miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

Os vixiantes de seguridade privados poderán certificar a súa experiencia

Vixiante de seguridade na entrada dun local de ocio nocturno. JUAN CERVERA.
Vixiante de seguridade na entrada dun local de ocio nocturno. JUAN CERVERA.
Xunta e Ministerio de Defensa asinan un convenio para incluír a 150 profesionais no REXP

Os traballadores de vixilancia privada poderán acceder por primeira vez este ano á convocatoria de Recoñecemeto da Experiencia Profesional (REXP). Este procedemento, xestionado pola Xunta desde 2011, pretende facilitar a inserción laboral daquelas persoas que adquiren competencias profesionais mediante experiencia laboral e non contan cunha titulación.

A convocatoria REXP facilitaba xa o recoñecemento para profesionais da atención sociosanitaria, socorrismo acuático, servizos de control de pragas ou vixilancia e extinción de incendios, entre outros. Agora, a través dun novo convenio entre o Ministerio de Defensa e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, foi posible a inclusión dos traballadores de vixilancia privada. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, informou de que a oferta para os traballadores de vixilancia privada foi de 150 prazas. "Tivemos un total de 250 inscricións. As 150 primeiras cubriron a oferta mentres que as 100 restantes pasan a unha lista de espera para as prazas do ano que vén", engadiu.

Para facerse co recoñecemento, os vixiantes deben ter unha experiencia mínima de tres anos e adxuntar o seu currículo. O procedemento comezará na segunda quincena de xullo cunha fase de asesoramento e rematará cunhas probas de avaliación no mes de outubro.

A convocatoria deste ano sumou máis dun millar de inscricións entre todos os ámbitos profesionais. "O obxectivo é aumentar a empregabilidade dos galegos e galegas que non contan cunha titulación profesional", declara Casal.

Nas doce convocatorias da REXP ofertaron un total de 17.761 prazas para distintos sectores profesionais. Pablo Casal lembra que "a porcentaxe de obtención da acreditación é moi favorable, dun 95%. A Xunta é pioneira a nivel estatal con esta iniciativa" .

A acreditación terá carácter oficial, con validez en todo o territorio español, aumentando as opcións de inserción laboral. Destaca Casal tamén que "se un solicitante non superara as probas, pode volver presentarse o ano que vén, non perde ningún tipo de dereito". Ademais, unha vez recoñecida a experiencia, aqueles que o desexen poden completala cun título de FP.

As fases para o recoñecemento comezan este mes
A primeira fase é o asesoramento. A Xunta seleccionou a 381 profesionais que orientarán aos candidatos para demostrar as competencias profesionais adquiridas no seu posto de traballo. Este proceso iníciase cunha reunión grupal e posteriomente lévanse a cabo entrevistas individuais. O obxectivo é que os solicitantes poidan tamén completar o seu historial profesional. Para iso, os asesores poderán proprocionarlle aos candiatos informes orientativos e plans de formación.
Unha vez rematada a fase de asesoramento, os solicitantes desta convocatoria someteranse a unhas probas de avaliación. Ditos exames terán lugar en outubro nas catro provincias galegas. A modalidade das probas poderá variar e adaptarse a cada trabllador. As máis comúns son simulacións, probas de competencia, entrevistas e observacións no propio lugar de traballo. As comisións de avaliación están formadas por un total de 408 profesionais e decidirán se o solicitante conta coas compentencias requiridas.

Os vixiantes de seguridade privados poderán certificar a súa...
Comentarios