Maica Larriba: "A violencia machista medra entre a poboación máis nova"

A subdelegada do Goberno en Pontevedra expresou a súa preocupación polo incremento deste tipo de delitos
A xornada formativa celebrada este xoves en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera A xornada formativa celebrada este xoves en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou este xoves que o Goberno de España está "firmemente comprometido coa loita pola igualdade entre homes e mulleres e coa erradicación da violencia machista". Porén, subliñou que "o executivo de Pedro Sánchez é un Goberno feminista e de acción que prioriza os recursos para loitar contra esta durísima realidade". A subdelegada fixo estas declaracións durante a presentación da xornada Liñas de apoio do Goberno de España ás vítimas de violencia de xénero que se celebrou no salón de actos da Subdelegación. Nela interviron tamén como poñentes Beatriz Alonso, xefa da área de prestacións na oficina do Servizo Público de Emprego de Pontevedra, e María Belén Pérez, directora do Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Vigo oeste. A xornada tamén contou coa presenza de Fernando Álvarez-Blázquez, director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

A subdelegada lembrou que "a día de hoxe temos na provincia 1.304 casos en seguimento de violencia de xénero e vemos con preocupación como a nivel xeral a violencia machista medra entre a poboación máis nova. Mentres isto sucede, temos que soportar desde o máximo rexeitamento e indignación como algúns sectores da política tratan de restar peso a esta lacra ou directamente a negan".

Ante este escenario, cualificou de "fundamental" que as profesionais que traballan no campo de apoio ás vítimas "coñezan e divulguen as axudas e dereitos que lle corresponden para que cheguen a todas e cada unha destas mulleres".

A subdelegada agradeceu o interese que espertou esta xornada formativa e o traballo do persoal dos CIM "porque entendedes de primeira man cada caso e a realidade que viven as mulleres que sofren a violencia machista". "Para que estas medidas sexan efectivas é imprescindible unha actuación coordinada entre administracións e particularmente coas administracións locais".

Comentarios