'A Vida é Movernos' pechará 2021 co evento de danza urbana 'Navidance Week'

Esta primeira edición do Galidance Intensive celebrarase durante os días 27, 28 e 29 de decembro ► Desenvolveranse catro workshops diarios
Un momento da presentación das aulas maxistrais da 'Navidance Week' de Pontevedra. CEDIDA
photo_camera Un momento da presentación das aulas maxistrais da 'Navidance Week' de Pontevedra. CEDIDA

Aínda coa mel da clase maxistral ofrecida polo carismático Rafa Méndez nos beizos, o proxecto A Vida é Movernos volve anunciar un novo taller de danza urbana para pechar este 2021 cheo de actividades e talleres para todos os gustos e idades: a Navidance Week, organizado dentro do programa da Concellería de Deportes en colaboración coa escola Plié Dance School.

Trátase da primeira edición do evento Galidance Intensive (Galicia International Urban Dance Camp) que acollerá Pontevedra, desenvolvéndose baixo teito (en principio, as instalacións do Recinto Feiral) os días 27, 28 e 29 de decembro con catro workshops diarios de hora e media de duración impartidos por profesores recoñecidos a nivel nacional e internacional.

Así, entre os nomes propios que protagonizarán estas exclusivas 18 horas de formación figuran bailaríns e coreógrafos da talla de Dii Feeling (que bailou con artistas como Nathy Peluso ou Agoney e que ensinou no programa de televisión Fama, ¡a bailar!), Carlos Díaz (que competiu en campionatos internacionais de hip hop), Albert Sala (coreógrafo en programas como Factor X UK, Dancing with the stars e So you think you can dance), Marthe Vangeel (compoñente da Scandalize Crew e reputada instrutora de dancehall), Duki (finalista da versión húngara de Got Talent), Evelio (concursante en The Dancer), Jana Feeling (destacada bailarina de hip hop), Safu (que bailou xunto a artistas como Becky G, Anitta, Sebastián Yatra e Sweet California e participou en videoclips de C. Tangana, Rels B e Aron Piper, ademais de pasar por Fama, ¡a bailar!), Oriana Meléndez (concursante de Fama, ¡a bailar!) e Javi Berga (The Voice Spain, Becky G…).

Cartel da Navidance Week en Pontevedra

As aulas maxistrais do Navidance Week foron presentadas na mañá deste mércores na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a directora de Plié Dance School, Pilar Torelli, e a co-directora da escola, Milena Torelli, que estiveron acompañados por un grupo de rapazas de formación profesional da mesma.

Tal e como subliñou o edil do PSOE, "é a primeira vez que se organiza un evento destas características en Pontevedra, cun dream team de mestres de danza e coreógrafos que, ademais de contar con recoñecemento nacional e internacional, teñen o respaldo dunha marea de milleiros de fans nas súas redes sociais, polo que a promoción e o impacto destes workshops entre a comunidade da danza urbana están máis que garantidos".

Tino Fernández sinalou que, despois de organizar con moito éxito talleres de ioga, pilates, bodyfulness, risoterapia, hip hop, marcha nórdica, ximnasia na rúa ou percuterapia, "A Vida é Movernos segue dando pasos da man deste tipo de actividades que non son tan coñecidas e practicadas polo común da xente, pero que teñen un alto espectro de mercado, sobre todo entre a xente nova, como este evento de danza urbana que vai ser o que peche o calendario de 2021". "A  idea fundamental é que a xente se anime a saír ás rúas, a practicar exercicio físico, a ver deporte, a sorrir e volver desfrutar dos espazos públicos. Neste caso, por cuestións meteorolóxicas, por ser en decembro, decidimos facelo a cuberto", explicou o socialista.

Tino Fernández fala nun momento da presentación das aulas maxistrais da 'Navidance Week' de Pontevedra. CEDIDA

Unha oportunidade única sen moverse de Galicia

Segundo precisou Pilar Torelli, "Galidance Intensive é un evento de danza urbana creado para reunir profesores de ámbito nacional e internacional que ofrecen tres días intensivos de formación, con catro aulas diarias de hora e media, dúas pola mañá e dúas pola tarde".

"O obxectivo desta iniciativa –afirmou a directora de Plié Dance School– é darlle á xente de Galicia a oportunidade de que non teña que moverse a outros lugares alonxados como Madrid ou mesmo fóra de España para poder recibir clases impartidas por profesores recoñecidos a nivel mundial. E  darlle tamén á xente de fóra de Pontevedra a oportunidade de que veñan nunha época tan marabillosa como o Nadal, poidan coñecer a cidade e queden uns días por aquí".

Torelli  indicou que os talleres "están recomendados para persoas cun mínimo de dez anos de idade, sen límites, pero que teñan coñecementos previos de danza, porque son aulas de nivel intermedio-avanzado". Entre as disciplinas de danza urbana que se impartirán inclúense hip hop, comercial, dancehall e heels dance (baile con tacóns).

Para participar nesta actividade de A Vida é Movernos, será necesario reservar praza previamente antes do 27 de novembro a través do whatsapp 604 066 791 ou do email [email protected], establecéndose unha ocupación máxima de 250 participantes.

Ofertas e prezos da Navidance Week
Basic: 70 €. Inclúe dúas aulas de mañá e dúas de tarde de hora e media cada unha nun día solto.
Full Pack: 150 €. Abrangue todas as clases impartidas (con 18 horas de formación).
Premium: 165 €. Inclúe o Full Pack máis merchandising do evento e descontos en hoteis e visitas guiadas pola cidade.

Comentarios