Volve soar o órgano

"O meu medo era que os pontevedreses se esquecesen deste instrumento", di Daniel Sanmartín, que actuará este martes en Santa Clara (20.00 horas)
Daniel Sanmartín, este luns, ensaiando no órgano de Santa Clara. DAVID FREIRE
photo_camera Daniel Sanmartín, este luns, ensaiando no órgano de Santa Clara. DAVID FREIRE

"Isto debería ficar aquí", di Daniel Sanmartín sobre o órgano de Santa Clara. "Porque esta mesma situación na que estamos xa se deu outras veces en Galicia e hoxe, por exemplo, hai un órgano de Mondoñedo nunha casa privada en Francia. A min non me gustaría que isto pasase co órgano de Santa Clara. Querería que Pontevedra conservarse o seu órgano, que fose rehabilitado e que pasase a ser parte do patrimonio de todos".

O organista e musicólogo pontevedrés é a persoa que este martes se sentará fronte ao instrumento do antigo convento das clarisas. É tamén o principal impulsor deste concerto aberto ao público (20.00 horas, acceso de balde por orde de chegada ata completar cabida). Este luns, nun encontro coa prensa, contou que o de Santa Clara é un dos tres órganos que se conservan en Pontevedra. Os outros dous están na Basílica de Santa María e no Santuario da Virxe Peregrina e son do século XX. Pero o de Santa Clara é especial. Porque é do estilo barroco ibérico. Foi construído a finais do século XVIII e deses consérvanse poucos. "Son extremadamente raros". Na provincia de Pontevedra só se coñece a existencia doutro na Catedral de Tui e non está operativo. O que se escoita na catedral actualmente é unha reconstrución doutro, realizada nos anos 90.

Daniel Sanmartín no órgano de Santa Clara. DAVID FREIRE
Daniel Sanmartín no órgano de Santa Clara. DAVID FREIRE

"As posibilidades que ofrece este instrumento para interpretar certo tipo de repertorios son únicas", di o organista, que este martes estará acompañado, no coro alto da antiga igrexa, pola Orquesta Clásica de Vigo, dirixida por Manuel Martínez. Abaixo, o público gozará da actuación de cara ao altar, onde haberá unha pantalla na que se proxectarán imaxes tomadas a pé dos músicos.

Cando Sanmartín soubo que o Concello de Pontevedra adquirira Santa Clara, púxose en contacto coa institución para preguntar polo órgano e informar da súa relevancia. Agora, agarda que o Concello e as clarisas cheguen a un acordo para a compra-venda do instrumento e que este poida ficar na cidade. "Son instrumentos delicados, este de máis de 200 anos, que necesitan revisións periódicas e un mantemento máis ou menos permanente a nivel mecánico", explica.

Hoxe o órgano de Santa Clara ofrece "arredor dun 20%" do que podería ofrecer. "E probablemente hai 50 anos xa estaba lonxe de despregar todas as súas posibilidades. A nivel mecánico, por exemplo, as condicións son bastante deficientes", sinala Daniel Sanmartín. "Aínda así quixemos facer este concerto porque o meu medo e o doutros colegas era que a xente se esquecese del ou que se levase para outro lado e perder esta peza única".

O musicólogo puntualizou que non se sabe exactamente cando se deixou de tocar o órgano por parte das monxas (que abandonaron o convento en 2017), aínda que el estima que nas últimas dúas décadas apenas se usou. "Ata estes últimos anos sabemos que as clarisas o tocaban cunha certa asiduidade, pero non sabemos ben cando deixaron de facelo", explica. "Pese a iso, está en bo uso, non foi para nada maltratado senón todo o contrario. E, ao ser un órgano relativamente pequeno, podemos supoñer que acometer a súa rehabilitación non debería supoñer un custo moi elevado".

O músico pontevedrés, que falou de como os organistas se deben adaptar en cada caso ás particularidades destes instrumentos, tamén comentou o por que da elección do programa que se escoitará este martes en Santa Clara, que inclúe obras do seu tempo, de Mozart e Andrea Luchesi, pero tamén outras actuais, de Philip Glass. "O instrumento impúxonos unha serie de requisitos. Non tiña sentido enfrontar unha selección de pezas para as que foi concibido ao non estar ao 100%. Así que eliximos un repertorio que deixase entrever o que é o órgano", sinalou. "E con Philip Glass queriamos demostrar ata onde chegan as súas posibilidades".