Furious Monkey House

Xa non son ningúns nenos

A banda pontevedresa Furious Monkey House publica o seu segundo disco, 'Love, Scum & Dust', cos nenos do grupo convertidos en adolescentes. En agosto compartiron escenario con Vetusta Morla e Xoel López en Vigo, e un dos seus novos temas, 'Echoes', leva máis de 600.000 reproducións en Spotify
Diego, Mariña, Carlota, Amaya e Irene (de esquerda a dereita), acompañados polos dous ‘monos furiosos’ da súa banda, nunha foto promocional. CEDIDA
photo_camera Diego, Mariña, Carlota, Amaya e Irene (de esquerda a dereita), acompañados polos dous ‘monos furiosos’ da súa banda, nunha foto promocional. CEDIDA

Os nenos de Furious Monkey House fanse grandes. A banda de rock pontevedresa, que creou o músico e mestre Gonzalo Maceira en 2013 xuntando nun mesmo proxecto a varios dos seus alumnos, publica o seu segundo disco, 'Love, Scum & Dust' (Universal, Esmerarte, Atresmúsica, 2019), cos cativos convertidos en adolescentes e cun curriculum ás súas costas que inclúe ter gravado o seu primeiro traballo, 'Run' (Esmerarte, 2015), nos míticos estudios londinenses de Abbey Road; compartir manager con grupos tan importantes como Vetusta Morla; ter participado na banda sonora dunha película ('Zipi y Zape y la Isla del Capitán') e ter actuado por toda España ademais de en festivais como o Portamérica. Os rapaces son tan maiores e teñen tanto percorrido, que Maceira, o seu mentor, prefire que se ocupen eles sós da entrevista.

"Non somos famosos! Nin queremos ser!", din, algúns algo máis convencidos que outros. "Non! Qué va! A nós ninguén nos recoñece pola rúa nin esas cousas" (rin). Sen embargo non deixan de escalar chanzos na súa carreira. En agosto ofreceron un concerto memorable no parque de Castrelos, en Vigo, acompañados por dous dos nomes máis importantes do panorama pop e rock estatal, Xoel López e Vetusta Morla. E o tema que lanzaron como adianto do seu novo traballo, 'Echoes', leva máis de 600.000 reproducións na plataforma musical Spotify. "A ver, a nós encantaríanos que a nosa música chegue a moitísima xente, pero a fama e todo o que conleva dá noxo".

Catro anos despois do seu debut, Furious Monkey House volve con algunha novidade como a incorporación dun novo 'mono furioso' á banda, Iñaki Jáuregui, ("queriamos ter un directo máis potente, pensamos que engadir outra guitarra molaría moito e Iñaki, a verdade, sempre estivo aí, así que foi do máis natural, nin o notamos") e a substitución dun dos nenos, Manu, por outro, Diego, que se producíu en 2017. O resto seguen sendo Mariña, Irene, Carlota, Amaya e Gonzalo Maceira, o 'mono furioso' orixinal. "Seguir pola nosa conta, sen Gonzalo, sería moi raro. Aínda que o facemos todo xuntos, o certo é que el sempre foi un pouco o que nos indicou o camiño", di Mariña, a vocalista do grupo, que asume o papel de voceira da banda.

ONCE TEMAS

'Love, Scum & Dust', composto por once temas, foi gravado nos Estudios Bonobo de Pontevedra e en Planta Sónica de Vigo entre decembro de 2017 e agosto de 2018. A produción correu a cargo de Iago Lorenzo, Pancho Suárez de Lis e o propio Gonzalo Maceira. "Levamos dous anos preparando este disco. É un álbum no que participamos moito máis todos", explican. "No primeiro eramos moito máis pequenos [tiñan 9 e 10 anos cando se creou a banda] e as nosas achegas eran moi sinxelas, moi triviais, como os temas que tratabamos, cousas de nenos que hoxe nos parecen parvadas".

Todos concordan en que neste novo traballo se nota moito que medraron. "Hai unha gran diferenza entre o anterior disco e este: os temas que tratamos son máis complexos, as cancións tamén, o son tamén é diferente... Tamén se trata un pouco diso, non? De facer algo novo en cada momento para tratar de mellorar como músicos. Somos moi diferentes, si. Se te paras a pensalo, o cambio foi bestial".

O título do disco ten que ver, precisamente, con esa evolución como compositores que din que sufriron. "Titulouse 'Love, Scum & Dust' porque queriamos que no disco estivesen presentes as cousas que amamos e que odiamos". Coa idade volvéronse máis críticos. "Desprezamos o odio en calquera das súas manifestacións na sociedade. E adoramos estar xuntos, ser amigos e facer cancións".

Hai un par de temas en castelán, pero estamos máis cómodos co inglés

Entre as novidades do disco recén saído á rúa está o emprego do castelán. "Si, hai un par de temas en castelán. Pero a verdade é que, sen ser a lingua materna de ningún, estamos máis cómodos co inglés". Todos coinciden. "Ten que ver con que todo o que escoitamos e todo o que nos gusta é en inglés. Non por outra cousa". Neste sentido, algúns dos 'Furious' seguen tendo as mesmas referencias do comezo, grupos como Nirvana, Foo Fighters, Red Hot Chili Peppers ou Green Day, pero outros desenvolveron outros gustos. Mariña, por exemplo, sinala que escoita moito hip hop alternativo actual. "Gústanme Frank Ocean, Tyler the Creator...".

A madurez da banda nótase tamén na reflexión que fan de cara ao futuro. Sobrevivirá Furious Monkey House ao final da Secundaria? Preocúpalles ese momento? "Preocúpanos moitísimo! Pero aínda é pronto para pensalo. Non sabemos nin o que imos facer. Se iremos a Universidade ou non, por exemplo. Gustaríanos que a banda seguise, claro, pero hai que recoñecer que será complicado", aseguran.

Concerto en Vigo o 20 de setembro
'Love, Scum & Dust', o segundo disco de Furious Monkey House, púxose á venda o venres 13 de setembro. Aínda que o grupo xa tocou en directo algúns dos seus novos temas nos concertos que foi realizando ao longo do último ano, fará a presentación oficial do álbum o 20 de setembro na sala La Fábrica de Chocolate de Vigo (17.00 horas). Invitacións (ata completar o aforo), ao mercar o disco no centro comercial de El Corte Inglés de Vigo.

Comentarios