jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

"A vida que temos é a que temos que desfrutar e ten que ser digna"

Ana Cabalerio. DP
Ana Cabalerio. DP
Ana Cabaleiro é escritora e Deixádenos remar é o seu terceiro libro. Nela autora observa pola mirilla dunha serie de personaxes cotiás, humildes e arrabaldeiros que relatan a súas vidas dende un barrio periférico contemporáneo 

COMO ACONTECERA en ‘Las Ramonas’ (Premio García Barros 2018), en ‘Deixádenos remar’ o lugar no que transcorre a novela ten un gran protagonismo.

Eu dicía moito antes de que o libro saíse publicado que me dá a sensación de que me fixo moito en como habitamos os lugares e que tipo de lugares habitamos segundo a parte do mundo na que che toca nacer. Galiza ten cousas particulares sobre como habitamos o espazo. Primeiro, hai que ter en conta que aquí temos auga por todas partes, polo que tradicionalmente se puido habitar todo o territorio. A xente galega, sobre todo do rural, ten moitísima mobilidade na vida diaria, depende moito do coche. Esa relación co coche chámame a atención.

Se en ‘Las Ramonas’ a novela estaba ambientada no rural, aquí é neses lugares nos que o rural se difumina co urbano.

En ‘Deixádenos remar’ fixeime en concreto nas fronteiras. Arredor de case todas as cidades hai eses barrios periurbanos que teñen esa parte rural que aínda teñen casas con galiñeiro e hórreo que conviven con casas rehabilitadas con xardín e piscina. Deime de conta de que en Galiza hai moita periferia urbana ou semirural ou semiubana e resultábame moi atractivo escribir sobre como se habita nesa periferia. Foi o que me propuxen. O que pasa é que empezas escribindo unha cousa e acabas escribindo sobre moitas máis cousas. O punto de inicio eran os lugares da periferia contemporáneos. Os topónimos e os lugares non son reais, son ficionados, pero as situacións que se narran son moi actuais.

Concretamente fala da convivencia entre os veciños que xa estaban e os que chegan a unha urbanización de casas acaroadas e das súas situacións cotiás.

. Por todas as crises económicas e sociais dos últimos anos quería escribir do tema das clases sociais que é algo que está presente na nosa vida. Escribín unha novela na que realmente a gran protagonista é a clase traballadora. Todas as veciñas e veciños dese arrabalde están contando a súa circunstancia. En cada un dos episodios narro os problemas da clase traballadora, os que temos a maioría da xente.

Cada capítulo leva por título un enderezo postal.

É como se mirases pola mirilla da porta desa persoa. Cada capítulo está contado por unha persoa diferente o que conta o que nos pasa a todos. Falan de desemprego, de oposicións, fala o artista que ao mesmo tempo traballa nunha xestoría. O que se reúne para ir vender a casa familiar. Outra persoa merca unha casa que rehabilitou... Está o tema dos coidados, o desemprego, a precariedade laboral, os estudos, as viaxes, incluso hai unha protagonista viaxeira. É unha foto panorámica de como é a sociedade actual nun barrio desas características. Hai unha contraposición cos veciños adiñeirados. Esas rencillas que existen sempre están contadas do lado da xente traballadora. Falo máis da dignidade da xente humilde.

Esta novela tamén ten certa vocación reivindicativa, non si?

Teño que confesar que todos os libros me saen así, un pouco críticos e reivindicativos. Este dun xeito menos evidente que os anteriores, pero si que é crítico dunha forma moi sutil dese concepto que queremos ter na sociedade actual como que moitas veces negamos que sexamos xente do común. Todos queremos ser especiais, todos queremos ter vidas marabillosas, ser persoas exitosas, ese tipo de vidas que nos vende o consumismo. E o día a día ten a súa grandeza vida que temos. É unha chamada á aceptación de que a vida que temos é a que temos que desfrutar e ten que ser digna.

"Deime de conta de que en Galiza hai moita periferia semirural e resultábame atractivo escribir como se habita aí" 

Chama a atención a estrutura da novela.

A xente sorpréndese, por moitas circunstancias porque ten unha estrutura que non é lineal, non é habitual. Son moitas persoas que che están falando ao longo do libro, vas coñecendo a toda esa xente. Metín moito o humor incluso algunhas anécdotas un pouco descabelladas. Tiven que utilizar recursos como o humor, a forma de narrar, a estrutura da novela para levar ó mundo literario á vida común. A vida común é difícil de contar. 

"A miña literatura sempre bebeu da miña vida en Pontevedra" 

Dixo nunha entrevista que é máis difícil contar a vida cotiá que unha novela épica.

É máis complicado atrapar a atención da persoa que le. Para min a literatura é unha forma de contar historias que ten que ser atractiva, que engancha a quen le. Nese sentido deille moitas voltas para conseguir contar algo tan simple como o que lle ocorre a calquera persoa do común e levalo a un libro que te enganche.

Ten algunha teima confesable como escritora?

Como escritora dedico o 80% do tempo a pensar e o 20% a escribir. Non soporto sentarme a escribir sen ter todo na cabeza.

Coa importancia que lle outorga aos lugares, que ten de Pontevedra as súas novelas?

Os dous últimos libros practicamente nun 60% son pontevedreses porque o maior tempo eu vivía aí. Cando penso e cando o escribo estou aí, aínda que os acabe na casa, en Santiago. A miña literatura sempre bebeu moito da miña vida en Pontevedra.

"A vida que temos é a que temos que desfrutar e ten que ser digna"
Comentarios
ç