O voluntariado do patrimonio e a memoria

Vaipolorío e Capitán Gosende converteron en símbolos Os Gafos e o Monte do Seixo, e o colectivo de Pontevedra financiará unhas laudas do Campo das Laudas en pago polo traballo de catalogación feito polos activistas de Cerdedo
De esquerda a dereita, Juan Soto, Ramón Laxe, Gonzalo sancho e Calros Solla. ALICIA GARRIDO
photo_camera De esquerda a dereita, Juan Soto, Ramón Laxe, Gonzalo sancho e Calros Solla. ALICIA GARRIDO

Por encargo da asociación Vaipolorío, membros do colectivo Capitán Gosende comezaron, no mes de setembro do ano 2022, o inventario do patrimonio inmobiliario do río dos Gafos: hórreos, pontellas, pontes, muíños...

Un catálogo do patrimonio existente e desaparecido, do que apenas dan testemuño as vellas fotografías.

Vaipolorío e Capitán Gosende subliñan que o que aínda existe temos a obriga de protexelo e valorizalo, porque forma parte da paisaxe do río, como a toponimia, os peixes, as aves, os anfibios ou os vexetais, dos que xa hai monografías publicadas.

Nos estudos sobre calquera aspecto da ribeira fluvial son empregados por Vaipolorío para a realización de innúmeras actividades culturais de toda índole e son o pretexto para seguir reivindicando, por exemplo, que o tramo de río que discorre por Campolongo debe ser, dunha vez por todas, destapado.

En troco, quid pro quo, Vaipolorío colaborará con Capitán Gosende no seu obxectivo de rescatar e preservar a memoria das vítimas do franquismo en Cerdedo, financiando a feitura da décimo primeira lauda do Campo das Laudas, nas Raposeiras (Meilide).

Calros Solla
"Paréceme un feito extraordinario e edificante que unha asociación conte con outra nos seus proxectos"

Vaipolorío puido escoller o Lérez como ámbito de actuación. Esta escolla depararíalle moitísimo máis apoio e predicamento, pero elixiu o río dos Gafos, un cabalo perdedor.

Capitán Gosende puido centrar a súa investigación etnográfica en Cangas ou en Moaña, pero escolleu das trincheiras posibles, a máis enlamada. Por iso, no caso destes colectivos, as pequenas vitorias saben mellor.

Nun bar de Salcedo (Pontevedra), Gonzalo Sancho e Ramón Laxe (Vaipolorío) e Calros Solla e Juan Soto (Capitán Gosende) repasan as traxectorias dos dous colectivos e os retos que enfrontan a curto e medio prazo.

Calros Solla: Paréceme un feito extraordinario e edificante que unha asociación conte con outra para colaboraren no desempeño dos seus proxectos, conforme os seus propios medios e recursos. Capitán Gosende actúa nun territorio fracasado e esmorecente dende a perspectiva do factor humano. Vaipolorío faino nun territorio densamente poboado, si, mais non exento de dificultades, xa que moitos son os voitres que devecen por botarlle as poutas á conca do Tomeza-Gafos. A firmeza e constanciade Vaipolorío logrou esconxurar as ameazas, non só por defender a limpeza e saneamento das augas, senón por encher de contido o escenario fluvial. Un río é un elemento natural, mais non só; un río, como se demostrou no Gafos, arrequécese cunha chea de valores culturais, como son a toponimia, a fauna, a flora, o patrimonio material e inmaterial... Divulgar a existencia do río dos Gafos, facendo fincapé na idea do tesouro natural e do tesouro cultural, propicia a súa visibilización e permite tamén que a cidadanía tome conciencia. A de Vaipolorío é unha traxectoria de 22 anos. Esta activísima lonxevidade é, hoxe por hoxe, rara avis.

Gonzalo Sancho
"Despois de limpar un río, vólvese a emporcallar, había que poñelo en valor, e de aí partiu a súa catalogación"

Gonzalo Sancho: Os de Vaipolorío non inventamos nada. Puxémoslle vontade, pero xa había exemplos en Francia e en Alemaña. Eles descubriron que despois de limpar un río, este vólvese emporcallar, e non era a solución. Había que poñelo en valor, e de aí partiu a catalogación, valorización e divulgación do seu patrimonio. Aquí, por sorte, atopamos quen nos botou unha man; atopamos, por exemplo, a Calros Solla; a catalogación non se limitou á fauna e á flora. Non eramos conscientes do valor que lle podía outorgar a un río súa toponimia. Despois apareceron as lendas ao redor do Tomeza-Gafos, que están feitas para alimentar a imaxinación, dicía Antón Fraguas. Hai iniciativas europeas que falan da protección da paisaxe, da directiva marco da auga e de dotar de espazos para a calidade silvestre, cousa que aquí aínda non vemos. As ferramentas existen, pero estamos no país dos ananos.

C.S.: Este batallar constante, este labor de oficiosos gardarríos, escenificado nas campañas de limpeza, nas visitas escolares, nas actividades divulgativas, na rehabilitación de muíños, na restauración de pontes... dotou o río dunha grosa capa protectora, tan eficaz coma intanxible. Sen este abnegado voluntariado, que sería dun río pequecho, empregado historicamente como vertedoiro ou sumidoiro, que no verán, mesmo chega a desaparecer?

Ramón Laxe: Nós tivemos que cambiar a mentalidade da xente, pero non nos foi moi traballoso, e a xente cumpriu. Crieime aquí, apegado ao río, que era o vertedoiro do pobo. Non se che ocorría levar un cristal ou un aro dun bocoi ao monte, porque do monte obtiñas o toxo, que era fundamental; e o río, con que trouxese auga para regar, abondaba. Todo o que sobraba, veña para o río, e o comareiro aproveitábase para pasto dos animais e para a herba, cando se segaba. A xente empezou a respectar e a non labrar ata a beira do río. A xente, dentro do que cabe, colaborou moitísimo.

Ramón Laxe
"Nós tivemos que cambiar a mentalidade da xente, pero non nos foi moi traballoso e a xente cumpriu"

Juan Soto: Nós tamén temos estudado montes e ríos, por exemplo, o monte do Seixo ou o río de Quireza, pero hai unha diferenza importante: Vaipolorío tivo éxito no traballo de concienciación e nós non. É ben certo que nós somos bastantes menos e que o noso territorio de actuación é moito máis grande. Con este traballo de catalogación, non nos sentimos fóra do noso hábitat, facemos o que vimos facendo estas últimas décadas, só que noutro lugar, seguramente menos agradecido.

R.L.: Favoreceunos moito o lío da empacadora. Gañámonos un respecto. Nunca tivemos ningún problema cos donos das fincas. Ao mellor, se non fose pola mobilización antiempacadora, hoxe non estabamos aquí.

J.S.: A da empacadora foi unha pelexa exemplar.

C.S.: O movemento Nunca Máis foi unha mobilización sen precedentes na Galiza, pero na práctica non mudou nada porque os que provocaron e encubriron a catástrofe seguiron gobernando. Na loita contra a empacadora, houbo un antes e un despois, porque se conseguiu chimpar os promotores e os culpables dos concellos de Vilaboa e Pontevedra.

J.S.: Na plataforma había xente de canta cor hai, e non houbo ningún conflito. Non se contaminou.

R.L.: Houbo xente á quen lle pesou, porque tiña terreos e pensaba que lle ían pagar o ouro e o mouro. O non gañou por maioría. Callou a mensaxe de que querían traer para aquí a merda de Vigo. Entón, non foron capaces de convencer a xente, pero, hoxe, co desinterese que hai por todo, teño claro que en dous meses conseguirían montala. Téñoo clarísimo.

Juan Soto
"Con este traballo, non nos sentimos fóra do noso hábitat porque é o que vimos facendo noutro lugar menos agradecido"

J.S.: Gañarían diñeiro uns poucos, pero todo o que hai ao redor se depreciaría.

R.L.: Era inviable. Querían facer unhas minidepuradoras con plantas acuáticas. Tivemos unha entrevista co responsable de Augas de Galicia, con tanta sorte que a fin de semana anterior houbera unha riada que non se recordada cousa igual. Cando chegamos alí co plano e as fotos, entendeu que a menos que se levase máis arriba non era factible, e máis arriba só quedaba o monte da Fracha. Era imposible. Foi unha cabezonada, e despois aínda o intentou Telmo Martín, co do porto seco.

G.S.: Despois de Telmo Martín, a Xunta de Galicia pensou de novo en instalalo no mesmo sitio, preto da vía do tren, co beneplácito do concello de Vilaboa, porque teñen una cantidade terrible de naves ilegais e pretendían, dese xeito, legalizalas.

R.L.: A xente esquécese fácilmente e aí os políticos aprovéitanse, os políticos e aqueles aos que lles deben os favores. Montamos o follón e dentro de dous meses esquecémonos. Nos anos 70, Fenosa comprou terreos, os paisanos agardaban que lles comprasen a súa leira, e agora non queren a subestación. O AVE non vai quedar sen electricidade porque se opoñan catro veciños.

C.S.: Con Verbo Xido, e agora con Capitán Gosende, levamos 22 anos de loita nun territorio onde non houbo alternancia política dende o golpe de estado do 36. O que si houbo foi un borrado de memoria, un lavado de cerebro e unha praxe política errada que provocou un despoboamento brutal. Un dos problemas aos que nos enfrontamos nos nosos comezos foi o parque eólico do Seixo. A única maneira de facerlle fronte, segundo o noso modus operandi, era dotar de contido cultural o monte no que se quería instalar a industria. Así xurdiu, en 2002, o Proxecto Montaña Máxica, con Portalén convertido nun dos novos símbolos da galeguidade (do que algúns lambóns desvergoñados quixeron apropiarse, para o seu beneficio). Entre os moitos participantes dos roteiros guiados polo Seixo, había ecoloxistas que me atallaban o discurso dicindo que era un radical porque me estaba opoñendo ao progreso das enerxías renovables. Non eran conscientes do que se albiscaba no horizonte. Eu, na niña humilde convicción, defendía que o parque eólico do Seixo fora unha cacicada, como cacicada era o da empacadora. Vinte anos despois, eses ecoloxistas abriron os ollos e agora din que si pero non así. Aínda non apearon da burra e aceptan ir da man cos alcaldes que forman parte da organización política que promove os parques eólicos. Na última concentración celebrada en Cerdedo, Capitán Gosende, por defender a súa coherencia, colleitou máis críticas ca os alcaldes do PP.

Calros Solla
"Non temos doado o relevo, quizais porque non lle facemos as beiras a deus nin ao demo.É o prezo da independencia"

J.S.: A raíz do proxecto do AVE por Cerdedo publicamos nun xornal que a empresa que deseñara o trazado consideraba oportuno localizar un vertedorio de cascallo das obras no Campo das Mámoas, un xacemento arqueolóxico. A técnico ameazounos cos tribunais, pero tivo que recuar ao ver as fotos dos informes que ela mesmo asinara.

C.S.: A xente non se opuña a que lle chantasen un piar do viaduto do AVE nas súas leiras; total, "así como estaban, non valían nada". Outros pensaban en facer o agosto despachando menús durante o tempo que durasen as obras... Todos, en definitiva, agardando por unha providencial expropiación. Vaipolorío traballa nun marco poboacional duns 90.000 habitantes e nós, nun de 1.500. Na montaña, a pouca xente nova desenténdese, vaise ou vive embozada polo medo ou polas paguiñas do Concello, e a outra é pensionista é está totalmente desmobilizada. O grao de aceptación das dúas asociacións é a mesma: baixo. Nin Vaipolorío nin Capitán Gosende teñen doado relevo, quizais, porque ninguna das dúas lle fai as beiras a deus nin ao demo. Ese é o prezo da liberdade e a independencia. Para que valen as figuras de protección? Aí están a Rede Natura, os parques naturais, os nacionais ou o Enil; e aí están as constantes infraccións contra o patrimonio supostamente protexido. Sobra diñeiro desbaldido en papelorio e falta moita pedagoxía. Esa é a razón pola que moita xente sobe ao Monte do Seixo a mirar os eólicos.

J.S.: Sorpréndeme moito que a xente vaia pasear pola autovía de Marín cando teñ aquí, a un paso, un paseo fluvial que é un espectáculo.

R.L.: A xente non o valora. Pretende pasear cos rapaces e que non manchen os zapatos. Está invadido de peregrinos e non facían falta tantos. Non os asesoran e os días que está inundado, métense e veñen coa auga ata o xeonllos.

R.L.: Un dos motivos de que non haxa relevo xeracional no asociacionismo é político. Os veciños de Salcedo sempre loitaron, pero non lle deron apoio a ningunha das súas asociacións. Non lles interesa que os veciños se organicen. Eu téñoo clarísimo. Iso desmobilizou a xente.

Ramón Laxe
"Un dos motivos é político. Non lle deron apoio ás asociacións porque non lles interesa que os veciños se organicen"

J.S.: Teñen medo a que monten unha candidatura e se convirtan nunha alternativa. No asociacionismo, Pontevedra é un deserto. O mesmo que Cerdedo.

C.S.: A querenza maioritaria da xente é decantarse polo cabalo gañador. Agás a oposición á Celulosa, xa non hai proxectos a longo prazo nin carreiras de fondo nas que un apaña, sobre todo, labazadas. Se o éxito non se acada en pouco tempo, inza o desánimo e o abandono.

R.L.: Axiña se meten nunha candidatura. É denigrante.

C.S.: Quería facer fincapé noutro aspecto, o voluntariado. Implicarse na defensa dunha causa que un considera xusta non se debera enfrontar pensando en vivir diso, en conseguir subvencións ou carguiños, nin en ascender social ou políticamente. Nese sentido, podemos dar exemplo: rexeitamos calquera tutela ou subvención, facemos o que podemos e sempre dende o noso libérrimo posicionamento. Iso tamén xera incomodidade na autoridade ou nos que aspiran a selo.

J.S. : Fixemos un traballo, que nos levou cinco anos, no que se inventariou todo o patrimonio arqueolóxico de Cerdedo e Terra de Montes (mámoas, petróglifos castros...), con fotografías, medicións, descricións, coordenadas...; presentouse o traballo editado en Cerdedo e acudiron dez persoas. Non había pinchos nin gaiteiros nin alcaldes. Pero cando se viron ameazados pola invasión eólica, aqueles que levaban anos ignorarándonos puxéronse axiña en contacto para pedirnos que lles mandaramos por correo todo o que tiñamos feito. É dunha caradura de carallo.

C.S.: As comunidades de montes escusaron apoiar as nosas reivindicacións, pero cando tiveron o lobo ao pé da porta, viñeron preguntando se tiñamos elaborada a carta arqueolóxica daquel monte ou daquel outro. E aínda por riba, púxeronnos de chupa de dómine porque non apoiabamos as concentracións nas que se ía da man cos caciques.

G.S.: A contaminación que sofre hoxe o río dos Gafos non ten fácil arranxo porque se mesturan augas pluviais con fecais, que terían que estar separadas. Recoñezo que é caro, pero non se miraría tanto o carto se o problema, no canto de acontecer en Tomeza, pasase na Peregrina.

R.L.: O problema máis grande son as augas dos tellados porque queremos vivir nas aldeas pero somos uns urbanitas, e cando caen catro gotas sobe o caudal, porque os tellados están conectados coas augas fecais para ir ás depuradoras. É contranatura. Terían que levantar as arquetas para ver de onde vén a auga, pero non lles interesa, nin á empresa concesionaria do servizo nin aos políticos, e seguen atascando a depuradora. Non digo que se multe, pero si que se publiquen os nomes dos infractores. Acabaría o problema.

J.S.: As obras indispensables son aquelas que, normalmente, non locen.

Comentarios