Willy Toledo virá en marzo co seu último espectáculo a Pontevedra

O actor e activista político, que vén de quedar en liberdade sen fianza tras unha denuncia de Abogados Cristianos, ten previsto presentar a súa obras de teatro 'Vía Morta'

Willy Toledo. ZIPI
photo_camera Willy Toledo. ZIPI

O actor, produtor e activista político Willy Toledo, de actualidade tras ser detido o pasado martes e posto en liberdade este xives, virá a Pontevedra co seu último espectáculo, Vía Morta, no mes de marzo. A obra de teatro, unha produción de Carlos Olalla e Acciones Imaginarias, está coprotagonizada polo propio Olalla, Elena Oliveri e outro actor coñecido en Pontevedra, Iván Prado, que foi director do Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, mentres se celebrou na cidade (entre 2000 e 2003).

A obra forma parte da programación que o Concello ten previsto ofrecer o ano que vén nos espazos que xestiona (Teatro Principal e Pazo da Cultura), segundo confirman fontes municipais. Igualmente, está previsto que Leo Bassi volva a Pontevedra coa súa última proposta escénica.

Segundo se explica na web culturactiva.org, Vía Morta "rompe o convencional sentando ao público no chan do escenario, como se se tratase de refuxiados, separándoo da platea por un valo, desde onde poden ver as butacas baleiras que representan o malgasto da Europa que lles nega a entrada".

Os responsables do proxecto explican que a obra trata de explicarlles aos espectadores, "a través de diferentes escenas e monólogos, como é a experiencia de ser un refuxiado".

Willy Toledo, actor premiado pola Unión de Actores (7 vidas) e no Festival de Cine de España de Toulouse (After), ten desenvolvido unha traxectoria conformada por máis de 30 películas. Ten traballado, entre outros, con Pedro Almodóvar ou Fernando Trueba. Ademais, foi fundador da compañía de teatro Animalario.

Onte quedou posto en liberdade sen fianza tras ser detido o martes ao negarse a declarar ante o xuíz que instrúe a causa derivada da denuncia da asociación Abogados Cristianos, que o acusou de ofender os sentimentos relixiosos.