A Gala Provincial do Turismo, que organiza a Deputación, regresará un ano máis cun grande espectáculo musical, audiovisual e sensorial que incluirá a participación estelar de Tanxugueiras e un show en altura de Pablo Méndez Performance, ademais do nomeamento da nova embaixadora Rías Baixas.
O evento terá lugar o xoves 17 de marzo ás 19.30 horas no Auditorio Mar de Vigo e, tal e como desvelou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, este ano "a flamante embaixadora da provincia neste 2022" será a Ruta do Viño Rías Baixas, que lle dará o relevo aos chefs con estrela Michelin que foran distinguidos con este cargo honorífico en 2021.
É a cita máis importante do turismo na provincia e en Galicia
"Esta gala é cita máis importante do turismo na provincia e en Galicia e unha das máis potentes de todo o Estado", afirmou Silva, que tamén salientou que no evento serán homenaxeadas as empresas que contan co selo SICTED, cifra que convirte o destino Rías Baixas en líder estatal.
"O sector ten moito que celebrar", engadiu a dirixente, lembrando que este ano a provincia recibiu en Fitur o premio ao mellor destino turístico nacional.
A actriz viguesa Jazmín Abuín será a encargada de conducir a gala na que as Tanxugueiras interpretarán a súa famosa canción "que parece que a fixeron pensando na provincia de Pontevedra, porque temos xente de todos os continentes", explicou Silva en referencia á campaña turística Love Rías Baixas, que será o fío central do evento.
Ademais, o programa para o día 17 inclúe un espectáculo sensorial de luz, son e acrobacias da man de Pablo Méndez Performance e ao longo do acto proxectaranse varias pezas audiovisuais para amosar "o patrimonio, a costa e o interior, as persoas e as empresas deste extraordinario destino turístico".
A elección da nova embaixadora Rías Baixas 2022 é unha homenaxe a todo o sector do viño
Con respecto á elección da nova embaixadora 2022, a presidenta da Deputación salientou que "é unha homenaxe a todo o sector do viño, e particularmente á nosa Ruta do Viño Rías Baixas", que foi nomeada este ano mellor ruta do viño de España en Fitur.
"A primeira embaixadora foi Emma Lustres, en 2021 foron os nosos grandes chefs, e agora queremos render homenaxe ao mundo do viño, cos nosos marabillosos viñedos, bodegas e caldos que están nas cartas dos restaurantes de todo o mundo. Son un dos nosos grandes atractivos turísticos", dixo a dirixente.
Do mesmo xeito, ao longo da gala entregaranse os diplomas SICTED ás 163 empresas da provincia que este ano obtiveron por primeira vez ou renovaron o distintivo.
Será retransmitida en streaming a través da web e as redes sociais da institución provincial e Carmela Silva invitou a toda a veciñanza a conectarse, pois o aforo no vestíbulo do Auditorio Mar de Vigo, lugar no que tradicionalmente se celebra o evento, redúcese a 350 persoas polas limitacións ás que obriga a pandemia. No público estarán os e as representantes das empresas, alcaldes e asociacións do sector.