Víctor Vidal Otero, gañador do VI Campionato de Sumillería Suso Domínguez

"Sen traballo e paixón, o que poidas aprender co tempo non é suficiente"

studante de segundo do CM de Servizos en Restauración no CIFP Carlos Oroza, este rapaz do Grove vén de quedar como primeiro clasificado no certame de sumilleres celebrado recentemente por riba de alumnos chegados de toda Galicia, Asturias, Segovia e Portugal

Víctor Vidal Otero. DAVID FREIRE
photo_camera Víctor Vidal Otero. DAVID FREIRE

Víctor Vidal, nacido no Grove hai 21 anos e estudante de segundo curso do ciclo medio de Servizos en Restauración no CIFP Carlos Oroza, resultou gañador da sexta edición do Campionato de Sumillería Suso Domínguez, celebrado no propio centro o pasado 27 de febreiro, o seu debú como participante no certame. «Foi a primeira vez que me deron a oportunidade de subir a competir e estivo xenial». Tivo en fronte a doce representantes da Rede Galega de FP de Hostalaría e das Escolas de Hostalería e Turismo de Douro-Lamego, Coímbra e Viana do Castelo (Portugal), Xixón e do CIFP Felipe VI de Segovia.

Como foi o proceso de elección para poder participar?
Cada un dos centros educativos que participa ten que elixir a un alumno de Servizos, dá igual ciclo medio ou superior, e este ano tocoume a min.

Como afrontou esta proba?
Levaba dous meses traballando de cara ao campionato, preparando todas as opcións e os nervios foron aflorando dúas semanas antes de comezar, por ver que se botaba enriba a data e o traballo non estaba completado de todo. No momento que subín ao escenario os nervios quedaron atrás.

Experiencia laboral
"Ter compañeiros de traballo que che axuden a mellorar é importantísimo"

Púxollo difícil a competencia?
É curioso. Sempre o falamos os participantes. Vímonos tres semanas antes do campionato sen telo suficientemente preparado. Que si sabiamos sobre o tema, os viños da IVDP Porto e Douro, pero parecíanos que non tiñamos o nivel suficiente. Os compañeiros, que non a competencia, tiñan un nivel altísimo. Foi fantástico.

Este feito aínda lle dá máis mérito á súa victoria.
Non, non. Tamén Ezequiel Ces, do CIFP Compostela -segundo clasificado- merecía gañar. Un rapaz moi extrovertido e cun potencial brutal. O resto dos participantes tamén merecían estar entre os cinco primeiros. A verdade é que estas cousas decídense por mínimos detalles e unha pinga de sorte.

Din no Carlos Oroza que un dos obxectivos deste campionato tamén é poñer en valor o servizo en sala, que moitas veces parece estar á sombra da cociña. Está de acordo con esta reflexión?
Este campionato fala por si só. Van seis edicións e cada ano vai poñendo en valor o servizo en sala. Para min ten que haber harmonía entre cociña e sala para unha convivencia perfecta. Ten que haber unha comunicación ás mil marabillas para que o cliente saia satisfeito. Iso é o que buscamos e conséguese non só enxalzando unha parte do restaurante. Neste sentido o campionato fai un traballo incrible.

Visión do sector
"Non pode ser que en zonas punteiras turisticamente haxa unhas condicións de traballo tan precarias"

Cal é o segredo dun bo sumiller?
O segredo está en varias cousas: algunas telas que traer ti da casa: paixón, traballo, constancia... E outras que van mellorando co tempo, como a técnica, a mecánica ou o desenvolvemento dun traballo, pero para min as fundamentais son as primeiras. Se non tes paixón e interese, o que poidas aprender ao longo do tempo non é suficiente.

Ademais dos estudos, que importancia teñen as prácticas ou a experiencia laboral na súa traxectoria?
Pois levo traballando nun restaurante do Grove desde 2017, a Taberna Meloxeira, e, a verdade, ter compañeiros de traballo que che axuden a mellorar na vida laboral é importantísimo.

Cales son os seus plans de futuro? Vese afianzado no sector?
O certo é que dous días antes do campionato tiña decidido o meu futuro, e agora o feito de conseguir a bolsa para matricularme no Instituto do Viño fíxome ter que replantexar a situación e enfocar o futuro dos próximos dous anos. Gustaríame seguir ligado á formación, porque é fundamental neste traballo. Así que en principio, se pode ser, seguramente faga primeiro o ciclo superior e despois matriculareime no Instituto do Viño.

Harmonía
"Ten que haber unha convivencia perfecta entre cociña e sala para que o cliente saia satisfeito"

Ten compañeiros do Carlos Oroza que remataron o ciclo superior e están traballando nalgúns dos mellores restaurantes do mundo, como Mugaritz ou Can Roca. Son para vostede un exemplo para seguir a súa traxectoria?
Que no xurado do campionato estiveran ex alumnos que tiveron pasado polas mesmas aulas nas que estou eu agora mesmo e agora estean como xefes de cociña ou de sala nos mellores restaurantes do mundo é impresionante. Sempre tes ídolos ou referentes e cando me estaba valorando xente como Eduardo Camiña, Tomás Ucha, Gabriel Vázquez, Esther Laporta, que non hai máis de cinco anos estaban onde estou eu agora... Máis que seguir os seus pasos gustaríame imitar esa paixón que teñen. Quédome co cariño que transmiten.

O seu traballo é unha pasada. Como ve o sector en Galicia?
É unha opinión moi subxectiva, pero necesitaríase un salario máis equilibrado co traballo. No Salnés, unha zona moi punteira turisticamente, non pode haber unhas condicións de traballo tan precarias.

Comentarios