A voz de Uxía volve soar este domingo pola noite na Ferrería dezaseis anos despois

A cantante de Mos e a súa banda farán un percorrido pola súa discografía, con acento lusófono e mestura de ritmos e cores ▶ "Volver a Pontevedra é un presente para min", confesa
Uxía coa súa guitarra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Uxía coa súa guitarra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"A Pontevedra sempre volvo", di Uxía á beira da Illa de Arousa que a adoptou hai alomenos trece anos. "É unha das miñas cidades, teño unha ligazón moi estreita e de afectos", engade a cantante de Mos. E é que é precisamente a Boa Vila a que acubillou o seu Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré que levou a fusionar ritmos e culturas con acento galego. "A última vez que cantei na Ferrería foi no primeiro concerto de Cantos na Maré xa van alá 16 anos", lembra.

Considerada a voz do Atlántico, Uxía confesa sentirse "feliz da vida de volver e de formar parte dun ciclo como Con voz de muller", subliña. "As mulleres son creadoras imprescindibles da nosa cultura".

Uxía, que subirá ó escenario da Ferrería acompañada da súa banda, repasará algúns dos temas máis emblemáticos da súa carreira, nunha noite que prevé moi especial no reencontro co escenario pontevedrés. "É un presente para min".

"A música galega está vivindo un momento dourado. Hai un talento brutal, da música tradicional con tintes contemporáneos", subliña a cantante e produtora musical.

No concerto deste domingo pola noite, que será ás 22 horas e contará con medidas anticovid, Uxía volverá tirar da dozura da súa voz e da música de raíz, marcada pola mestura de sons, a tradición e polos lazos que estreita con outras culturas a un e outro lado do océano.

Arte con voz de muller
O ciclo Con voz de muller clausúrase este domingo pola noite coa considerada voz do Atlántico. A actuación de Uxía, na Praza da Ferrería, enmárcase no programa incluído nas Festas de Verán de Pontevedra. Promovido polo Concello, esta proposta ten por obxectivo visibilizar á muller nas artes escénicas e na música (incluíu tres concertos e dúas actuacións teatrais). Así, a Boa Vila acolleu esta semana as propostas da compañía teatral Chévere co espectáculo As fillas bravas e o mito de Casandra, o pasado mércores. O xoves foi a quenda da compañía A Panadaría, que representou Elisa e Marcela. O venres chegou a música da man das Tanxugueiras. Amparanoia fixo vibrar A Ferrería a noite do sábado e este domingo Uxía porá o punto final ó ciclo.

Comentarios