Volven as Noites Abertas con máis de 90 actividades para o público xuvenil

Presentación de Noites Abertas 2019. CRISTIAN FERNÁNDEZ

A vixésima edición arrincará o día 25 e manterase ata o 6 de abril

Noites Abertas celebra este ano o seu vinte aniversario con múltiples actividades gratuitas para promover o deporte, a cultura e a arte entre a xuventude.

O programa, que empezará o 25 de xaneiro e se manterá todos os venres e sábados ata o 6 de abril, está pensado para mozos de entre 12 e 30 anos aínda que hai certas actividades que contan cunha restrición de idade. 

Para celebrar os 20 anos, Noites Abertas ten un programa composto por 96 actividades —en 234 sesións diferentes— que desenvolverán 161 monitores en 14 espazos diferentes. Para iso, contará coa colaboración de 21 asociacións e clubs deportivos e 18 pemes e emprendedores, segundo informou este venres o concelleiro de xuventude, Alberto Oubiña, durante a presentación do evento.

No "amplo" abano de actividades, inclúense deportes como tenis de mesa, fútbol gaélico ou quidditch, e tamén obradoiros de manualidades ou de cociña, actividades musicais, teatro ou videoxogos.

"O que funciona hai que tocalo o menos posible", indicou Oubiña, quen mantén que vinte anos despois Noites Abertas "continúa co seu espírito de rebeldía". Unha rebeldía que, segundo sinalou o Concello, ten entre os seus vimbios a "aposta pola igualdade e pola integración e o respecto á diversidade".

A edición deste ano, igual que as anteriores, inclué o programa de acompañamento á mocidade con discapacidade intelectual, coa colaboración da Asociación Xuntos. 

Todas as actividades son de balde aínda que hai algunhas con prazas limitadas, polo que cando a demanda sexa máis que a oferta, sortearanse as prazas. O Concello sinalou tamén que nove das 96 actividades precisan preinscrición para as que se abrirá un prazo na web de Noites Abertas.