O arquitecto David Chipperfield, estrela no regreso de Urbtopías a Pontevedra

O ciclo de encontros contará con catro palestras diferentes, todas elas con referentes internacionais sobre deseño urbano e modelos de transformación para a cidade

Lores, Gulías e Mosquera na presentación de Urbtopias. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Lores, Gulías e Mosquera na presentación de Urbtopias. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra será a cidade que soñará, que soña, coas urbtopías, ese concepto que materializa a través da arquitectura e o deseño do urbanismo novas cidades alternativas e outras formas de habitar e relacionármonos. Así é, a Boa Vila volverá ser punto de encontro para reflexionar e debate sobre o futuro dos espazos que habitamos, cun programa fondo, de carácter internacional, con algúns dos nomes máis recoñecidos do mundo en materia urbana.

A nova edición de Urbtopías foi presentada este mércores a pé de rúa, na praza do Concello de Pontevedra, coas intervencións da concelleira de Promoción Cidadá, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación, César Mosquera; e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Urbtopías trae consigo "un dos programas máis importantes non só a nivel galego, senón a nivel do Estado español e internacional", comentou Gulías.

O programa poñerá sobre a mesa as maiores reflexións sobre as cidades, sendo a Boa Vila o mellor espazo posíbel para este asunto, tal e como foi sinalado na súa presentación.

"A Deputación está encantada de colaborar con esta iniciativa, pois Pontevedra é un exemplo de modelo urbano que transcendeu fronteiras", explicou César Mosquera. "Se algo podo destacar de todo isto, é o concepto de coñecemento e humildade. Levar adiante un modelo de Pontevedra ten unha complexidade técnica, que implicou, para a súa elaboración, un enorme coñecemento de como funcionan as cidades, a todos os niveis e en todos os aspectos. En segundo lugar, esa humildade, que sempre nos fai preguntar que está a pasar no mundo, que se está a elaborar, ver novas ideas e solucións. Creo que aí responde moi ben Urbtopías. Nunca nos detivemos, sempre tivemos ese punto de prudencia e de humildade para sabermos por onde van as cousas, como podemos mellorar e como podemos evitar problemas. Hai que estar continuamente cuestionándose, seguindo as novidades. Queremos estar sempre recavando ideas e adaptalas á nosa realidade".

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, comentou que esta segunda edición de Urbtopías contaba cun programa "excepcional", que entraría dentro dun proxecto que o Concello levaría facendo moitos anos, coa idea de poñer a Pontevedra no mapa, e "creo que o conseguimos". "Cada vez chegan máis solicitudes da mundo para saber que fixemos estes 22 anos, que fixeron os pontevedreses, pois este é un proxecto conxunto", apuntou.

"Cómpre falar de calidade urbana, de facer cidades habitables. Nese sentido, fixemos un programa con catro palestras excepcionais".

As palestras e intervencións quedarían do seguinte xeito:
Rexenerar o Urbano. Espazos culturais como elementos de cohesión
Mércores 13 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra, con:
• David Chipperfield, arquitecto e presidente da Fundación Ría
• Ana Tomé, directora xerente da Fundación Museo Reina Sofía de Madrid
• (Moderador) Alejandro Espiño, xornalista en PontevedraViva.
Recrear o espazo público. A Cultura como estratexia
Luns 18 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra, con:
• Ana Luisa Amaral, escritora e premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana
• Manuel Vilas, escritor e finalista do premio Planeta
• Ramón Rozas, xornalista cultural no Diario de Pontevedra
• (Moderadora) Pilar García Rego, xornalista na Televisión de Galicia
Recompoñer a formula urbana. A incidencia do espazo público
Xoves 21 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra, con:
• Francisco Mangado, arquitecto e impulsor da Fundación Arquitectura y Sociedad
• Joan Clos, ex director executivo de ONU Hábitat e Presidente de AGORA, The new
urban conversation
• Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
• (Moderadora) Ana Pardo de Vera, directora corporativa do diario Público
Repensar o espazo urbano. Novas formas de habitar a cidade
Mércores 27 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra
• Teresa Táboas, arquitecta e membro do Consello de Unión Internacional de Arquitectos
• Ramón Marrades, economista urbano e director de Placemaking Europe
• (Moderadora) Susana Regueira, xornalista no Faro de Vigo.
Toda a información sobre o evento estará dispoñible na páxina web oficial do evento, que tamén contará con contas oficiais de Facebook e Instagram.

A entrada para todos os encontros será libre ata completar aforo.

Comentarios