viernes. 04.12.2020 |
El tiempo
viernes. 04.12.2020
El tiempo

"O Xacobeo aglutina o orgullo dos galegos"

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. ARQUIVO
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. ARQUIVO

Non descarta ampliar o albergue e dá por segura a Fundación Moldes. Pero o que ten sobre todo na cabeza Román Rodríguez é o Xacobeo

CONSELLEIRO de Cultura dende 2015, Román Rodríguez (Vento, Lalín, 1968) deixou de selo de Educación o pasado mes de setembro, nunha reorganización do Goberno da Xunta que o levou a converterse no encargado de liderar o proxecto do próximo Ano Santo, o Xacobeo 2021. Volcado nesta nova responsabilidade, defende unha idea do Camiño de Santiago que involucre ao conxunto da sociedade. Esta semana estivo en Pontevedra para reunirse coas asociacións de Amigos do Camiño e participar nunha ofrenda á Virxe Peregrina.

A Xunta descarta entón definitivamente a ampliación do albergue de peregrinos de Pontevedra, como solicitou o Concello?
Non a ampliación. Nós o que dicimos é que un albergue novo non ten sentido. É posible estudar a ampliación do existente se hai espazo dispoñible. Xa o falei con Tino Lores [presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués] e quedei en facer unha visita ao centro con el. Se é posible, se hai espazo, estudarase facer unha pequena ampliación. Pero un novo non. Non hai ningún concello de Galicia que teña máis dun albergue público da Xunta. Ademais, hai que deixarlle espazo á iniciativa privada. Trátase de que os peregrinos xeren riqueza e emprego por onde pasa o Camiño. Así que novo albergue, non; ampliación, si.

Coñecida a demanda de prazas que existe en Pontevedra, íalle preguntar se a Consellería tiña previsto incentivar dalgunha maneira a iniciativa privada, pero se non descarta ampliar o albergue...
A ver, no nos volvamos locos. A iniciativa privada ten ferramentas suficientes para enfrontar esta cuestión. De feito, existe xa unha oferta de aloxamento importante en Pontevedra. Insisto: temos que apostar por que o Camiño xenere riqueza. Non se trata de que os albergues públicos teñan praza para todos os peregrinos que circulan polas vías xacobeas. Iso non ten sentido.

Si que está na axenda da Consellería solucionar os problemas de seguridade que existen nalgúns tramos, por exemplo, do Camiño Portugués. Estarán resoltos en 2021?
eño unha entrevista solicitada co delegado do Goberno para presentarlle canto antes algúns dos puntos máis conflitivos e intentar darlles solución. Para nós a seguridade, tanto a viaria como a das persoas, é unha prioridade absoluta. Porque se por algo se ten caracterizado o Camiño de Santiago é por ser seguro. Temos que favorecer que o peregrino non se preocupe pola súa seguridade.

Hai colectivos e asociacións, como o Foro do Camiño Primitivo, que denuncian actuacións agresivas de recuperación e asfaltado de tramos do Camiño. Non se está sendo coidadoso neste tipo de obras?
Todas as obras que se fan nas vías xacobeas contan co informe preceptivo dos técnicos de Patrimonio, que soen ser moi respectuosos e escrupulosos cos valores do Camiño. En ocasións pode haber percepcións diferentes dos traballos que se realizan, pero todas as obras que se executan teñen os permisos da Dirección Xeral de Patrimonio e a supervisión de técnicos cun rigor e cun agarimo ao Camiño máis que contrastados.

Non se está actuando entón con precipitación neste sentido?
É que non sei de qué tramo concreto me falas. En todo caso, non é certo: non se fan asfaltados salvo en tramos urbáns ou onde viven persoas.

Outra demanda de distintos colectivos: alongar a distancia que permite conseguir a Compostela para evitar masificar a última parte do Camiño. Baralla a Consellería algún cambio neste sentido?
Tamén hai colectivos que piden exactamente o contrario. E non está masificada a última parte da ruta. De feito, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) fixo un estudio sobre a percepción dos peregrinos sobre este tema e en ningún momentó fala de saturación. Non hai nada inamovible, pero co que funciona, e funciona ben, é mellor non andar a facer experimentos.

Como embaixador do Xacobeo galego acaba de viaxar a Xapón. Que foi facer alí?
Celebrar o 20º aniversario da irmandade entre o Camiño de Santiago e o Camiño de Xapón, o Kumano Kodo. Son dous camiños Patrimonio da Humanidade arredor dos que se fixeron uns actos que serven para posicionar a cada unha desas rutas no outro país. Xapón é un dos países que máis interese demostra pola ruta xacobea e hai que potencialo.

"Todo obxectivo se reduce ao Camiño", criticáballe á Xunta, hai pouco tempo, o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Xosé Ballesteros. Acapara demasiados recursos o Xacobeo?
Eu non o diría así. O Xacobeo é un proxecto integral de Galicia. Non se restrinxe aos concellos polos que pasa o Camiño, que son 120. É un proxecto integral e transversal. Non é só un acto turístico, cultural ou espiritual. Ten moitísimas variables e o que fai é aglutinar o orgullo dos galegos e a nosa capacidade para facer cousas e posicionarnos no mundo. Todos os axentes, sexan do sector editorial, do sector audiovisual, do sector empresarial, do sector deportivo, do sector educativo ou da integración... deben e teñen que ter o seu sitio no Xacobeo.

Sen embargo, o propio Ballesteros di que "na AGE non nos sentimos arroupados pola Xunta". Por que non se acaba de desenvolver a Lei do Libro?
A Lei do Libro é unha lei que está en vigor. Dende a Consellería dáselle un apoio ao mundo da edición como a calquera outro do ámbito cultural. Existen diferentes elos na cadea de valor do libro e, dentro desa cadea de valor, cada un ten a súa responsabilidade. O que hai que facer aquí é apostar por elementos que favorezan que haxa unha maior demanda. O mundo do libro, como outros, viviu momentos moi difíciles, pero afortunadamente está nunha senda de progresiva recuperación.

Máis críticas. "Non é lóxico que o diñeiro público vaia para subvencionar triunfadores". O gaiteiro Carlos Núñez quéixase dunha "competencia desleal" por parte das institucións públicas coa música tradicional.
Creo que esa crítica non ía dirixida á Xunta, senón a un concello concreto. Dáme esa sensación. Creo que aí estás mal informada.

Non fixo extensiva a crítica ás institucións públicas en xeral? Pódese relacionar co Xacobeo. [Nunha entrevista publicada en Diario de Pontevedra o pasado 18 de novembro, Carlos Núñez dicía literalmente: "Vai vir outro Xacobeo e imos volver vendelo a ritmo de rock’n’roll? Creo que sería un erro moi grave"].
Pero é que nós traballamos de xeito moi importante coa música tradicional. E sen descanso. O ano pasado fixemos, por exemplo, unha actividade que tivo un impacto tremendo, que foi o Serán que se fixo no Gaiás. E estamos desenvolvendo un expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) para o baile tradicional. No Xacobeo imos contar con artistas internacionais, por suposto, pero imos favorecer tamén que a nosa cultura de base e os artistas galegos teñan unha oportunidade para reivindicarse. Imos facer unha aposta importantísima pola nosa cultura. Precisamente está por saír o proxecto de O teu Xacobeo.

Acaban de presentalo no Culturgal.
Efectivamente. A través desta iniciativa queremos que calquera colectivo poida desenvolver proxectos dentro da gran marca que é o Xacobeo.

Hai uns días estivo na inauguración das obras do Edificio Fontán do Gaiás. Estará rematada a Cidade da Cultura para 2021?
A idea é que así sexa e que quede pechado o complexo do Gaiás. Estamos pechando xa o Xardín do Teatro, que era o gran oco que quedaba e que se fixo a custe cero, con fondos preexistentes. E agora estamos co Edificio Fontán, que é un inmoble que dará cabida a servicios de investigación interuniversitarios, sobre patrimonio, o Camiño e a paisaxe. E estamos a piques de abrir a conexión directa coa autoestrada. O recinto estará efectivamente concluído en 2021. Agora hai que centrarse en favorecer a conectividade con Compostela. Estanse dando pasos moi importantes neste sentido. A xente considérao cada vez máis próximo, máis seu. Eu estou convencido de que, a partir de 2021, a Cidade da Cultura vai estar perfectamente integrada na vida dos galegos.

Máis cousas que sitúan a Galicia no mundo: a recentísima declaración de Patrimonio Inmaterial da Humanidade por parte da Unesco ás construcións en pedra seca. Vai influír na axenda da Consellería á hora de prestar especial atención á súa conservación, protección, restauración...?
Galicia é un dos territorios que ten unha maior presenza de bens Patrimonio da Humanidade. Fíxate que unha provincia como Lugo ten xa 25 concellos con algún elemento Patrimonio da Humanidade. E vai haber once máis cando remate o expediente da Ribeira Sacra, co que estaremos ante 36 concellos da provincia de Lugo con elementos Patrimonio da Humanidade. Máis do 50%. É un dato importantísimo. Estas declaracións teñen sido fundamentais para Galicia: dende o Camiño á Muralla de Lugo. E estamos traballando agora mesmo para sacar adiante tres declaracións máis: dúas impulsadas pola Xunta, a de Cíes-Illas Atlánticas e a da Ribeira Sacra, e outra por un concello, a de Ferrol da Ilustración. No caso da pedra seca estamos falando dun patrimonio inmaterial. O elemento que a Unesco quere preservar é a técnica construtiva, clave en elementos da arquitectura tradicional galega como as alvarizas, os pendellos ou os valados. Nós o que imos facer é identificar unha serie de elementos representativos das diferentes técnicas ou tipoloxías construtivas vencelladas á pedra seca para facer un catálogo e unha aplicación informática para divulgar estes exemplos o máximo posible.

Vendo a situación inestable do MAC e do Marco, preocúpalle o futuro dos museos de arte contemporánea en Galicia?
A ver, a Xunta de Galicia xestiona o principal museo de arte contemporánea de Galicia que é o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Vén de cumprir 25 anos e ten sido unha peza clave tanto como porta de entrada de artistas internacionais en Galicia como de trampolín de creadores galegos cara o exterior. No caso do Museo de Arte Contemporánea Fundación Naturgy (MAC) xa teño dito que se trata dunha iniciativa privada. Efectivamente, a súa situación actual é moi negativa porque a empresa que o financiaba decidiu abandonar o proxecto. Estamos agardando a ver que pasa finalmente. O caso do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) é máis preocupante no sentido de que é unha institución pública a que renuncia a xogar un papel tan importante como é o apoio aos novos creadores e á arte contemporánea.

Bota en falta a carteira de Educación? Debe estar separada da de Cultura?
Tendo en conta o gran reto que supón o Xacobeo 2021, parece lóxico que haxa unha especialización neste tema en concreto. É moi importante xerar sinerxias entre o mundo do turismo e o mundo cultural. Educación é un ámbito que precisa unha xestión complexa, que esixe máxima adicación e que eu vivín intensamente. Polo tanto, sempre queda unha certa melancolía. Pero estou convencido de que a consellería quedou en moi boas mans, as de Carmen Pomar. Hai que pensar que os ámbitos de cultura e educación, en conxunto, xeran arredor dun 13% do PIB e arredor dun 14% do emprego en Galicia. O escenario que se abre ante a preparación do Ano Santo aconsellaba facer esta separación.

"Estamos traballando na procura dun espazo para a Fundación Moldes"
Manuel Moldes vai ter unha fundación co seu nome? Está a Consellería de Cultura en contacto coa familia para sacar o proxecto adiante?
Si, temos un contacto frecuente coa súa viúva, con May [Díaz]. Estamos traballando conxuntamente, sobre todo, na procura dun espazo físico para expoñer a obra, tendo en conta que son unhas pezas dunhas dimensións considerables, de gran formato. Temos unha liña de traballo aberta e penso que todos os axentes involucrados desexamos o mesmo. Manuel Moldes, un referente en canto á arte contemporánea, non só en Pontevedra ou en Galicia senón en España, ten que ter unha fundación que leve o seu nome e conserve o seu legado. Neste sentido estamos tamén en contacto coa Universidade de Vigo. O obxectivo de todos é manter viva a gran figura, tanto artística como humana, que foi Manolo.

Para falar dalgún tipo de prazo é pronto?
Fundamentalmente estamos traballando na procura dun espazo que sirva como sede. Non é sinxelo.

Pontevedra está recoñecida por premios e institucións como un referente en canto a modelo urbano e de mobilidade. É tamén un referente cultural?
Se pensamos que acolle, por exemplo, Culturgal, a feira máis importante da cultura en Galicia, da que a Xunta é a principal patrocinadora, ou o Museo de Pontevedra, que é un dos principais museos de Galicia sen lugar á dúbidas, estamos indiscutiblemente ante unha cidade cunha intensa vida cultural. Pero penso que podería ter incluso máis. De feito, neste sentido houbo unha proposta do grupo municipal do Partido Popular para reconverter o espazo de San Francisco nun gran espazo cultural para a cidade. Crearíase así un gran contedor cultural no corazón mesmo de Pontevedra.

E no Xacobeo, Pontevedra vai ser protagonista?
Hai uns días estivemos facéndolle unha ofrenda á Virxe Peregrina con colectivos e asociacións de Amigos do Camiño. Penso que é un indicador de que o Xacobeo non é só unha cidade. Compostela obviamente é o punto central de todo o proxecto. Pero non está ela soa. O Xacobeo é un proxecto de toda Galicia onde todas as cidades, sobre todo as vinculadas á peregrinación de xeito histórico, como é o caso de Pontevedra, van ter un protagonismo moi grande. Pero isto vai depender de todos, non só da Xunta de Galicia. Vai depender de que a aposta sexa común.

"O Xacobeo aglutina o orgullo dos galegos"
Comentarios