WWF puntúa a Ence por enriba da media do sector en parámetros ambientais e de transparencia

A compañía valora que a organización destaque "moi positivamente" a xestión da subministración de madeira
Instalaciones de Ence en Lourizán. RAFA FARIÑA
photo_camera Instalaciones de Ence en Lourizán. RAFA FARIÑA

A actividade de Ence nas súas biofábricas de Pontevedra e Navia está "por enriba da media do sector" da pasta de celulosa, o papel e os produtos de embalado en canto a parámetros ambientais e de transparencia. Iso é o que di a avaliación da organización non gobernamental WWF, que nun informe puntúa a campañía cunha cualificación de 74,3 puntos sobre 100.

Atendendo á información divulgada por Ence, no informe Environmental Paper Company Index (EPCI) de 2019 destácase "moi positivamente" a xestión da subministración de madeira da compañía.

O índice elaborado por WWF é unha ferramenta de participación voluntaria que ten como obxectivo aumentar a transparencia do sector, ao mesmo tempo que impulsa a conciencia de como a pasta de celulosa, o papel e os produtos de embalado "poden reducir a súa pegada ambiental".

Ence é unha das trinta empresas que, a nivel internacional, participaron de maneira voluntaria nesta avaliación. Para iso, achegou información dos seus indicadores de abastecemento e consumo de materias primas, certificacións, proceso de produción de celulosa, emisión de gases de efecto invernadoiro e xestión do consumo de auga, entre outros parámetros.

Na categoría de pasta de celulosa, Ence logrou unha puntuación do 74,3% do total dentro do índice EPCI. Sitúase, desta forma, por enriba da media das firmas do sector da pasta (66% de media).

Comentarios