Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Víctor Méndez analiza as claves do narcotráfico actual en 'Narcogallegos'

O xornalista Víctor Méndez a bordo dunha lancha de narcotraficantes decomisada. CEDIDA
O xornalista Víctor Méndez a bordo dunha lancha de narcotraficantes decomisada. CEDIDA

O xornalista pontevedrés debuta como escrito cun ensaio no que repasa operacións antidroga das últimas décadas, rutas de entrada da cocaína en Europa e canais de branqueo dos traficantes

Testemuñas reais de narcotraficantes, do máximo responsable antidroga en España, Antonio Duarte, e do comisario xeral da Policía Xudicial, Eloy Quirós, entre outros, permítenlle ao xornalista Víctor Méndez (Pontevedra, 1979) analizar de xeito pormenorizado as claves do narcotráfico actual no que supón o seu debut como escritor, "Narcogallegos. Tras los pasos de Sito Miñanco" (Catarata, 2018).

A obra, a punto de saír á rúa, emprega a figura do contrabandista e narcotraficante cambadés Sito Miñanco como fío condutor dunha obra que repasa as operacións antidroga máis importantes das últimas décadas en España; desvela cales son as rutas de entrada da cocaína actualmente en Europa e examina cales son os canais de branqueo que empregan os narcos.

O resultado ofrece un retrato do que é o tráfico de cocaína a nivel global partindo de Galicia

O obxectivo do ensaio é ofrecer unha fotografía actual do narcotráfico e un percorrido polo que foi a súa evolución a través dun traballo documentado e apoiado na experiencia dalgúns dos investigadores máis importantes de España neste ámbito e dalgúns dos protagonistas directos desta historia que Méndez comeza a narrar en 1999 e remata a día de hoxe. O resultado ofrece un retrato do que é o tráfico de cocaína a nivel global partindo de Galicia.

"Esta obra cuenta en detalle cómo han funcionado las organizaciones criminales dedicadas al tráfico de cocaína a lo largo de los últimos 20 años y la evolución que ha experimentado el negocio hasta la actualidad tanto en Galicia como en el resto de mundo", explica Catarata na súa páxina web (www.catarata.org).

XORNALISTA. Víctor Méndez comezou a súa carreira profesional como xornalista en 2001. Dende entón traballou como colaborador en La Voz de Galicia ou El Progreso. Pasou polas redaccións de Diario de Arousa e Faro de Vigo antes de chegar á de Diario de Pontevedra, onde exerce como redactor especializado en información xudicial, sucesos e narcotráfico dende 2009.

Á venda dende o 1 de outubro

Editado por Catarata, 'Narcogallegos' chegará ás librerías o 1 de outubro (17,50 euros). O volume é a novidade destacada para o próximo outono do selo madrileño, que tamén publicará as novas obras do politólogo Carlos Taibo ou da profesora Luz Gómez.

 

Víctor Méndez analiza as claves do narcotráfico actual en...
Comentarios