Víctor Méndez estrea 'La guerra del hachís' o 15 de xaneiro en Movistar Plus

O novo documental do xornalista pontevedrés introduce ao espectador en tempo real en operacións realizadas en Galicia, Cataluña e Andalucía
Víctor Méndez (agachado) xunto a Fernando Portela e Thomas Dylan Harris durante a gravación da miniserie. CEDIDA
photo_camera Víctor Méndez (agachado) xunto a Fernando Portela e Thomas Dylan Harris durante a gravación da miniserie. CEDIDA

O xornalista Víctor Méndez (Pontevedra, 1979) estreará o vindeiro 15 de xaneiro o seu novo documental, La guerra del hachís. Farao en Movistar Plus, que destaca esta miniserie de dous episodios entre as súas estreas destacadas do mes que vén.

"A través de sus protagonistas, este documental dirigido por Víctor Méndez Sanguos recorre todos los aspectos alrededor de una de las drogas más consumidas y que tiene en España su gran puerta de entrada", explica a plataforma audiovisual sobre este traballo, para o que o xornalista e o seu equipo viaxaron ao Campo de Xibraltar, o Delta do Ebro, a Costa do Sol, Marrocos, Portugal e, por suposto, Galicia. "Por tierra, mar y aire, el hachís llega a Europa todos los días del año a través de España. La guerra del hachís narra con el máximo detalle y desde dentro de la acción un negocio dominado por el crimen organizado que genera una espiral de violencia y que mueve millones de euros manchados de sangre".

Neses escenarios principais do documental, os máximos responsables policiais, xudiciais e sociais da loita antidroga en España contan con detalle e sobre o terreo como é a realidade do tráfico do hachís na actualidade. "Esta producción también se introduce en operaciones en tiempo real en Galicia, en Cataluña y en Andalucía y sienta ante sus cámaras a un representante del cártel de Los Balcanes, considerada la mayor organización de tráfico de drogas del mundo".

A produción de La guerra del hachís corre a cargo da empresa audiovisual pontevedesa Imaco e de Narcodiario, a web que dirixe Víctor Méndez e que actualmente é o único medio de comunicación especializado en información sobre tráfico de drogas en España.

"Además, el Cuerpo Nacional de Policía, la Guardia Civil, los Mossos d'Esquadra y Vigilancia Aduanera aportan vehículos terrestres, tanto oficiales como camuflados, embarcaciones y helicópteros desde los que se realizan parte de las grabaciones", explica Movistar Plus.

Unha miniserie documental de dous episodios

La guerra del hachís é un documental presentado en formato de miniserie. Consta de dous episodios e acaba de ser presentado pola plataforma de televisión de pago Movistar Plus como unha das súas grandes apostas para o mes de xaneiro xunto a outros títulos como Israel-Palestina. Historia de un conflicto e Cristina García Rodero. La mirada oculta.

Narcogallegos

Víctor Méndez, que forma parte dende 2009 da redacción de Diario de Pontevedra, onde traballa na actualidade como redactor especializado en información xudicial, sucesos e narcotráfico, publicou o seu primeiro libro no ano 2018. Narcogallegos. Tras los pasos de Sito Miñanco (Catarata). Nel recompilaba as principais claves do negocio da cocaína: operacións antidroga, rutas de entrada en Europa e canais de branqueo dos traficantes.

A partir dese volume, o xornalista realizou un documental co mesmo título para Movistar Plus. Narcogallegos estreouse a principios do ano pasado e poñía o foco no traballo das forzas de seguridade na loita contra a droga.

Entre a publicación do seu primeiro libro e a estrea do documental, Víctor Méndez tamén publicou o que foi o resultado dunha investigación que realizou sobre o que supón o tráfico e o consumo de heroína no mundo, Traficantes de la muerte. De la heroína al fentanilo (Catarata, 2020).

Comentarios