jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Vivir no límite: o día a día nas fronteiras entre Pontevedra e os concellos colindantes

Cándido Casás, xunto ao letreiro que marca o límite de poio con Pontevedra. Ao fondo, a súa casa. DAVID FREIRE
Cándido Casás, xunto ao letreiro que marca o límite de poio con Pontevedra. Ao fondo, a súa casa. DAVID FREIRE

Os habitantes dos estremeiros entre concellos non teñen problema ningún coas fronteiras

SEMPRE fomos de repasar os marcos. Iso é así. Os límites entre propiedades adoitan ser fonte de polémica. O mesmo acontece entre barrios e, moito máis, entre municipios. Por non falar dos países. Pontevedra non foi allea aos conflitos nos seus lindes desde aquel día que un ex-alcalde de Marín borrou a liña que marcaba a fronteira entre Estribela e Cantodarea (armado de brocha gorda e pintura) ata o pleito que manteñen a Boa Vila e Poio pendente de resolver pola Xunta.

Pero, como se vive nas fronteiras? Hai tamén piques entre os veciños? Na parroquia de Bértola, en Vilaboa, a escasos metros de Salcedo, vive Pilar Santiago, máis preocupada pola saúde do seu home, ao que coida, que polos marcos. "Por Deus, aquí levámonos ben os veciños todos, que máis dá se a casa cae en Pontevedra ou en Vilaboa? Todos nos levamos moi ben", insiste.

Os problemas adoitan aparecer cando hai cartos polo medio. Explícao Cándido Casás, cuxa vivenda está pendente da resolución da Xunta que determinará os lindes entre Poio e Pontevedra. "Hai problemas nas fronteiras cando hai cartos polo medio, se non, non pelexa ninguén", conta referíndose ao conflito que enfronta a ambos concellos e no que se viu envolto el mesmo: se a Xunta lle da a razón ao primeiro, a súa casa estará en territorio da parroquia de San Xoán (Poio); se o pleito o gaña o concello capitalino seguirá vivindo na parroquia pontevedresa de Campañó. Neste caso, determinarase tamén a que concello pertencen instalacións como a Comandancia da Garda Civil, o Parque de Bombeiros e parte da Xunqueira de Alba. A vitoria de Poio implicaría, entre outras cousas, que Pontevedra tivese que pagarlle o IBI do Parque de Bombeiros ao concello veciño.

Algo semellante ocorre co Porto de Marín, ou de Marín e Pontevedra, segundo se vexa. Neste caso hai tamén polémica. Os marinenses defenden que a rada é súa e os pontevedreses alegan que parte da mesma ocupa terreo pontevedrés. Cal é o problema? "O que pasa é que todo ese terreo é gañado ao mar, e entón é difícil marcar a fronteira nos recheos, porque antes era auga", resume un veciño de Cantodarea, o barrio que limita con Pontevedra.

A disputa entre Marín e Pontevedra ten unha fotografía simbólica, a do ex-alcalde socialista de Marín Francisco Veiga borrando a liña que marcaba a fronteira entre o seu concello e Pontevedra, na Praza Marqués de Valterra, en 2009. O enfado viña do que Veiga consideraba unha intromisión do Concello de Pontevedra no Porto, unha infraestrutura que a vila mariñeira considera súa malia que, derivado do seu crecemento, se expandira cara a Pontevedra.

A FONTE. Aínda que as crónicas de hai unha década falaban de incomodidade entre os veciños dun e máis do outro lado da fronteira, a realidade é que hoxe en día, entre a xente da rúa, apenas hai polémica. "Na praza Marqués de Valterra temos unha fonte que a divide en dúas, para un lado é Pontevedra e para o outro Marín. Logo, por detrás desta praza hai casas e aí xa se complica a cousa, son os propios veciños os que saben se a súa vivenda está nun municipio ou no outro", explica un dos comerciantes da zona.

En efecto, o conxunto de casiñas entre Cantodarea e Estribela é tal que se fai difícil marcar a fronteira nun barrio no que a continuidade é evidente. Os marcos quedan claros na Rúa do Regueiro, onde os veciños da beirarrúa da esquerda son pontevedreses e os da dereita, marinenses. Algo semellante ocorre en diferentes puntos do lindeiro entre Pontevedra e Poio, así como no límite con Vilaboa.

A quen non se lle pode poñer fronteiras é a Cupido. O amor non entende de marcos e nas parroquias estremeiras é habitual atopar parella ao outro lado da fronteira. Que llo digan a Cándido Casás, que sendo de Poio de toda a vida atopou moza a escasos metros da casa, en Campañó. Ou a Pilar, que naceu en Cantodarea e casou cun home de Pontevedra, aínda que "el agora xa é de Marín, a Pontevedra imos só para ver o fútbol ou o Teucro", explica antes de volver á casa pola rúa que é metade pontevedresa e metade marinense, cun pé en cada concello.

Cándido Casás, entre Poio e Pontevedra: "Eu ando sempre nos estremos"
Cándido Casás, xunto ao letreiro que marca o límite de poio con Pontevedra. Ao fondo, a súa casa. DAVID FREIREDos antigos mollóns que separaban Poio e Pontevedra á altura de Campañó aínda falan os veciños da zona. "Un estaba aí, á beira desa pista, detrás dese muro", indica un paisano mentres ata a viña. A Poio, como a tantos outros, ocorreulle algo moi habitual: movéronlle os marcos.

Ocorreu en 1938, durante a Guerra Civil, e daquela argucia aínda se arrastran agora as consecuencias. De feito, o Concello de Poio e máis o de Pontevedra manteñen un pleito polos marcos que actualmente está nas mans da Xunta. Será a Administración autonómica a que resolva o litixio, aínda que parece que se decantará do lado de Poio.

No medio de toda a polémica está Cándido Casás e máis a súa vivenda. Cando a construíu xa tivo problemas porque a metade do predio estaba en territorio pontevedrés e, a outra metade, en Poio. "Tiven que comprar uns metros máis de terreo cara a Pontevedra para poder construír", indica. "A min isto de estar na fronteira só me trouxo gastos", conta.

Oficialmente a súa casa está en terreo de Pontevedra, na parroquia de Campañó, mais se a Xunta lle dá a razón a Poio pasará a cambiar de concello. "Non sei moi ben se se pagan máis ou menos impostos, e tampouco sei se os cambios me van supoñer máis gastos", explica. O certo é que Cándido ten a toda a súa familia en Poio, onde naceu, e agora podería volver vivir no seu concello sen mudarse. A que é pontevedresa é a súa muller, de Campañó, porque en cuestión de amores, as fronteiras pouco importan.

Ademais de ter a casa na estrema entre Poio e Pontevedra, Cándido rexenta unha carnicería no mercado de Estribela, a escasos metros da fronteira con Marín. "Eu ando sempre nos estremos", bromea mentres ensina a pista na que anteriormente estaba o límite entre os concellos. Mentres o explica, un veciño aclara que, por moitas disputas que teñan a nivel administrativo, entre os de Poio e os de Pontevedra non hai problema ningún. "Iso si, eu de Campañó de toda a vida, deste pueblo bonito, aínda que a miña nai fose de Poio", indica. A cuestión sentimental de ser dun lado ou do outro non é relevante para Cándido. "As fronteiras interesan , polos cartos", conta, mentres explica que son todos amigos. "Aquí non facemos como en Cataluña", ri, antes de despedirse.

 

Ángela Castro, entre Marín e Pontevedra: "Os de Estribela querían ser de Marín"
Unha veciña do barrio de Cantodarea na Rúa do Regueiro, que marca a fronteira entre Marín e Pontevedra. DAVID FREIREA rúa do Regueiro, que agora separa Cantodarea (Marín) de Estribela (Pontevedra), era, en efecto, un regueiro. Explícao unha veciña que camiña pola citada vía, cunha perna en Pontevedra e a outra en Marín. "Eu sonche de Estribela, e ben contenta que estou de ser de Pontevedra, que ten un alcalde moi bo. Logo casei cun de Marín e aínda botou tempo en empadroarse aquí, andaba embarcado e dicía que non quería deixar de ser de Marín", conta entre risas antes de seguir o seu camiño.

Os que viven no estremeiro entre Pontevedra e Marín fan vida en común porque só esta pequena ruela os separa. Ao final da mesma, antes había praia pero, tras os recheos, unha fonte indica onde empeza un concello e remata o outro. Pero, de quen é a fonte? Non hai unha única resposta a xulgar polos comentarios de quen visita a feira que todos os mércores se instala no lugar. Hai quen di que sempre pertenceu a Marín, que, de feito, hai anos, estaba situada uns metros máis cara ao territorio marinense. Outros, os de Estribela, din que é de Pontevedra. Hai quen apunta que a auga que bota é de Marín, "pero a fonte en si non sei dicirche".

Malia que o acordo é difícil, no que comparten opinións é en que todos se levan ben. As fronteiras, neste caso, unen. "Nós imos a todo a Marín: ao médico, ás compras... só cando temos que facer papeleos no Concello imos a Pontevedra", explica unha muller da parte pontevedresa. Outro, de Marín, conta que os de Estribela mesmo se quixeron unir ao concello marinense en tempos da Segunda República. "Houbo protestas para incorporarse ao noso municipio, pero logo viu o golpe de Estado e esqueceuse todo", conta. E engade que, de mozo, entre o seu grupo de amigos había rapaces dun lado e do outro dos marcos. "Cando iamos por aí todos diciamos que eramos de Marín, porque na práctica, é como se fosemos do mesmo concello", recorda.

Hai algo no que si notan diferenzas. "Eu vivín sempre por esta zona, o que pasa é que me mudei de casa; ao principio vivía dun lado e pagaba as facturas en Pontevedra, logo cambiei a outra casa que está a uns metros de distancia e agora pago en Marín", conta Ángela Castro, de 80 anos, que se confesa "de Marín de toda a vida".

 

José Enrique López, entre Pontevedra e Vilaboa: "Estea onde estea, isto é un paraíso"
José Enrique López, xunto ás sías cadelas. DAVID FREIREQue máis dá estar nun concello ou noutro se vives nunha casa con terraza, podes pasear sen escoitar o barullo da cidade e, á vez, tes as comodidades da urbe a escasos quilómetros? Iso se pregunta José Enrique López, que habita, xunto á súa irmá, unha casiña situada a escasos metros do lindeiro entre Pontevedra e Vilaboa, no núcleo rural coñecido como A Saxosa. Se cadra esta é a fronteira menos polémica desta reportaxe, xa que apenas se ten escoitado falar de conflitos entre os gobernantes dun e do outro lado da fronteira. "Isto é un paraíso, da igual que sexa Pontevedra ou Vilaboa", conta José Enrique, que aproveita unha mañá de sol para facer traballos na terraza acompañado das súas cadelas.

"Por aquí paseo eu con elas, entre Bértola –que pertence a Vilaboa– e Salcedo –parroquia pontevedresa–, e pouco me importa pisar un concello ou o outro porque é un luxo poder saír a dar un paseo con elas e gozar desta tranquilidade", explica. Bimba e Lola, que así se chaman as mascotas de José Enrique, están afeitas a correr e xogar polos lindes entre Pontevedra e Vilaboa e posan para a fotografía xusto diante do letreiro que indica que Pontevedra se acaba. "Non hai rivalidade ningunha entre nós, o que máis e o que menos ten familia nun lado ou no outro", explica. Cóntao porque el mesmo ten unha irmá que vive na parroquia veciña, en Salcedo.

Para ir ao médico ou a facer xestións, José Enrique vai a Vilaboa, aínda que cando se trata de facer compras ten a cidade de Pontevedra a escasos quilómetros. "Aquí coñecémonos todos e levámonos ben os uns cos outros, non hai problemas nin rivalidades por ser uns dunha parroquia e outros de outra, non nos fixamos nesas cousas", explica.

Corrobórao a súa veciña, Pilar Santiago, que con 80 anos está máis preocupada de coidar ao seu marido enfermo que das fronteiras. "Levámonos ben todos, dá igual que sexamos dun sitio ou do outro", insiste cando lle preguntan pola relación entre veciños. Ela foi tamén forasteira en Vilaboa. Naceu en Marín e non foi para o lugar ata que casou, hai xa máis de 50 anos. "Celebramos xa as vodas de ouro", indica. Tampouco o seu home é de alí, senón de Salcedo, só uns metros máis ao Norte.

Vivir a un lado ou outro do marco non implica moitos cambios. O barrio no que viven José Enrique ou Pilar é un lugar tranquilo entre a AP-9 e a N-550, cunha residencia para a terceira idade, lugares polos que pasear e bos veciños. Iso si, os que viven en Vilaboa pagan menos impostos que os de Pontevedra. Neste caso, a estrema entre os concellos nótase no peto dos seus habitantes.

 

Vivir no límite: o día a día nas fronteiras entre Pontevedra e os...
Comentarios