Xa é 8-M en Pontevedra

Concello e Deputación colocan as súas pancartas reivindicativas na véspera da celebración do Día Internacional da Muller. Yoya Blanco e Carmela Silva solidarízanse coas mulleres ucraínas.
Colocación das pancartas no Concello e na Deputación. GONZALO GARCÍA - DAVID FREIRE
photo_camera Colocación das pancartas no Concello e na Deputación. GONZALO GARCÍA - DAVID FREIRE

Se a Subdelegación do Goberno en Pontevedra xa tiña a súa pancarta reivindicativa colgada da balconada do seu edificio dende o venres 4 de marzo, este luns, na véspera do 8 de marzo (8M), Día Internacional da Muller, sumáronselle o Concello e a Deputación Provincial. O primeiro facíao cunha imaxe creada pola muralista Nana para a campaña municipal Terra de mulleres. A segunda, poñendo o foco na denominada axenda da paridade, neste caso cun deseño de Anabel Domínguez.

"Queremos facer fincapé na palabra mulleres porque levamos tanto tempo dicindo 8-M que, ao final, olvídasenos que significa esta data", explicaba a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Yoya Blanco, tras a colocación da lona no Concello. "E o que significa, como di o último barómetro do Centro de Investigacións Sociológicas (CIS), é que as mulleres neste país seguimos a ocuparnos integramente do coidado dos menores, por exemplo". A concelleira, que se lembrou das mulleres que sofren hoxe a guerra en Ucraína, fixo referencia a algúns datos que a xornalista María Varela achegou no seu manifesto.

TEITOS DE CRISTAL. "Seguimos sen romper teitos de cristal. María Varela daba no seu manifesto cifras autenticamente escandalosas. Seguimos sen ocupar cargos de dirección das empresas. Só hai un 17% de alcaldesas e un 13% de presidentas de deputacións. Este é o momento para recalcalo, aínda que non só hoxe e mañá, esta semana e este mes, senón os 365 do ano".

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén participou na colocación da pancarta e mostrou o seu apoio ao que sinalaba a concelleira. "Efectivamente a muller aínda non chegou a ter esa representación de máis do 50% que lle corresponde. Hai moitísimo que facer neste sentido. Ningunha sociedade pode permitirse o luxo de que o 52% da poboación non estea representada e non achegue a súa potencia en todos os eidos da vida social. Polo tanto, temos que facer todo o posible para evitar a discriminación e loitar pola igualdade".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén participou onte na descuberta da pancarta da institución provincial, na que este ano se pode ler Feminismo é conseguir a axenda da paridade. Segundo informou a Deputación, Silva reivindicou a recuperación da axenda da paridade e a abolición da prostitución como "cuestións irrenunciables" nesta data, amais de ter un especial recordo ás mulleres ucraínas, "que deben ter unha atención especial porque son as que máis están a sufrir a invasión". Para a presidenta, que lles reclamou ás autoridades europeas todos os recursos necesarios neste sentido, "sería intolerable non falar hoxe das mulleres de Ucraína, que deben ter unha posición central na toma de decisións".

Axenda do día
11.00. Escalinata do Pazo da Deputación de Pontevedra. A artista e trapecista Sue Moreno combina acrobacias aéreas con teatro, danza e canción en directo. A peza leva por título '4.0'. En caso de chuvia trasladarase ao interior do Pazo Provincial. 

11.00. Subdelegación do Goberno. A subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, preside o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller. 

12.00. Praza da Ferrería. Saída da manifestación convocada polo sindicato CIG. 

20.00. Praza do Hospital. Saída en Pontevedra da manifestación do 8-M convocada polas plataformas feministas de toda Galicia.

Comentarios