A Policía e a Guardia Civil reforzan a vixilancia especial dos peches en Pontevedra

A subdelegada presidiu a reunión de coordinación cos altos mandatarios das forzas de seguridade polas novas restricións
Un intre da reunión telemática do martes. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO
photo_camera Un intre da reunión telemática do martes. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este martes unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (Cecor) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Larriba subliñou que as novas medidas, que no momento de celebrar o Cecor aínda estaban sen publicar do Diario Oficial de Galicia (DOG), non puideron tratarse en profundidade, pero si trasladar ao representante da Xunta moitas cuestións para clarificar diversos anuncios recollidos polos medios de comunicación sobre as novas medidas por parte das forzas de seguridade.

Ao encontro asistiron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Guardia Civil en Pontevedra, Manuel Touceda, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González, a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

A subdelegada subliñou que as novas restricións van supoñer un maior esforzo para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, pero como sempre "van cumprir ao máximo nivel para que as novas medidas sexan efectivas dende o primeiro minuto colaborando coa autoridade sanitaria galega". Con todo, alertou a poboación para que saiban que a Guardia Civil e a Policía Nacional van a estar moi vixiantes nos peches perimitrais municipais, o peche da hostalaría, e as limitacións para o comercio non esencial.

OS DATOS. Ao mesmo tempo, Larriba facilitou os datos dos operativos policiais comprendidos entre o día 21 ate o martes. Neste período realizáronse un total de 688 dispositivos de vixilancia, nos cales controlouse a 8.386 persoas. Foron 295 sancións e controláronse un total de 5.606 vehículos.

No respecta aos controles dos diferentes pasos fronteirizos da provincia, leváronse a cabo 36 dispositivos móbiles, nos que se identificaron a 688 persoas, se controlaron 507 vehículos e se elevaron 15 sancións.

PORTUGAL. Segundo informaron os responsables da Guardia Civil, o fluxo de persoas procedentes de Portugal reduciuse nestes días a niveis case anecdóticos debido ao confinamento domiciliario e os peches perimetrais decretados no país veciño.

Para a subdelegada do Goberno a situación da pandemia en Galicia esixe un compromiso moi importante da veciñanza "porque de nada van servir as restricións e limitacións ou o traballo da Guardia Civil e da Policía Nacional se nos mesmos non somos capaces de respectar as normas pola nosa propia seguridade".

Por último, a subdelegada pediu a todos e todas os veciños e veciñas de Pontevedra que non baixen a garda e que sigan todas as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias. "Reducir as cifras de contaxios está nas nosas mans", concluíu.

Comentarios