundas na Seca con Rosita que é como lle chamaban á miña segunda nai, iamos a xogar de nenos con Mariano, que é o home de Fina Casalderrey,.. Todo ese mundo segue aí.
En Pontevedra tamén pronunciou o discurso co que entrou na RAG.
Ingresei no paraninfo do instituto porque foi onde estudei o Bacharelato e foi alí onde lin o meu discurso de ingreso na Academia que contestou Antón Santamarina. Que, por certo, foi impresionante porque aparte de que estaba cheo dos amigos eu tiña unha idea de neno do paraninfo do instituto como que era un lugar enorme e cando cheguei alí pasoume o que pasa sempre. Que pensei: que pequeniño era e que grande o vía eu de neno!
"Non podía dicir que non á Academia. Un país precisa de institucións estables, con capacidade de comunicación, cribles"
E anos despois asumiu a Presidencia.
Nun momento determinado os compañeiros pedíronme que asumise ese papel, en parte seguramente como xestor de empresa editorial, xornalista e editor. Asumino consciente de que había que facelo como un compromiso coas institucións. Non podía dicir que non, xa que a Academia estaba nun momento delicado. Eu asumín a responsabilidade de continuar cunha institución que ten máis de cen anos, é do 1905, fundada por Manuel Murguía o home de Rosalía de Castro, con todo o que iso significa. Creo que un país precisa de institucións estables, cribles, con capacidade de comunicación. Unha das miñas achegas e preocupacións máis grandes é que a Academia sexa oída fóra do seu ámbito. Non comparto esa idea de traballar dentro da cápsula e que fóra non se percibe nada. As cousas existen porque se sabe delas e a Academia, que é un centro de traballo arredor da lingua galega dunha intensidade moi grande, ten a obriga de levar iso á sociedade. para que valore o que ten. Recoñezo que desde que asumín a presidencia da RAG non fago outra cousa basicamente que dedicarme á Academia. Ten recursos limitados, porque os académicos non cobramos e o presidente ten que dar exemplo.
Iso quere dicir que non está escribindo nada?
Non. Teño cousas empezadas, supoño que coma todo o mundo, pero habitar a literatura, e estou falando das miñas novelas e dos meus libros de creación, non tanto os libros de investigación e de ensaio, non. Cando traballas na literatura tes que instalarte no universo creativo no que estás. E iso é incompatible con outras preocupacións. Pasábame un pouco cando dirixía Xerais, ou Alianza Editorial ou a propia Galaxia. A entrega a ese tipo de traballo é tal que cando empezas a distraer a cabeza con outro mundo de repente dis: "Pero se teño un montón de cousas que facer!". E iso é un exceso que non me podo permitir. Teño a esperanza de que cando poida dar o facho da presidencia, poida dedicarme máis a escribir, se é que me lembro.
Iso non se esquece... non?
Non digas nada! O que si fago é manter a escrita nos xornais. Que é un pouco a maneira de estar activo e non perder o músculo da escrita. Cando escribía ‘O círculo inscrito na circunferencia’, que é gran novela sobre Pontevedra, o meu cerebro estaba instalado todo o día en Vilanova de Alba. Ía pola estrada e paraba o coche simplemente para anotar unha frase do inicio dun capítulo. Un personaxe que estaba despistado e que había que recuperar... Non pensas noutra cousa, Estás aí. Habitas outra dimensión. E claro, cando tes a responsabilidade de atender a Academia ou unha empresa editorial, na que hai que pagar as nóminas, hai que discutir a conta de resultados, facer unha planifi cación económica e de creación, un plan editorial... Iso ocupa moito tempo. A un xornalista cando o fan director dun xornal deixa de ser xornalista, ou o é doutra maneira, pero deixa de escribir o que antes escribía.
"O mundo grecolatino, clásico sempre me fascinou grazas ao profesor do instituto de Pontevedra, Isidoro Millán"
Aproveita para ler máis que antes ou bota en falta as lecturas dos seus tempos de editor?
Cada vez son máis lector. É unha fascinación. Leo varios libros á vez. Agora estou co último libro de Martin Amis, ‘Desde dentro’, e con ‘Como levar unha vida honesta’, o escrito que lle fai Martiño de Dumio ao rei Miro dos suevos. É unha traducción de Xosé Antonio López Silva. Unha novela que me encantou é ‘Timandra’, de Theodor Kallifatides. O mundo grecolatino, homérico, ese mundo clásico sempre me fascinou moito grazas a un profesor do instituto de Pontevedra, Isidoro Millán. Iniciounos a algúns bárbaros que viñamos de ciencias nos clásicos. Díxonos; "Mirade, eu non vos vou ensinar grego pero vou explicar que é o mundo grecolatino, da Ilíada de Homero, da Anabasis de Jenofonte, dos clásicos de Sófocles...o mundo de Creta e Minos..." A min iso fascinoume e desde aquela estou atrapado. Tanto é así que estudei Filoloxía Románica e despois os primeiros cursos de Historia. E dábanme matrícula en Historia antiga sen abrir os libros grazas as clases de Isidoro Millán.
"Das sete mil linguas que hai no mundo en canto a creación e produción cultural estamos no posto 37"
Vaiamos á RAG. Cales son os seus retos como presidente?
Hai dous grandes desafíos, iso está no discurso de ingreso meu na Academia: ‘Desafíos dun novo século, entre a trabe de ouro e a paxariña da Armenteira’. Falaba do papel da cultura e as transformacións da cultura a finais do século XX. A lingua galega hoxe ten unha vitalidade, unha creatividade e unha presenza social como nunca tivo. E un dos grandes desafíos é a globalización, que signifi ca que temos que estar presentes nun mundo que cambiou radicalmente. Unha lingua como a nosa, que ten unha demografía limitada pero que ten alianzas estratéxicas, na lusofonía, o mundo do Brasil e Portugal, ten que estar presente nas novas tecnoloxías que van desde a Intelixecia artificial a todas as plataformas de creación, de produción e comunicación, do cinema, entremento, ocio, videoxogos é onde temos que estar... As máquinas teñen que falar galego. Das sete mil linguas que hai no mundo en canto a creación e produción cultural estamos no posto 37, segundo un estudo das universidades francesas.
"Non somos conscientes da riqueza que é ter un idioma propio incluso como marca de identidade para andar polo mundo"
"As nosas empresas non acaban de comprometerse coa cultura, e a cultura ben presentada é un investimento"
E que se coide o galego na casa.
Ese é o segundo gran desafío: a transmisión xeracional, a necesidade de que os pais falen, comuniquen e manteñan o galego vivo nas familias e na transmisión dunha xeración a outra. Aí hai que hai no mundo en canto a creación e produción cultural estamos no posto 37. As nosas empresas non acaban de comprometerse coa cultura, e a cultura ben presentada é un investimento, unha responsabilidade política, porque iso ten moito que ver cos profesores e profesoras pero tamén co entorno onde se desenvolve a vida da xente nova, das nenas e os nenos que hoxe reciben unha morea de estímulos de todo tipo que os instala na socialización. Iso precisa un plan estratéxico e unha estatexia política. A Academia pode dicir estas cousas pero a política cultural non a deseñamos nós. O galego merece unha política de investimento. Non somos conscientes da riqueza que supón dispoñer dun idioma propio incluso como marca de identidade para andar polo mundo.
Que proxectos teñen en marcha?
Estamos traballando con outras institucións nun proxecto que será noticia nun par de semanas. Quixera que a Academia fose un foco de creación e quixera construír unha Academia máis moderna e instalada no século XXI co que significan as novas tecnoloxías. Por iso estamos dándolle cancha tamén á xente nova a través de producións audiovisuais. E despois, sacala adiante, temos entre mans un desafío enorme que é a reforma de todo o edificio da rúa Tabernas na Coruña. Está en marcha por iso estamos agora no Polígono de Pocomaco.
Seguimos perdendo falantes?
Podemos ver a botella medio chea ou medio baleira. Hoxe temos o problema de que cuantitativamente perdemos falantes, primeiro porque estamos perdendo poboación, segundo porque a que se vai é a xente de máis idade e do rural, onde historicamente a lingua galega ten un asentamento máis sólido e estable. As cidades seguen sendo territorios onde a planifi cación lingüística debe facer un esforzo grande por estar. Pero nunca houbo tanta creatividade e recoñecemento da mesma.
E que pasa coa edición e a lectura?
Lemos menos en galego? Non o teño claro. A pandemia signifi cou un aumento importante da edición e da lectura. Hoxe en día lese moito a través das propostas dixitais. A lectura vai mudando co tempo e coido que non se le menos, o que pasa é que se le doutra maneira.
Mellora o apoio das institucións ou segue a ser necesario reclamalo?
Hai que reclamar máis apoio á empresa privada e ás institucións tamén. Nós soñamos cun proxecto que é o dicionario etimolóxico para a lingua galega, pero iso signifi ca millóns de euros de traballo que a RAE recibe do Ministerio, pero que nós non recibimos. Aí si se nos comparamos cos vascos e cos cataláns temos menos recursos. Gustaríame implicar á iniciativa privada. As nosas empresas non acaban de comprometerse coa cultura, e a cultura ben presentada é un investimento económico e estratéxico. Unha pedra é unha pedra, pero unha pedra con creacion artística é deseño.
"O mundo vive unha revolución e temos que estar aí"
Que lle pediría aos próximos gobernantes?
Que sentaran aos distintos axentes culturais, sociais e económicos arredor dun gran pacto polo idioma defendendo que un patrimonio como é dispoñer dunha lingua propia é un tesouro que poucas sociedades teñen. E que algunhas linguas como a nosa teñen a fortuna de estar nas culturas do mundo con creación propia. O mundo está vivindo unha profundísima revolución e nós temos que estar aí. Ese é o meu compromiso nestes oito anos e a miña batalla. Partindo da memoria histórica, a adaptación e incorporación do idioma as grandes tecnoloxías e a realidade do noso tempo.