A vixésima campaña de limpeza do Gafos remata con preto de mil quilos de lixo retirados do río

Na quinta e última xornada, na que participaron rapaces da Fundación Juan XXIII, minguou o volumen de residuos recolleitados
Varios dos voluntarios reunidos na última xornada de limpeza no río Gafos. GONZALO GARCÍA
photo_camera Varios dos voluntarios reunidos na última xornada de limpeza no río Gafos. GONZALO GARCÍA

Na mañá do derradeiro domingo deste mes, a asociación Vaipolorio celebrou a quinta e última xornada de limpeza no leito do río Gafos da tempada 2020. E fíxoo na mellor compañía, xa que aos voluntarios habituais da asociación sumáronse os rapaces e rapazas da Fundación Juan XXIII, que un ano máis, após outros nove de colaboración, sumou as súas forzas a esta causa: "Non me canso de repetir a valoración deste colectivo. O feito de que veñan durante todos estes anos é desde logo admirable para nós. Traballar con eles é unha marabilla, porque veñen con ilusión", asegurou Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorio.

Así, un total de até 22 persoas reuníronse ás 10.00 horas no inicio do sendeiro rural, na rúa Otero Pedrayo, para dar comezo ás tarefas de recollida de lixo. Nesta quinta xeira, os tres grupos formados desenvolveron o seu labor na parte media-alta do río, nun tramo que Sancho calificou de "moito máis naturalizado" que o resto de treitos traballados previamente.

BALANCE. Algo que implicou a recollida duns 80 quilos, na maioría residuos plásticos, unha cifra menor á de anteriores xornadas e que supón un motivo de satisfacción para a asociación: "En precedentes xornadas houbo moitas cousas voluminosas, pero isto era o desexable. E de aquí para adiante que sexa máis ou menos igual. Que recollas algún plástico, algunha cousa que o río devolve despois de moitos anos. Pero nada máis. O desexable é ver un río totalmente recuperado, que para isto naceu Vaipolorio, para isto ten continuidade e para isto penso que nunca terá fin".

O que si tivo fin foi a vixésima campaña de limpeza de Vaipolorio, que se desenvolveu ao longo dos cinco domingos deste mes, recollendo un total de 930 quilos de refugallos do río, e que estivo moi marcada polas medidas de seguridade impostas pola covid. Así, os voluntarios tiveron que confirmar a súa asistencia previamente, formando grupos de traballo, amais de ter que dicirlle ata o ano que vén ao xantar colectivo que habitualmente celebraban ao remate de cada xeira.

Así mesmo, as celebracións pensadas con motivo dos vinte anos de limpeza terán que agardar tamén ao 2021. Ano no que continuarán os traballos da asociación, xa que "o río precisa dun mantemento, porque por unha causa ou outra sempre hai lixo. Pero é moi agradable traballar así e ver que isto continua, que a xente segue aí ou que aparece xente nova. Vémonos moi optimistas, e isto dáche sempre folgos para continuar".

Comentarios