Unha vintena de rapaces participan esta semana en 'Pontevedra polos catro costados'

A actividade inclúe camiñadas, percorridos en bicicleta, rutas en kaiak, e paseos polas terrazas máis emblemáticas da cidade
Rapaces participantes en 'Pontevedra polos catro costados'. DP
photo_camera Rapaces participantes en 'Pontevedra polos catro costados'. DP

Participantes en 'Pontevedra polos catro costados'. DPDous grupos de rapaces de entre 7 e 15 anos están a participar na actividade de Ponteverán 'Pontevedra polos catro costados'. Este mércores, a actividade consistiu nun percorrido en bicicleta que tivo por destino a Illa das Esculturas, onde realizaron diferentes xogos deportivos. "O obxectivo é que ao longo desta semana, e a través dunha serie de propostas que combinan xogos e deporte, os 18 rapaces e rapazas participantes percorran a cidade desde distintas perspectivas", explica o Concello nun comunicado.

O luns e o martes, e a pesares da chuvia, as actividades desenvolvéronse con normalidade. O primeiro día realizáronse xogos polas diferentes prazas, aproveitando especialmente o abrigo dos soportais, e o martes subiron ás terrazas máis emblemáticas da cidade.

A sesión do xoves estará dedicada a percorrer o río Lérez en kaiak e o venres rematará cunha ruta urbana na contorna do río Gafos ata chegar a Tomeza.

Nesta edición do Ponteverán,  organizado pola Concellaría de Xuventude, todas as actividades se adaptaron á situación sanitaria, establecendo normas de prevención e medidas de hixiene e distanciamento social, grupos reducidos e priorizarando actividades ao aire libre.