Volve a campaña 'Volta ao cole' para fomentar o comercio local

Haberá sorteos por 'rasca e gaña' de 50 premios por 60 euros
Yoya Blanco, Tino Fernández, Iván Puentes e Marga Caeiro.DP
photo_camera Yoya Blanco, Tino Fernández, Iván Puentes e Marga Caeiro.DP

A concellería de Promoción Económica de Pontevedra pon en marcha unha nova edición da campaña Volta ao Cole con ánimo de mellorar a competitividade dos pequenos negocios e incentivar o consumo local.

A iniciativa permitirá dotar dunha maior visibilidade e atractivo ao comercio local con escaparates caracterizados mediante unha cartelería común en formato redondo. Ao igual que na súa edición anterior,empregarase un sistema de "rasca e gaña", co que se repartirán 50 premios por valor de 60 euros, un total de 3.000 euros, entre os afortunados.

A campaña foi presentada na mañá deste venres na Praza de España de Pontevedra nun acto co tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco. Estiveron acompañados polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e a responsable da firma Pontevedra Digital, Marga Caeiro.

O plan involucra 400 comercios, entre os que se distribuirán desde hoxe 40.000 boletos en paquetes de 100 e 400 unidades de cartelería para pegar nos escaparates.

Fernández valorou que, "nun momento no que parece que comezamos a ver a luz ao final do túnel, en plena fase de vacinación dos nosos adolescentes e co comezo do curso escolar ás portas, a Volta ao Cole suporá un sopro de aire fresco para os ánimos das familias e do noso comercio local".

Segundo explicou Blanco, "a campaña está destinada ao comercio local con venda a pé de rúa en xeral, apostando non só polos sectores directamente vencellados á volta ao cole, senón tamén apoiando a calquera outro negocio de proximidade".  Así, concretou que “Quedan excluídas desta promoción –aclarou a concelleira socialista– as grandes cadeas ou franquías, os profesionais da perruquería e da estética, as farmacias e os supermercados, froiterías e tendas de alimentación, así como a hostalería e restauración, as empresas de servizos e, en xeral, todos aqueles profesionais que non realizan venda de produtos".

A iniciativa estará activa entre os días 1 e 20 de setembro. Os comercios entregarán os ‘rasca e gaña’ aos clientes no momento de realizar as súas compras e aqueles que resulten premiados poderán ser trocados por produtos e servizos en calquera dos establecementos adheridos durante todo o mes de setembro. O listado de firmas participantes estará publicado na páxina web do Concello.