Volven reclamar unha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo

A segunda marcha popular tivo lugar hai xusto un ano. GONZALO GARCÍA - Vía Verde

Convócanse dúas marchas ciclistas e unha a pé, con Arcade como eixo

O vindeiro día 16 celébrase a Semana Europea da Mobilidade. Co gallo desta efeméride, as asociación de ciclistas Pedaladas e A golpe de Pedal Vigo, xunto coa Asociación Salinas do Ulló de Vilaboa, van convocar, por terceira vez, unha serie de marchas e actos reivindicativos para reclamar aos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo; á Deputación; á Xunta de Galicia; a Adif e aos ministerios de Fomento e de Medio Ambiente unha Vía Verde entre a capital e Vigo, aproveitando as vías do tren que quedaron en desuso, as estradas secundarias e os camiños xa existentes.

Desde xeito, Pedaladas vai facer unha ruta en bicicleta de montaña que complete o percorrido entre Pontevedra (partindo ás 10.00 horas dende a Praza de España) e Arcade (partindo ás 11.30 horas). O regreso previsto á cidade será sobre as 13.00 horas.

Esta ruta require de inscrición previa e está limitada a 49 ciclistas pola lexislación vixente en materia de tráfico e non ser viable organizar unha manifestación multitudinaria e aberta ao público de tanta distancia.

A asociación A Golpe de Pedal convocou unha ruta en bicicleta dende Vigo (saída dende Porta do sol ás 9.00 horas ) ata Arcade, limitada en participantes, polo que é necesario inscribirse previamente. A chegada a Arcade terá lugar sobre as 11.30 horas.

RUTA A PÉ. A asociación Salinas do Ulló de Vilaboa, pola súa banda, organizou unha ruta a pé polas vías do tren dende Arcade (saída ás 11.30 horas) ata Figueirido (chegada sobre ás 13.00 horas). Tén unha lonxitude duns cinco quilómetros e está aberta ao público sen inscrición de ningún tipo.

Pedaladas considera que co cambio de Goberno e o relevo en postos clave de Adif e de Fomento "ábrese a porta a que o ministerio mude o criterio que está a bloquear a desafección do tramo Pontevedra-Ponte Sampaio". Lembra que o tramo de Redondela a Vigo xa está cedido a ámbolos concellos, que xa axilizaron a tramitación dos seus respectivos proxectos para por en marcha esta nova ruta ecolóxica e turística.

O tramo fundamental que queren reclamar agora os defensores da Vía Verde é o que une a capital da provincia con Arcade, e que afecta aos concellos de Vilaboa, Soutomaior e Pontevedra.

Os convocantes afirman ter confirmada a asistencia, nesta nova mobilización, dos alcaldes de Vilaboa e Soutomaior. De feito, engaden que Agustín Reguera "vén pedaleando con Pedaladas dende Pontevedra ata o punto de encontro en Arcade". O Parlamento de Galicia xa apoiou de forma unánime a creación dunha Senda Verde entre Pontevedra e Vigo e a prolonagación da rede cicloturista EuroVelo dende Portugal pola costa de Galicia.